in

Festival de Almada: o encontro indomable

MártirCTAlmada |
Nos últimos meses, Godot ficou á espera. Nos últimos meses, nos que nos habituamos a habitar dentro de novos límites, habituámonos tamén a escoitar hipóteses de como sería o teatro da crise da covid-19. Durante semanas, mentres parecía que os teatros ían ficar fechados até o mes de setembro, o Festival de Almada seguía traballando e repensaba a súa 37ª edición botando man da súa personalidade construída a base de esixencia e rigor e, defendendo a súa concepción do teatro como servizo público, confirmou que o teatro é ir ao encontro indomable co outro. Así o ordenou o seu público e o día 3 de xullo botaba a andar unha nova edición, talvez menos festiva que outros anos pero cargada cun reforzado sentido de celebración. | Vanesa Sotelo | | Foto: Mártir, da Compañía de Teatro de Almada – Rui Mateus |

 

Dezasete espectáculos conforman o programa deste 2020 que tivo que modificar as súas datas habituais para estenderse ao longo do mes de xullo, concretamente do 3 ao 26. Deste xeito, a organización xestiona de forma acertada a público e compañías permitindo que os espectáculos realicen varias representacións e que as espectadoras, cun aforo reducido á metade en cada pase debido ás medidas sanitarias, teña oportunidade de acceder aos espectáculos. Tres estreas e a recuperación de obras que viron suspendidas as súas funcións pola pandemia danse cita este verán en Almada dentro dun cartel que aposta pola produción portuguesa pero que non renuncia ao internacional.

A festa estival que cada ano concentra grandes nomes do teatro mundial segue apostando pola combinación da diversidade de liñas temáticas e estéticas para remarcar esa idea do teatro como un espazo de pensamento e liberdade. Así o sinalou o Presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, no acto inaugural ao afirmar que “o teatro é mais do que un instrumento de liberdade: é a própria liberdade”. Rebelo non foi o único representante público que acudiu na noite do 3 de xullo ao Teatro Municipal Joaquim Benite, xa que o Primeiro Ministro luso, António Costa, asistía a Mártir, espectáculo que a Companhia de Teatro de Almada presentaba na Sala Experimental.

Na súa primeira fin de semana, o Festival ofreceu un programa intenso de seis espectáculos no que quedou patente a vontade de preservar e manter vivo o diálogo interxeracional e apostar por un amplo abano de linguaxes a través das que achegarse á dramaturxia portuguesa e internacional. Con Bruscamente no verão passado, da man do Teatro Experimental de Cascais, o Festival de Almada aproxímanos ao traballo do histórico director Carlos Avilez, homenaxeado na edición anterior. Avilez asina a dirección desta obra de Tennessee Williams na que consciente e inconsciente, carencia e exceso se confunden dúas íntimas realidades no combate polo relato. Trátase dunha peza perturbadora cuxo estrañamento queda acentuado polas escollas hiperestilizadas e un texto de forte carga poética que o elenco defende de forma vibrante, mesmo excesiva. Simbólico, onírico e perturbador, o relato vólvese espello do escenario distópico que atravesamos: os ollos non sempre están dispostos a aceptar o invisible, tampouco o evidente.

Mártir, de Marius von Mayenburg foi a primeira das pezas que presentou a Companhia de Teatro de Almada, entidade anfitrioa. Rodrigo Francisco guía con man clara e certeira un texto agudo e cheo de arestas sobre o triunfo da manipulación e o fanatismo relixioso. En consecuencia, destaca na proposta o equilibrio e a solvencia do conxunto actoral que, sen renunciar ao humor que sacode a situación, transita os seus pregues e os matices. Nun destilado exercicio de distanciamento, o teatro está permanentemente presente, contribuíndo a que o público poida localizar algo propio en cada unha das personaxes e identificar as claves desta época que nos atravesa na que a ciencia é cuestionada pola crenza e a intolerancia reclama máis tolerancia.

 

MundoRedondo |
‘O mundo é redondo’, de Gertrude Stein, na versión dirixida por António Pires para Teatro do Bairro. Foto: María Antunes.

