O Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de facer pública a “Conxuntura estatística do ámbito cultural”, actualizada a día de hoxe e na que cuantifica o impacto da crise da Covid-19 no ámbito cultural. 667 empresas do sector cultural solicitaron un ERTE; perdéronse 1.002 cotizantes, o que supón unha caída do 6,3%, é dicir, 2,1 puntos por riba do total do emprego galego. Baixaron as exportacións e este descenso afectoulles máis aos produtos culturais que a outros sectores. No estudo tamén se recolle que son menos os fogares galegos que prevén poder saír cear, a cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro nos próximos tres meses.
Entre xaneiro e maio creáronse 44 empresas de ámbito cultural segundo as cifras da explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME). Son 11 menos que nese período de 2019, concentráronse na provincia da Coruña e de Pontevedra. O impacto máis grande produciuse no mes de abril, no que se crearon dúas empresas, e supón un descenso do 84,5% respecto de marzo. O ritmo de contracción de empresas do total da economía galega tamén se viu afectado, pero sensiblemente menos, cun 72,1% de baixada. É a primeira fotografía máis actualizada de como a pandemia lle afectou e afecta ao tecido cultural galego.
O impacto no emprego foi severo. As afiliacións á Seguridade Social indican que entre o último día de febreiro e o último día de abril se perderon 1.002 cotizantes no ámbito cultural, o cal supón unha caída do 6,3%, é dicir, 2,1 puntos por riba do total do emprego galego. A baixada non foi igual para todas as ramas do sector cultural: notárono máis as relacionadas coas actividades de creación, artísticas e espectáculos, cunha baixada do 10,4%; seguidas das cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical. A evolución das afiliacións á Seguridade Social nas principais actividades económicas amosa que o decrecemento da cultura está ao nivel da construción, que descendeu un 6,2%. Con todo, tamén achega un dato esperanzador: medraron as afiliacións entre abril e maio máis na cultura (+2,7%) que no conxunto da economía (+1%).
Tras a declaración do estado de alarma acolléronse aos expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE) 667 empresas, das que dependen 4.019 persoas traballadoras, que constitúe o 28,7% dos traballadores do sector.
Comercio dos produtos culturais
Nunha situación normal, en Galicia impórtase máis do que se exporta. Dentro desta tendencia xeral, as cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE) a partir dos ficheiros facilitados polo Departamento de Aduanas da Agencia Estatal de Administración Tributaria, amosan como a exportación descendeu de maneira máis acusada no sector cultural (un 39,4% de baixada) que no conxunto de exportacións totais (23,9% de baixada).
Por outra parte, o Observatorio indica que, no relativo aos prezos, o comportamento foi similar para o conxunto de produtos e os produtos culturais, que tiveron unha pequena repunta en abril (+0,8%), despois de meses de baixadas, cunha variación no que vai de ano do -1,2%.
A crise da COVID-19 afectou, como era previsible, aos plans de lecer da cidadanía. Esta conxuntura revela que que só o 57,8% dos fogares galegos prevé que poderá saír cear, a cafetarías, ao cinema e ao teatro nos próximos tres meses. É un 5,5% menos que no trimestre anterior e a cifra máis baixa dos últimos dous anos.
Estimación da evolución
O Observatorio tamén recolle as estimacións de evolución do sector cultural realizada polo Foro Económico de Galicia, que ofrecen dous escenarios en función da evolución da pandemia. “A contracción do PIB anual galego en 2020 sería do 8,5% nun escenario menos adverso (confinamento ‘moderado’) e do 12,7% no peor escenario (confinamento estrito)”. A raíz das desagregacións dese estudo e mais dos indicadores observados ao longo deste informe, pódese afirmar que “dentro da cultura haberá un impacto similar ao do conxunto da economía nas actividades de edición e nas cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión e un impacto máis grave que o conxunto da economía para as actividades artísticas e de espectáculos en calquera dos dous escenarios posibles”.
Fontes deste informe
Para esta conxuntura, o Observatorio da Cultura Galega empregou numerosas fontes. Os datos relativos á creación de empresas pertencen ao Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME); os datos da enquisa de Poboación Activa (EPA), os das afiliacións á Seguridade Social mais os dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) permiten trazar os efectos desta crise sanitaria no emprego cultural. Os datos de comercio exterior e intracomunitario de produtos culturais proceden dunha explotación elaborada polo Instituto Galego de Estatística a partir dos ficheiros facilitados polo Departamento de Aduanas da Agencia Estatal de Administración Tributaria. O IGE é a fonte dos datos da evolución do IPC e da confianza dos consumidores.