A Unión de Actores cre que as perdas económicas e laborais no sector son insostibles, e pide diálogo co Ministerio desenvolver medidas para paliar a situación do sector artístico ante a crise.
As perdas económicas no sector da interpretación ascenden no Estado a máis 6,8 millóns de euros, mentres que os despedimentos afectaron a un 23 por cento da profesión. Son os resultados dun informe que o sindicato estatal Unión de Actores y Actrices elaborou a partir da resposta de arredor de 1.500 profesionais a un cuestionario sobre o impacto da crise desatada polo Covid-19.
O sindicato destaca que a enquisa responde á falta de resposta da patronal, así como pola “ausencia de medidas específicas do Goberno e o Ministerio de Cultura que xa se levaron a cabo noutros países europeos como Italia, Francia ou Portugal”. O sindicato subliña que dende que se decretou o estado de alarma o pasado 16 de marzo, o Goberno non tivo en consideración aos traballadores da cultura nas medidas tomadas neste tempo.
A Unión de Actores cre que as perdas económicas e laborais no sector son “insostibles”, polo que afirma estar disposta a “dialogar” co Ministerio “para axudar a desenvolver medidas concretas e necesarias para paliar a situación do sector artístico” ante esta crise, para o cal, segundo destacou o secretario xeral, Iñaki Guevara, é precisa “a predisposición das administracións”.
De igual xeito, este sindicato advertíu de que os actores conviven no seu traballo coa intermitencia, polo que existen “contratos por obra e servizo que non se fixeron efectivos”; ou con “falta de días cotizados para pedir a prestación de desemprego polo carácter intermitente da profesión; ou co “descoñecemento por parte das administracións do réxime de artistas”, entre outras situacións ás que os traballadores deben facer fronte.
Por estas razón, a Unión de Actores cre necesario que o Goberno adopte medidas específicas no sector cultural ante o “estado de alarma e a crise sanitaria, que fixo abanear os alicerces de todos os sectores da sociedade”, e que “tamén machucou a actores, actrices, técnicos ou guionistas”.
Polo de agora, nin o Estado Español nin a Xunta de Galicia anunciaron axudas específicas para a cultura.