Escenógrafo, figurinista e activista teatral. A dilatada carreira de Carlos Alonso levouno a traballar cunha gran cantidade de compañías e creadoras galegas: Talía Teatro, Xúlio Lago, Teatro do Morcego, Cándido Pazó, Chévere… A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recoñeceu a súa traxectoria co Premio de Honra ‘Roberto Vidal Bolaño’ na edición de 2018.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Non teño mesa de noite pero si moitos libros polo chan. Aproveito este retiro forzoso para ler títulos que esperaban hai tempo (anos) o seu momento: Los detectives salvajes de Roberto Bolaño, Suburbio de John Cheever, Octubre en el menú de Manuel de Lope, El mundo del objeto a la luz del surrealismo de Juan Eduardo Cirlot… Hai tantos… Tamén repaso todo o material que se vai acumulando sobre teatro, cinema, arte ou moda.
A túa banda sonora destes días.
Estes días é mais ben de “ambiente sonoro”: ruído ambiental, asonancias varias, gargalladas de rapaces xogando, cachivaches diversos, chiar dos paxaros e os ecos afastados que escoito desde a miña parroquia.
O último filme que te impresionou.
Non vexo filmes para que me “impresionen”. Estes dias estou revisando e desfrutando con Éric Rohmer e Ingmar Bergman. Tamén con Jacques Rivette e un título del que descoñecía: La bande des quatre (co teatro de fondo). Por aí vai a cousa…
A obra de arte na que te perderías agora.
Calquera cidade, aldea ou bosque. Mais que perderme, gústame deambular sen rumbo polos sitios e lugares.
A peza que che gustaría dar forma.
A un traballo colectivo con xente que coñeza ben o seu oficio e saiban gozar do proceso creativo. O demais xa se verá.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Que medo! Para tomar unha caña non necesito acudir á historia. Teño suficiente con amigos ou descoñecidos, pero aquí e agora.
Se non foses escenógrafo, serías…
O que son: un curioso de todo, un activista teatral. Sempre.