Mostran a súa preocupación pola situación de incerteza na que continúa o Centro Coreográfico Galego e reclaman unha resposta da administración ante o esmorecemento dos programas de dinamización e promoción da danza e das artes do movemento..
A Plataforma de Afectados polo Centro Coreográfico Galego (PACCG), un colectivo que agrupa case 300 profesionais, da danza, vén de facer público un comunicado no que lles solicita á Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e á Consellería de Cultura que en 2020 manteña e reforce orzamentariamente o Programa de coproducións de espectáculos de danza do CCG.
Segundo o colectivo, este programa “constituíu nos últimos anos o apoio e vínculo principal e case único do CCG coa creación coreográfica galega actual, destinando un orzamento de 50.392 € en 2019-2020 para a coprodución de tres espectáculos de danza e un orzamento de 51.244 euros en 2017-2018 para outros tres espectáculos”. Os profesionais cren que a existencia deste programa “supuxo un pulo para a creación coreográfica do que se beneficiaron algunhas das compañías e creadoras galegas contemporáneas, que puideron levar a cabo os seus proxectos en condicións de viabilidade económica e material, xerando emprego ao involucrar a outras creadoras e profesionais nos mesmos, e poñendo en circulación seis espectáculos de danza dos que hoxe podemos gozar”.
O pasado 12 de maio, a PACCG emitiu un comunicado denunciando importantes eivas no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte ao Covid19, publicado pola Xunta de Galicia. Neste comunicado, a PACCG advertía da escasa atención prestada á danza e ás artes do movemento galegas nun Plan que presentaba “fallas importantes como a omisión de calquera mención ao Centro Coreográfico Galego, que non aparece nomeado no Plan, mentres si o está o Centro Dramático Galego e a súa sede o Salón Teatro, o que supón unha discriminación incomprensible”.
A PACCG quere trasladar de novo “a súa fonda preocupación” pola ausencia de noticias en relación ao CCG, tras ser remitido o dito comunicado á Consellería de Cultura e á AGADIC, sen que recibisen resposta. Segundo o colectivo, “asistimos a unha enorme incerteza a respecto dunha unidade de produción que debera ocupar un lugar central na política cultural de apoio e promoción da danza profesional en Galicia, e que no entanto leva anos esmorecendo perante a pasividade da administración responsable e o recorte orzamentario continuado”.
A situación de desmantelamento do CCG, din no comunicado, “acadou as súas peores cotas cando a finais do 2019 a Xunta aprobou un recorte do 66% do orzamento do centro (de 150.000 € no ano 2019 a 50.000 € no 2020), e logo de anunciar a AGADIC que non dotaría ao CCG dun posto de dirección”, deixando así o centro sen proxecto nin capacidade de activar o sector.
O comunicado da PACCG conta co apoio da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), da Academia Galega de Teatro, da Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia (APTEGA), da asociación de compañías e empresas de danza Emprendodanza e de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas.