Fraxilidade e impermanencia
| Ana Abad de Larriva |
| Foto: David Rodas |
Como volver construír aquilo que non se pode reconstruír? Como crealo de cero, dándolle una nova vida? O Teatro Ensalle clausurou a edición do festival Isto Ferve deste ano cunha proposta que se mergullaba nesas cuestións. Despois das inundacións que sufriu a sala hai un ano e que causaran o seu peche temporal para acometeren os labores de limpeza e reacondicionamento, o Ensalle convidou a Antonio Fernández Lera para que volvese escribir poemas de Vida e materia nas paredes recentemente pintadas do teatro. No vestíbulo, enmarcados, aínda se podían ver fragmentos das antigas frases, en anacos de pintura branca sobre fondo negro, rescatados tras o alagamento.
O evento comezou coa propia acción de Antonio Fernández Lera escribindo (esta vez con pintura negra sobre fondo amarelo) varios poemas de Vida y materia nas paredes dunha das salas, acompañado pola relación performativa que establecían Raquel Hernández, Artús Rey e Carmen Menager coa arquitectura do espazo. Despois pasouse ao teatro, onde os catro, xunto con Pedro Fresneda (que antes estivera a documentar filmicamente a acción), desenvolveron unha lectura (des)dramatizada de poemas de Vida y Materia e Libro de alegrías, así como tamén de Poemas lentos (todos eles publicados na colección La Garza Roja) e fragmentos do texto Entreactos (publicado en Pliegos de teatro y danza).
As lecturas desenvolvéronse nun primeiro lugar nas bancadas para despois pasar a unha mesa situada no centro do escenario; os espectadores e espectadoras estabamos situados/as en cadeiras que bordeaban parte do escenario e subían polos laterais dos chanzos. Pola sala escorregaban os versos sobre a vida e a materia; a súa fraxilidade, a súa impermanencia.
Ao remataren as lecturas, fomos convidadas/os a achegarnos ao centro do escenario para asistir á proxección no chan (onde antes estivera a mesa) dunha serie de fotografías de Antonio Fernández Lera, que reflectían a fermosura de diferentes formas e texturas da materia, moi relacionadas cos poemarios que se viñan de presentar.
Vida y materia / Entreactos / Poemas lentos, de Magrinyana / Antonio Fernández Lera
Participan: Antonio Fernández Lera con Raquel Hernández, Artús Rey, Carmen Menager e Pedro Fresneda.
Festival Isto Ferve. Teatro Ensalle. Vigo. Venres 6 de marzo de 2020.