in

Un proxecto de Ernesto Is resulta seleccionado para o programa ‘Nuevas Dramaturgias’ de Euskadi

ErnestoIs2 |
O proxecto de Ernesto Is Canciones amarillas para flores tristes vén de ser seleccionado para se desenvolver ao longo dos próximos meses dentro do programa Nuevas Dramaturgias de Euskadi, coordinado por Teatro Arriaga Antzokia (Bilbao), Teatro Victoria Eugenia (Donostia Kultura) e Red Municipal de Teatros-Teatro Principal (Vitoria).

 

O obxectivo do programa Antzerkinguintza Berriak – Nuevas Dramaturgias é crear unha rede de creadoras/es e dramaturgas/os que, mesturando o habitual traballo en solitario co menos frecuente traballo colectivo, conforme unha canteira de material dramático que lles sirva de referente ás compañías teatrais e á creación escénica. De igual xeito, esta iniciativa pretende fomentar a creación de novos textos teatrais; o texto entendido como unha partitura entregable que un/a director/a teatral poida poñer en escena.

Canciones amarillas para flores tristes é un proxecto dramatúrxico arredor da soidade, un dos principais problemas de saúde pública destes tempos, e o fracaso. A vontade da peza non é outra que documentar a exclusión social que sofren determinados colectivos de persoas –con trastornos mentais, en risco de pobreza, adictos…– a través do microcosmos e as relacións excéntricas e malsás que se establecen nunha sala nocturna. Malia que a temática pode tender ao melodrama, a historia quere contarse desde o humor e a ironía; unha sorte de comedia humana que describa con acidez e crítica a sociedade actual.

Esta idea nútrese de diversos referentes literarios, musicales, cinematográficos e teatrais. A temática principal, as relacións de amor-odio dos personaxes e o uso poético e simbólico das flores son aspectos dramatúrxicos influenciados directamente por Cien años de soledad de Gabriel García Márquez. As películas Le Bal de Ettore Scola, ¿Quién te cantará? de Carlos Vermut e Ginger & Fred de Federico Fellini ou as obras de danza-teatro Cafe Müller e Kontakthof, son outros referentes do proyecto; en concreto as súas estéticas definidas, o ton que empregan á hora de abordar a desilusión vital e, no caso dos espectáculos de Pina Bausch, o deseño da dramaturxia do son, cun coidado traballo na súa banda sonora (música e silencio).

 

Sinopse


Publicidade

Marla acaba de chegar á cidade, busca empezar de cero. Conduce un programa de clásicos musicais nunna emisora que ninguén escoita. Unha depresión consume a Iris desde que o seu marido a abandonoou por unha muller moito máis nova. Mauricio varre as rúas polo día desexando que caia a noite para mostrarse tal e como realmente é. Todos eles frecuentan El Jardín, un karaoke de mala morte onde a soidade e a gris realidade das súas vidas desaparece no momento en que soben ao escenario e as luces de cores os iluminan. Pero esta madrugada é diferente: está en xogo o premio ao Mellor Cantante do local e ningún deles quere engadir un novo fracaso ao seu xa longo historial. Canción tras canción, copa tras copa, confesión tras confesión, os cuatro lanzaranse a unha batalla feroz onde os seus medos, as súas dores, as súas miserias e as súas esperanzas abrollarán como fráxiles flores entre as fendas dos muros.

 

Ernesto Is

Ernesto Is (Xixón, 1988) logrou o Premio Abrente coa obra Fendas en 2016. Fundador, xunto con César No, da compañía Feira do Leste, estreou con ela dous espectáculos: O exilio das moscas e Tras Tannhäuser, obra seleccionada no Programa de Creación Injuve. En 2017 foi seleccionado dentro do VI Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales con El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas. Gañou o XVII Premio Rafael Dieste de Teatro con Despois das ondas, unha peza teatral na que recupera a memoria histórica a través da grande actriz galega exiliada en Francia, María Casares, posta en escena por ButacaZero con dirección de Xavier Castiñeira. En 2018 participou no Grupo de traballo DramaturXa promovido polo CDG, coa obra Onde veñen morrer as baleas. É un colaborador habitual da erregueté | Revista galega de Teatro, na que publicou, no número 85, O ceo baixo Berlín.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CuacFM |

As dúas Galicias

Rogelia Dos Outeiros

Rogelia dos Outeiros estrea ‘Soa’, de Darío Fo e Franca Rame, para conmemorar o Día da Muller Traballadora