O espectáculo Liberto, de Marelas Producións, aspira a sete galardóns, mentres que Bernarda, de Malasombra, e Fariña, de Ainé Producións, Undodez e Oqueteño Media, optan a cinco galardóns. Estes tres espectáculos, que acaparan o maior número de finalistas, disputaranse ademais o premio ao mellor espectáculo.
Un total de 16 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns que se entregarán durante a gala dos XXIV Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o xoves 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer esta tarde en Santiago durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi conducido por Mónica García e Rubén Porto, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Miguel Diéguez, director da SGAE para o Noroeste, e Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia, que entregaron a cada finalista os trofeos e diplomas en calidade de representantes das institucións que patrocinan os galardóns do noso teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende 1997.
A obra Liberto, de Marelas Teatro, acadou un total de 7 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actriz secundaria iluminación e música orixinal.
Pola súa banda, a montaxe Bernarda, de Malasombra Producións, rexistra 5 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, texto orixinal, actriz protagonista e actriz secundaria.
Fariña, de Ainé producións, Undodez e Oqueteño Media, acapara tamén 5 finalistas nas categorías de espectáculo, actor protagonista, música orixinal, iluminación e escenografía.
Con 3 finalistas, atópanse seis espectáculos: O empapelado amarelo, da compañía A quinta do Cuadrante, que aspira aos premios de dirección, iluminación e adaptación/tradución; Despois das Ondas, da compañía ButacaZero, que optará os premios de texto orixinal, maquillaxe e vestiario; Hemos venido a darlo todo, de Voadora, que conta con finalistas para os apartados de maquillaxe, vestiario e música orixinal; Vida de Cans, de Talía Teatro; que competirá nas categorías de texto orixinal, escenografía e maquillaxe; Medida x Medida, de Producións Teatráis Excéntricas, que acapara os tres finalistas do apartado de actor secundario, e Neorretranca e Posmorriña, do Centro Dramático Galego, que fica con tres finalistas para os premios de vestiario, escenografía e actriz secundaria.
O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, competirá na gala dos María Casares por 2 galardóns (dirección e adaptación/tradución).
Finalmente, outros seis espectáculos rexistran 1 finalista: Idiota, de Redrum Teatro, que opta a actor protagonista; A compañeira de piso, de Contraproducións e o Centro Dramático Galego, que competirá no apartado de actriz protagonista; e Karelu, de Os Náufragos, tamén finalista no apartado de actor protagonista. Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas; Lambetadas, de Talía Teatro, e Ummm! Unha comedia musical… para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións son os tres espectáculos que unicamente competirán polo galardón ao mellor espectáculo infantil.
Estes 16 espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 26 de marzo. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE ou Gadisa.
Repartición de finalistas por montaxes
- Liberto, de Marelas Teatro (7 finalistas): espectáculo, dirección (Tamara Canosa), adaptación-tradución (Tamara Canosa, María Vázquez), actriz protagonista (Rocío González), actriz secundaria (Cris Iglesias), música orixinal (Lucía Aldao) e iluminación (José Faro ‘Coti’).
- Bernarda, de Malasombra (5 finalistas): espectáculo, dirección (Jose Prieto), texto orixinal (Jose Prieto), actriz protagonista (Luisa Merelas) e actriz secundaria (Celia González)
- Fariña, de Ainé Produccións, Undodez e Oqueteño Media, (5 finalistas): espectáculo, escenografía (José Faro ‘Coti’), iluminación (Laura Iturralde), actor protagonista (Sergio Zearreta) e música orixinal (Novedades Carminha, Santi Jul, Iván Laxe e Sergio Zearreta).
- O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante (3 finalistas): dirección (Tito Asorey), adaptación/tradución (Tito Asorey e Melania Cruz) e iluminación (Laura Iturralde).
- Despois das ondas, de ButacaZero (3 finalistas): texto orixinal (Ernesto Is), maquillaxe (Carlos Pinilla) e vestiario (Carlos Pinilla)
- Hemos venido a darlo todo, de Voadora (3 finalistas): maquillaxe (Fany Bello), vestiario (Fany Bello) e música orixinal (Hugo Torres, Fernando Epelde e José Díaz).
- Medida x Medida, de Producións Teatráis Excéntrica (3 finalistas): actor secundario (Víctor Mosqueira, Josito Porto e Santi Romay).
- Vida de Cans, de Talía Teatro (3 finalistas): texto orixinal (Cándido Pazó), maquillaxe (Martina Cambeiro) e escenografía (Dani Trillo).
- Neorretranca e Posmorriña, de Centro Dramático Galego (3 finalistas): actriz secundaria (Raquel Espada), escenografía (Marta Pazos) e vestiario (Saturna).
- O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia (2 finalistas): dirección (María Peinado) e adaptación-tradución (María Peinado).
- Karelu, de Os Náufragos (1 finalista): actor protagonista (Denis Gómez)
- Idiota, de Redrum Teatro (1 finalista): actor protagonista (Machi Salgado)
- A compañeira de piso, de Contraproducións e o Centro Dramático Galego (1 finalista): actriz protagonista (Patricia Vázquez)
- Lambetadas, de Talía Teatro (1 finalista) espectáculo infantil.
- Umm! Unha comedia musical… para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións(1 finalista): mellor espectáculo infantil.
- Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas (1 finalista): mellor espectáculo infantil