A presenza de artistas galegas deberá ser dun 60% para poder acceder a estas axudas.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) convoca as subvencións a festivais de artes escénicas. A axencia destina a estas axudas un orzamento de 190.000 euros, o mesmo que en 2019 e que non chegou a esgotarse.
A resolución de bases e convocatoria asegura que a Agadic é “consciente do momento crítico polo que está a pasar o sector cultural derivado da declaración do estado de alarma” e entende que se require a “adopción de medidas e accións que permitan apoiar o sostemento dos festivais de artes escénicas de Galicia”.
No que se refire ás condicións desta adecuación aumenta o requisito de presenza de compañías galegas ou maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia que neste caso deberá ser de ata o 60% cando na anterior convocatoria de 2019 era dun 20% .
Tamén se dá un cambio na rebaixa dun mínimo do 50% (2019) ao 30 % (2020) das representacións escénicas que teñen que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais de rúa e, por vez primeira, contemplando do mesmo xeito os celebrados en liña que tamén quedan exentos desta porcentaxe.
AFEARTE, a asociación que agrupa os festivais de artes escénicas de Galicia, reclamou recentemente que, ademais, se ampliase o prazo de execución das axudas máis alá do exercicio económico de 2020 para ter en conta posibles aprazamentos ou modificacións do plan de actividades, e que se provese o marco sanitario, persoal e material, para poder desenvolver os protocolos de limpeza e sanidade necesarios para o seguro desenvolvemento da actividade mentres sexa necesario.
Poden acceder a esta liña de subvencións os festivais que cumpran estes requisitos e cuxa celebración tivese xa lugar ou vaian celebrarse entre o pasado 1 de novembro do ano 2019 e o 31 de outubro do ano 2020.