 

O mundo é redondo foi o traballo co que Ar de filmes/Teatro do Bairro desembarcou no Forum Romeu Correia. Despois do seu Terror e Miséria, António Pires volve ao Festival coa dirección esta peza distinguida en 2019 co Prémio da Sociedade Portuguesa de Autores ao mellor espectáculo e que aborda a escrita sonora de Gertrud Stein nunha proposta bilingüe con tradución ao portugués de Luisa Costa Gomes. A infancia e a mirada liberada afloran nesta proposta rítmica a través dun preciso e medido traballo das actrices Carolina Campanela, Carolina Serrão, Sandra Santos e Vera Moura. Nela, os corpos e as voces fúndense e escíndense ao tempo que constrúen unha paisaxe sonora radicalmente hipnótica e evocadora que funde tempos e planos a partir dunha idea sinxela: a afirmación pode ser simple pero está chea de significados que nos corresponden. Despois de todo, ben sabemos que “a rose is a rose é uma rosa é uma rosa…”


Publicidade

Nun singular xogo de citas literarias e vivencias, Tiago Rodrigues propón con By Heart unha celebración do encontro, da palabra e, fundamentalmente, da memoria para constatar que “o silencio dun teatro cheo non é o mesmo que o silencio dun teatro baleiro”. Co desafío de aprenderlle de memoria a dez persoas do público o soneto número 30 de William Shakespeare, Rodrigues desprega unha velada na que o público inxire en corpo e alma a Pasternak, Bradbury ou Akhmátova e incorpora non só alimento para o silencio da intimidade senón como arma contra a censura. O Cine-Teatro da Academia Almadense acolleu unha fonda declaración de amor á memoria e á palabra a través dun traballo brillante na que conflúen os excelentes recursos da narración oral e a entrega apaixonada á tarefa da transmisión. O espectáculo perfecto para degustar “quando en meu mudo e doce pensamento” chamemos “à lembrança as coisas que passaram”.

A compañía O Teatrão de Coimbra estreouse por primeira vez no Festival de Almada con A grande emissão do mundo português. O dramaturgo Jorge Palinhos deseña un territorio textual próspero que o elenco que dirixe Isabel Craveiro desenvolve con detalle e eficacia sobre a escena. A proposta ofrece un singular percorrido radiofónico que sutilmente atravesa as décadas de 1940 e 1960 en Portugal nun xogo de planos nos que a información se divide entre o que se ve e o que se escoita, entre o que se pronuncia e o que se oculta. Os precedentes das fake news e a posverdade resoan nesta proposta integrada no ciclo titulado “A casa portuguesa” co que a compañía procura investigar sobre a historia recente para entender o momento actual. Nunha viva e dinámica proposta musical, O Teatrão brinda unha fotografía social que nalgúns casos serve como documento nostálxico e, noutros, amplía a curiosidade e a información dunha etapa non vivida.

Retrato social é o que tamén pintou Raquel Castro co seu unipersoal Turma de 95. Inspirada na peza Class of 76 da compañía inglesa Third Angel, Castro apóiase na dramaturxia de Alexander Kelly para, a partir da fotografía dunha clase de 32 persoas, ir ao seu encontro e ordenar os seus testemuños daquel tempo e do propio presente. O Teatro António-Assunção acolleu esta selección e exposición de relatos onde o persoal gaña máis peso que o espectacular.

 

TurmaDe95 |
‘Turma de 95’, de Raquel Castro. Foto: Bruno Simão.

 

O festival prescinde este ano da representación en espazos habituais de Lisboa e, agás a estrea de Viagem de inverno de Elfriede Jelinek que a propia Companhia Teatral de Almada presentou o 11 de xullo no Centro Cultural de Belém, as presentacións repártense por seis salas almadenses lembrando que falar de Almada é sinónimo de falar de teatro. Porén, cabe sinalar ausencias singulares como son as do Palco Grande a explanada da Escola D. António da Costa: ausencias que non reflicten lado negativo ningún senón unha decisión responsable que acaba por desvelar a importancia superlativa deste escenario de encontros espontáneos e conversas improvisadas que prolongan a función teatral máis aló da representación. Sen dúbida, unha excelente forma de compensar esta falta é a serie de conversas organizada en colaboración coa Associação Portuguesa de Críticos de Teatro que reforzan durante a parte reflexiva e de diálogo desta gran celebración estival do teatro.

Falar da celebración do teatro en Almada é sinónimo a falar da celebración do público. Nun escrito de 2010 recollido no libro A festa con motivo da celebración dos 40 anos da CTA en Almada, Joaquim Benite defendía que “a cultura é un motor de desenvolvemento da cidadanía. É a que vai formar as decisións de mañá”. Neste tempo de pandemia que posiblemente marque un novo período á hora de pensar a historia e –oxalá- a cultura, é motivo de celebración que a decisión cidadá de Almada fose a de defender firmemente o seu teatro, o seu foro, a súa asemblea. Ao facelo, a través do teatro e do dereito a acceder a el, a defensa primeira foi a do público. Só el fai posible o encontro indomable e imprescindible.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Guerra de identidade |

Guerra de identidade

teatro9346 |

Agadic adapta prazos e requisitos nas subvencións de festivais audiovisuais e artes escénicas