in

‘Escenas do cambio’ comeza esta semana en Compostela

EszterSalamon |
O Gaiás recibirá do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro a figuras internacionais como Ezster Salamon, Ula Sickle ou Leonor Leal e creadores galegos como Los Bravú ou Pálido Domingo.

 

Escenas do cambio -o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura- arranca este venres cunha programación que permitirá gozar durante esta fin de semana no Gaiás de cinco pezas que xiran ao redor da danza contemporánea e das linguaxes do corpo. O certame –incluído na programación do Xacobeo 2021– reunirá nestes tres días en Compostela a figuras internacionais tan relevantes como Ezster Salamon, Ula Sickle ou Leonor Leal e a creadores emerxentes galegos como Los Bravú ou Pálido Domingo.

A polaca-canadensa Ula Sickle, unha das figuras de danza extrema contemporánea actual, abrirá o festival o venres 31 con Relay, unha peza que pon o foco na resistencia das mulleres na loita para defender e conservar os seus dereitos cunha coreografía baseada en portear e ondear durante máis de catro horas unha bandeira negra xigante.

A obra -de balde e de entrada libre en calquera momento das catro horas da súa execución- inspíranse nas mediáticas e multitudinarias marchas negras que en 2016 irromperon Polonia, cando centos de milleiros de mulleres saíron á rúa para rebelarse contras as medidas sexistas do goberno polaco. A peza pretende ser unha coreografía de carga simbólica en representación dos colectivos e comunidades que senten que deben estar a alerta loitando para que os seus dereitos sexan respectados.

Ese mesmo día tamén se poderá ver Pentecostés, a última obra da compañía Pálido Domingo, estreada estes días no Teatro Ensalle de Vigo e que experimenta coa arte en movemento para crear unha peza intimista, coa linguaxe corporal do cotiá e co que a compañía chama “unha liturxia pagana na procura dun instante” como protagonistas.

A programación do sábado ábrea, en estrea absoluta, a primeira incursión na escena da parella de artístas plásticos Los Bravú, formada por Dea Gómez (Salamanca, 1989) e Diego Omil (Pontevedra, 1988). Segundo os autores, trátase de “retranca, danza e música electrónica para criticar o consumo cultural repetitivo e baseado no automatismo do turista contemporáneo”. En Caderno de vacacións aceptaron o reto-convite lanzado polo director artístico do festival, Pablo Fidalgo, para atreverse a abandonar a súa zona de confort creativa (as artes plásticas) e dar o salto á escena.

O baile e cante flamenco tamén terá espazo en Escenas do cambio 2020. Neste caso, a bailaora Leonor Leal recupera en Ahora bailo yo a reivindicativa e valente peza de José Heredia Maya, quen en 1977 se atreveu a crear e representar unha obra de teatro flamenca, onde se denunciaba a persecución e marxinación do pobo e cultura xitana.

Foi gabada pola crítica, mais tivo o seus custos; recibiu coaccións e ameazas e ata un teatro que a programaba foi incendiado. No entanto, conseguiu sacudir consciencias. Dous anos despois, en 1978, tras unha xira por España, París e Milán, artigos xenófobos do regulamento da Garda Civil cara esta etnia foron suprimidos.


Publicidade

Pechará o domingo esta primeira semana de Escenas do cambio 2020 a prestixiosa e premiada coreógrafa Ezster Salamon, que en M/others volve subirse por segunda vez ao escenario coa súa nai. Unha peza tamén valente para facer fronte, a través da danza contemporánea, as tensións e os afectos das complexas relacións nai-filla e que a artista húngara pretende que teña continuidade con outras intérpretes con idénticos vencellos familiares.

 

Roger Bernat, Gisèle Vienne e Quico Cadaval na segunda semana

O festival retomará a súa programación o xoves 6 de febreiro con outras cinco pezas, entre as que destaca o xuízo a Hamlet por parte dun equipo xudicial real en activo (xuíz, avogado, fiscal, forense e psiquiatra). Nesta obra o dramaturgo catalán Roger Bernat xulga o personaxe de Shakespeare como un asasino común e o público que asista tamén terá un papel activo: converterase en xurado popular. Ademais, a obra ten o atractivo engadido de que se representará (o venres 7 de febreiro) na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Antes desta obra, o xoves 6, Escenas do cambio trasladarase ao casco histórico de Compostela. No Salón Teatro poderá verse a performance Légende de Romain Teule e, a continuación, no Teatro Principal, Dorothée Munyaneza reconstruirá en Samedi Détente o xenocidio da súa Ruanda natal desde a perspectiva real de testemuña deste cruento conflito cando era tan só unha cativa.

Nesta presenza de artistas con proxección internacional, débese salientar a peza de Jerk, de Gisèle Vienne. A partir dunha novela de Dennis Cooper, co que habitualmente soe colaborar, a francesa reconstrué nesta obra o caso real de Dean Corll, quen asasinou nenos en Texas coa axuda de dous adolescentes. A representación destas historias será a través dun actor-ventrílocuo e monicreques.

Pechará o festival, o sábado 8 de febreiro, Tres vellas (polo menos) que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez Guti, que ademais de fiar con humor e retranca historias cotiás e de vida, tamén cociñarán ‘in situ’ para os e as asistentes.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fernando Castro Paredes

Fernando Castro Paredes gaña o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

danza9 |

O sector profesional da danza denuncia o abandono da administración