| Esther Carrodeguas |
Ate o corenta de maio, etcétera.
Hoxe estou triste.
Durante a semana, cando me levanto sen forzas, poño La revolución sexual, de La Casa Azul, e fago abdominais. Xa así pola mañá. Atope. Para poder teletraballar. Funciona moi ben. Vinllo facer a Sol Picó, e pareceume que podía collela a ela como modelo do meu adestramento diario. Sol Picó di que temos que cantar, mentres facemos abdominais, é o máis importante. Escolleu esa canción porque disque no verán xa nos chegará a Revolución Sexual. Eu, concretamente no sexual, non teño queixa. Pero de abdominais non ando tan sobrada, e a revolución sempre fai falta. Así que poño La Revolución Sexual e canto atope. Tamén hai un TikTock por aí que insiste nesa enerxía positiva. Insiste no sorriso. Mesmo eu, nalgúns dos obradoiros que imparto, adoito facer ver o que o corpo pode facer pola túa mente. Erguer o peito, poñer un sorriso: cámbianos. Construímo-nos conscientemente, e funciona.
Porén hoxe estou triste, e quero deixarme estar así. Non penso facer abdominais a ritmo nin poñer sorrisos nin cantar nin nada de todo iso. Quero estar triste, acaso chorar, eu que sei. Deixarme levar pola emoción coa que me erguín aínda que non sexa positiva, aínda que sexa como a choiva que vexo caer pola fiestra abaixo, como as mortes das persoas abandonadas nas residencias, como os senteito estadounidenses separados de metro en metro en aparcadoiros para coches, como a morte de Aute sen beleza, como a sensación de baleiro dos sanitarios que non poden facer máis do que fan.
Onte aburrinme. Foron os peores dous minutos do confinamento. Por dous minutos, bloqueeime: non sabía que facer. Ás 19:00 tiña pensado facer exercicio, e ás 20:00 aplauso. Ás 20:20 videochamada coa family. Ás 21 birrachamada con Luz. Pero ás 18:30, exactamente ás 18:30, non sabía que facer. Levaba lendo metade do día, non me daba a cabeza para máis, e sufrín a insoportable levidade do ser de 18:30 a 18:32, cando decidín baixar a tirar o lixo para que me dese o aire. Luvas, protocolo, lavada de mans, etcétera.
Cando estou xa a piques de comezar o adestramento [19:00h] Belén Constenla di por wasap que quizais en outubro haxa un novo confinamento. Poño La Revolución Sexual. Abdominais pero atope, hai que queimar esa mensaxe como sexa, mentres penso que cona podo facer para reconducir a miña vida e xerar pasta dende esta casa. Como reciclarme. Ser youtuber, instagramer, ser que?
Pola noite, aínda que é sábado, dáme por ordenar o ordenador. Era algo que tiña pendente de fai tanto que me parece que navego como pola vida de outra persoa que [xa] non son eu. E quizais parte da tristura de hoxe ven [tamén] de aí, dese atoparte contigo mesma sendo [xa] outra. Dese re-encontro con todas as cousas que fuches e xamais remataches. Con todas esas inacabadas experiencias, inacabadas sensacións, inacabados proxectos. Atoparte contigo mesma pero tan de outra maneira que non te re-coñecer As fotografías de cando quixeches ser fotógrafa. As curtas de cando quixeches facer cine. Os artigos de cando quixeches ser xornalista. Os contos de cando escribías narrativa…
Mergullarte nesa vida tan cambiante e preguntarte por que acabaches por frear precisamente no teatro que neste cativerio é [tan] imposible de facer. E pensar que quizais agora que xa non queres cambiar a ningún outro lugar, a vida te vai facer xirar.
Hoxe estou triste.
Ate o corenta de maio, etc.