| Esther Carrodeguas |
Dentro da burbulla todo ben, grazas.
Comemos, lemos, escribimos, vemos series, sae o sol todos os días e esta semana ate pechei un bolo para agosto, facendo como que todo é normal e que en agosto vai haber teatro nos teatros e festivais #fóradacasa.
Fóra da burbulla, a cousa vai peor. Iso din. Hai mortos en pistas de xeo ou algo así: tantos (e tantas) que as estatísticas comezan a mentir. Seguen a subir as curvas (todas as curvas). Os test chineses fallan e hai que devolvelos por Amazon (por qué non os faremos aquí?…). E ademais foi o aniversario de Amancio Ortega e o pobre non puido ir á fábrica, como tanto lle gusta. Por último, esta noite cambiou a hora, e eu tiven unha hora menos para pensar este artigo.
Como vedes, non estou 100% informada. Aquí temos restrinxidas as novas. Unha medida tomada antes de que saísen todos eses artigos dicindo que é mellor restrinxir as novas. Restrinxímolas porque nos facían mal e porque ademais: que imos poder solucionar nós dende a burbulla?
Esa sensación de non pode facer nada, lévoa mal. É algo que levo pegado sempre ao corpo, en xeral, en tanto que artista, pero en circunstancias terríbeis, lévoo peor. Tendo a pensar que se eu fose enfermeira, ou caixeira de supermercado, podería sentir que estou facendo un ben ao mundo e que iso me achegaría un aquel de benestar mental. Supoño que é nada máis que unha trampa da cabeza para colocarme contra a parede (contra a cuarta parede) porque a verdade é que e non me vexo día tras día mirando como se arrebolan os enfermos e enfermas nas cadeiras dos corredores dos hospitais.
O caso é que eu viña para falar precisamente desa parede [a cuarta] que agora se converteu nunha cámara pegada a un móbil. Coa escusa de que a xente nos necesita, @s produtores de cultura afanámonos en falarlle ao mundo grazas ao estilo selfie. Mola. Somos guais. Salvamos á xente do seu aburrimento. Nin sequera en corentena nos permitimos aburrirnos un pouco nin deixar que o resto se aburran [outra das cousas que me fan desconfiar das lecturas en positivo desta ‘parada’]. Habería que ver quen necesita a quen [nós ao público ou o público a nós]. E sobre todo haberá que ver se cando todo isto remate, se remata, seguiremos a facelo todo gratis/a billeteira [como nos recorda a crise do 2008] porque non hai pasta ou porque a pasta se ten que gastar nas cousas serias [non nos necesitaban tanto? Ou eramos nós os e as que…?].
O caso é que habería tamén que reflexionar sobre como, cando ou por que se fan todas estas cousas gratis. Eu escribo estes artigos porque me sae da gana, e publico na erregueté, non para La Voz de Galicia, a eles cobraríalles. Igual que Sabela Galbán fai vídeos gratis para os seus colegas, pero non me parece nin medio normal que a TVG lle pida que traballe gratis [polo que vos prego que non vos perdades o éxito ‘Ti aplaude, Albertiño!’ de sabela_anetadapementela en Instagram].
Outras colegas que teño vense presionadas polos seus xefes/as a facer vídeos de ioga na casa para as alumnas sen ningún tipo de contraprestación económica. Da que pensar mesmo algúns concellos propoñan iniciativas interesantes coas que dar visibilidade [e apoio?] á cultura local… pero sen sacar a chequeira. Que eu saiba, os e as artistas estamos confinados na casa, e facemos -se podemos- teletraballo, non teleONG. Por suposto podemos facer vídeos gratis os que nos dea a gana se así o desexamos, colaborar coas asociacións que nos saia da cona e escribir cartas aos pacientes de oncoloxía do hospital para axudar a facer máis levadeiro o cativerio ás persoas que o están pasando verdadeiramente mal. Pero se un concello/empresa/organización quere un servizo, terá que pagalo, digo eu, como eu pago aos traballadores que teño en activo mesmo en época de confinamento e como pago tamén a barra de pan. E se un concello quere apoiar ás persoas facedoras de cultura que quedaron na estacada sen un maldito ingreso monetario neste mes –e os que veñan-, non lle queda máis remedio que apoquinar [e aínda desexo que así o fagan!]. E xa de paso, se un concello quere apoiar a súa cultura, ten que apoiala con orzamentos anuais, con residencias, festivais…
Todo isto aínda me leva a outro debate que aproveito para re-abrir. Se as teatreiras somos un ben para o pobo: por que non somos asociacións sen ánimo de lucro no canto de ter que nos mover coas leis do mercado e do AGADIC coma se quixésemos facernos ricas?
Na burbulla, como dicía, todo ben, grazas.
Mañá xa será luns e volveremos teletraballar.