in

Schumann amateur

SchumannAmateur |

Vivir a música

| Ana Abad de Larriva |
| Foto: David Rodas |

 

“Pensa na música como un río que flúe”. Ese seica foi un dos consellos que Friedrich Wieck lle deu á súa filla Clara, antes de que se convertese nunha pianista e compositora brillante e nunha figura imprescindible da música do século XIX. E os ríos cando flúen poden pasar por zonas de calma e, de súpeto, sentir como as súas augas se axitan antes de precipitarse por unha fervenza, como os sentimentos dos e das artistas do Romanticismo.

Schumann amateur, terceira entrega da serie Amateur, é unha peza postespectacular, unha sorte de concerto performativo que se afasta do canónico. Nela un home, de costas ao público, toca o piano sen practicamente pausa, enfiando canción tras canción, mentres nunha pantalla se proxecta un texto, que decorre, flúe, tamén sen case deterse. A través desta narración descóbrese a atracción dese “tipo que toca o piano”, Rubén Ramos Nogueira, pola figura de Clara Schumann, e vanse desenvolvendo detalles da biografía da pianista e compositora, en que se suceden alusións a toda unha serie de personaxes que, dalgún xeito ou doutro, tiveron influencia na súa vida (o seu pai, Paganini, Liszt, Brahms…) e, en especial, á súa relación co seu marido, o compositor Robert Schumann. Iso combínase con diferentes referencias á propia relación de Rubén Ramos Nogueira coa música romántica e co romanticismo en si mesmo. A pesar de que hai un certo abuso do recurso do texto proxectado; polo xeito en que está redactado e pola simplicidade de elementos escénicos, faise ameno seguir a lectura ao tempo que se escoita a música en directo.

Schumann amateur é unha proposta moi interesante que non só se achega a unha figura fascinante e non tan coñecida como debería, a de Clara Schumann, senón que tamén fala sobre o amor, a paixón, a loucura: a vida. E faino mediante a música, con ese pianista amador, como el mesmo se define, que desenvolve o seu concerto interpretando composicións e adaptacións das diferentes figuras que van aparecendo na narración; e tamén a través da aparición en escena desa muller (Núria Lloansi) que baila freneticamente, dun xeito obsesivo, abafado; mentres o son da súa respiración axitada compite contra o son do piano, e que nos fala sobre a intimidade, sobre o respecto ao mundo íntimo dos outros e das outras, sobre os xuízos de valor.

A peza tamén se achega ao liberador que pode ser sentirse ou ser considerado amador en algo e seguir facéndoo dende aí, e leva a que unha se pregunte onde están as fronteiras entre o amador e o profesional, como rachar coas elites, cos límites establecidos… Nesa liña, é moi interesante tamén como se refire á muller na creación e práctica artística aínda que sorprende que, nunha peza con tantos valores positivos cara ao recoñecemento do rol da muller (na vida) e na arte e que critica os xuízos de valor sobre os outros e as outras, nalgúns momentos da narración que se desenvolve no texto proxectado se agochen un par de lecturas e xuízos de valor sobre certos aspectos da vida de Clara Schumann que contrastan co anterior.


Publicidade

Este concerto performativo é unha acción política, como se nos lembra recorrentemente nas proxeccións: “Esto es arte político”, e, máis alá das palabras, o verdadeiro centro de Schumann amateur é a música e o amor pola música, e esa visión que tiña Clara Schumann (a quen se lle chamou sacerdotisa da música) da pianista que desaparece en escena para que, a través dela, a música brille con toda a súa forza, algo que tamén se ve nesta peza, que achega momentos moi fermosos.

 

Schumann amateur, de Rubén Ramos Nogueira

En escena: Núria Lloansi, Rubén Ramos Nogueira, Macarena Montesinos e Elena Vázquez.
Música en directo: Clara Schumann, Robert Schumann e Johannes Brahms.
Dirección: R.R. Nogueira.
Texto: R.R. Nogueira.
Deseño iluminación e dirección técnica: Antoine Forgueron.
Tradución: Núria Rodríguez.
Fotografía: Dorotthee Elfring.
Gráfica dossier: Quim Deu.
Produción e distribución: Olga Álvarez.
Producido por: Antic Teatre.
Coprodución: Festival TNT e o Konvent de Berga.
Colaboración: L’Estruch, Casa Orlandi, La Poderosa e Nyamnyam.
Co apoio do Departament de Cultura de la Generalitat de Catalunya.

Festival Isto Ferve. Teatro Ensalle. Vigo. Domingo 23 de febreiro de 2020.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AlineCantiaChicoDoCeu |

Xa á venda as entradas para as galas do Festival Atlántica de narración oral

CuacFM |

As dúas Galicias