in

O Goberno central aproba axudas á cultura cun valor de máis de 75 millóns de euros

Cultura |
O Ministro de Cultura e Deportes, Jose Manuel Rodríguez Uribes, anunciou onte axudas directas para a cultura, prestación de desemprego para artistas, deducións fiscais e adiantos para espectaculos aprazados.

 

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o real decreto-lei polo que se aproban as medidas de apoio ao sector cultural para facer fronte ao impacto económico e social do Covid-19. O Goberno Central destina 76,4 millóns de euros que se desglosan en diversas medidas de axuda extraordinaria e créditos brandos.

Semanas despois do malestar producido pola negativa inicial do Ministerio de Cultura de aplicar medidas específicas acordes coas características do sector, a presión e as propostas achegadas remataron coa aprobación onte no Consello de Ministros dun paquete de medidas nas que figuran as axudas directas, créditos vantaxosos e incentivos tributarios, ademais de medidas de apoio xerais.

Liñas de crédito. De cara á inxección de capital, o real decreto-lei destina unha liña de crédito específico para pequenas e medianas empresas que será xestionado pola sociedade de garantía recíproca CREA SGR. Esta entidade mediadora recibirá unha suma de 20 millóns de euros para poder habilitar ata 780 millóns de euros distribuídos en seis liñas -audiovisual, artes escénicas, industria musical, industria do libro, belas artes e outras empresas do sector- e recibindo cada unha delas unha achega de 40 millóns como mínimo.

Prestación de desemprego. Debido ao carácter intermitente e discontinuo dos contratos de traballo do sector artístico, especialmente nas artes escénicas e na música, o documento articula un acceso extraordinario á prestación por desemprego. A duración da axuda, que será dun máximo de 180 días, calcularase tomando como referencia os períodos de ocupación cotizada no ano anterior. Así, se se realizaron entre 20 e 54 días de actuación, a duración da prestación será de 120 días. No caso de que fosen realizados 55 días ou máis de actuación, a duración da prestación será de 180 días. Con esta axuda, que será incompatible con outras percepcións ou rendas concedidas por calquera Administración Pública, o Goberno central “responde a unha demanda histórica do sector ao recoñecer a intermitencia laboral e a especial vulnerabilidade” das traballadoras da cultura.


Publicidade

Axudas extraordinarias. Co obxectivo de apoiar o sector, a terceira liña de actuación específica para as artes escénicas establece un total de 38.200.000 euros dos que que 23.700.000 euros corresponden a axudas extraordinarias de carácter excepcional e que se suman aos 14.500.000 euros da convocatoria ordinaria de subvencións. Ditas axudas articularanse en dúas liñas de acción como son: apoio ao mantemento das estruturas de artes escénicas e musicais e as axudas ás actividades escénicas e musicais e proxectos culturais.

Adiantos e indemnizacións. De igual modo, o paquete de medidas inclúe o adianto de pagos do sector público de contratos de interpretación artística e de espectáculos non superiores a 50.000 euros. Así, o goberno central posibilita o adianto de ata o 30% do prezo dos contratos adiados e a indemnización de entre o 3% e o 6% do prezo dos contratos cancelados.

Deducións fiscais. Por último, as medidas recollen o aumento das deducións fiscais de Lei de mecenado, elevando un 5% as porcentaxes de redución previstas para as doazóns efectuadas por contribuíntes do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas. Con esta modificación, os importes de dedución pasan do 75 ao 80% para os primeiros 150 euros e do 30 ao 35% no que exceda esa cantidade.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AamnesiadeClio5 |

A ópera ‘A amnesia de Clío’, de Voadora, estrease na televisión o sábado 16 de maio

Miau 5 |

Teatro del Andamio únese á nova Red Escena Iberoamericana