Resumen as súas peticións en quince puntos que “precisan respostas urxentes”.
O pasado 20 de marzo, a maior parte das asociacións profesionais do sector cultural galego consensuaron un documento, que remitiron á Xunta de Galicia, no que había unha serie de propostas concretas e asumibles tanto para a administración central como para a autonómica.
Hoxe, esas asociacións veñen de asinar outro comunicado no que denuncian a falta de resposta do executivo galego. “Aínda non hai ningún anuncio concreto por parte da Xunta de Galicia tras finalizar ronda de contactos sectoriais, algún deles incluso en dúas ocasións. O único anuncio é un plan de préstamos blandos do IGAPE común para toda a economía galega”, lembran.
O novo documento resume as peticións e reitera “a necesidade de ter xa medidas concretas para o cumprimento destas propostas e comenzar a solventar a problemática dun sector estratéxico e vital para a convivencia como é o cultural”. Ao tempo, o comunicado insiste en que é importante “que a Xunta de Galicia manifeste claramente o seu posicionamento a prol de considerar a cultura un ben de primeira necesidade con clara incidencia positiva na convivencia e na democracia”.
O documento será enviado tamén ás distintas forzas políticas “para que se posicionen e se compromentan a integralo nos seus programas electorais”, de cara as vindeiras eleccións, asó como ao Consello da Cultura, xa que consideran importante “coñecer a súa valoración do mesmo” e as posibles achegas que considere oportuno introducir.
As quince medidas máis relevantes e das que se precisan respostas urxentes, que resumen o documento orixinal, son:
- Reprogramar o Xacobeo 2020 e 21 para o fortalecemento real da Comunidade Cultural Galega.
- Crear a Receita Cultural para garantir o acceso á Cultura de toda a poboación, incluida a máis afectada pola crise económica.
- Adaptar todas as convocatorias de Subvencións e becas culturais á realidade actual. Garantir anticipos de tesourería.
- Compromiso por parte de todas as administracións galegas da execución do 100% do orzamento destinado á programación e actividade cultural no 2020.
- Compromiso da NON CANCELACIÓN de ningún proxecto cultural, incluidos os formativos que sexan viables online, que xa estaban aprobados.
- Ampliar ata marzo 2021 os ciclos de programación 2020 e anticipar un mínimo do 50% dos caché na data prevista inicialmente.
- Posibilitar a contratación de actividades e actuacións en streaming e formato audiovisual pregrabado para emitir on line.
- Novas liñas de axudas para a creación, investigación e preprodución para proxectos futuros nos espectáculos ao vivo e na xestión cultural. Así como para dotación de equipamentos e ferramentas de novas tecnoloxías e acceso a internet de calidade.
- Axudas para publicacións de arte e revistas dixitais para impedir o colapso do sector.
- Redefinición do plan estratéxico para o sector cultural a medio prazo, potenciando a cultura galega dentro e fóra do país.
- Recoñecemento do libro galego como “estratéxico e prioritario” para a cultura galega, tal e como figura na Lei do Libro e da Lectura de 2006.
- Reparto equitativo e accións dentro do plan de urxencia de 25 millóns de euros anunciado para o sector “cultural e turístico”.
- Implicación da Radio e Televisións de Galicia con múltiples contidos que representen a todo o sector cultural galego nas suas programacións con orzamento definido e específico.
- Elaboración dun plan de profesionalización do sector cultural e a loita contra a precariedade no mesmo.
- Atención ao colectivo de mulleres do sector da arte contemporánea (tanto de artistas como críticas, galeristas, comisarias…) así como as xestoras culturais e persoal técnico que, unha vez máis, están a ter que conxelar as súas carreiras para asumir os coidados nesta crise sanitaria que asola ao noso país.
Por último, os asinantes consideran fundamental a creación dunha Comisión de seguemento do Plan de acción elaborado, con especial fincapé no mantemento do emprego no sector cultural galego.
As entidades que asinan o documento son: