PUBLICIDADE

Codirectora de Artesa_Cía xunto a Roi Fernández, Laura Villaverde é unha actriz con carreira no teatro e no audiovisual. A tudense formouse na SITI Company xunto a Anne Bogart. Os seus últimos traballos son a produción do CDG Neorretranca e Posmorriña, con dirección de Gena Bahamonde, ou Chola, a It Girl e Illas Desertas da súa compañía. Moi pronto poderemos vela no filme Ursúas, dirixido por Roi Fernández.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Pois como ultimamente ando a facer dossiers dos novos proxectos nos que estou metida, estou a ler libros moi relacionados con eles e que me gustan bastante: A utilidade do inútil: Manifesto de Nuccio Ordine (editado por Kalandraka), Antes de actuar de Anne Bogart e Los conquistadores de lo inútil de Lionel Terray.

A túa banda sonora destes días.

Pois desde que Marco Maril creou Apenino, a súa nova e xenial canción Azul Ultramar está sendo estes días moi recorrida por momentos. Tamén como banda sonora diaria de actividades teño a playlist de Sex Education, a serie de Netflix, en Spotify. E para choiar escoito a música que sae do estudio do Roi, que de cando en vez sóltase cuns tangos ou ponse a tocar a guitarra ou o teclado –que non lle pega nada mal–. Para soltar enerxía polo corredor mentres canto e falo con persoas imaxinarias Slowly de Aute. Con esta douno todo!

O último filme que te impresionou.

Pois moi recentemente impresionoume 7 Limbos de Berio Molina e Alexandre Cancelo, porque é estraña e evocadora e fíxome lembrar a miña infancia. Tamén a película chilena Gloria de Sebastián Lelio. A interpretación de Paly García é magnífica. Tamén me impresionou, a nivel de risa explosiva, a escena de Ricardo Darín e Andrea Politti na súa cita de Tinder na película El amor menos pensado de Juan Vera. Unha escena moi recorrente cando quero rir un pouco.

A obra de arte na que te perderías agora.

Pois eu son unha apaixonada da noite e dos bares, non só pola festa –que tamén–, senón porque a noite e os bares teñen para min algo íntimo, segredo, divertido e curioso. Perderíame no cadro Nighthawks de Edward Hopper. Non me importaría pasar dun confinamento caseiro a un nocturno de bar, escoitando conversas de descoñecidas/os.

A peza á que che gustaría dar forma.

Encantaríame dar forma a unha comida familiar de once persoas dentro dunha tenda de Zara Home, onde se coma moito, se movan moitos obxectos e se confese visualmente, cun movemento escénico frenético. Levo moitos anos pensando nunha peza así. Co escritor e poeta Tiago Alves falamos moito da idea, pero aínda é só un “gustaríanos”. Tamén faime escribir ideas a historia de Tania Varela, unha avogada galega, das máis buscadas pola Interpol. A súa vida espértame moita curiosidade.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Pois con calquera persoa que teña sentido do humor e ganas de vivir e, por suposto, que lle apeteza a miña compañía. Pero se tivese que elixir alguén histórico escollería a Lola Flores e a Carmen Alborch. Con ambas tiven grandes conversas imaxinarias na miña infancia e adolescencia. Penso que pagaría eu as bebidas por todo o que fixeron por min nesa etapa de xuventude.

Se non foses actriz, serías…

Sempre, desde cativa, quixen ser actriz, era o meu soño. Pero se agora mesmo non fose actriz sería monitora de natación, que me proporciona case a mesma satisfacción que o teatro. Tamén me gustaría ser peixeira ou alpinista, ambos ambientes atráenme. Pero, polo de agora, seguirei a tempo completo co de ser actriz. Se nos deixan…

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Relacionado

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos