in

Hoy puede ser mi gran noche

Hoy puede ser mi gran noche |

Sobre o triunfo e a perda

| Ana Abad de Larriva |
| Foto: Rosinha Rojo |

 

As cousas non foron sempre como nós as lembramos, e as cousas que imaxinamos ben puideron ser, ou non. En Hoy puede ser mi gran noche, a compañía madrileña Teatro En Vilo bota man da autoficción para meternos no relato de dúas irmás, Noemi e Darlene, fillas dun cantante de orquestra na Galicia dos anos 90, dende o punto de vista da irmá maior, Noemi, e sempre en relación coa figura do pai. Noemi comparte co público os seus soños, a vontade de ser e facer cousas grandes, a decepción, a desilusión, a perda. E sobrevoa sempre a relación entre o real e o ficcional.

A peza é tamén unha festa, na que non falta a música e o humor está continuamente presente. Destaca a capacidade da actriz allaricense Noemi Rodríguez para animar o público (que en Ribadavia arrancou algo frío, a pesar da entrada chea de forza da actriz, pero que axiña se foi quecendo e entregando); para meternos no que nos conta, facendo, ademais, a función en galego; e para activar en nós o riso, a través das súas dotes cómicas, dos chistes e das parodias; mais tamén para facernos sentir a nostalxia, mediante o emprego de referentes coñecidos para todos os que vivimos nos 90, especialmente os que desenvolvemos a nosa infancia nesa década; e para emocionarnos. Noemi, grazas á súa enerxía desbordante para a comedia e a súa capacidade para, de súpeto, crear unha atmosfera intimista, é quen de facernos pasar dun extremo ao outro, da risa ao pranto, sen case decatarnos. Tamén é moi interesante a presenza escénica da súa irmá, Darlene Rodríguez, como un apoio continuo á escena e ao relato.

En Hoy puede ser mi gran noche, que toma o título da canción de Raphael, é moi importante, xa que logo, a música, que simula ser, en gran parte, en directo e interpretada por Darlene; así como os vídeos musicais e tamén, en concreto, o das dúas actrices de nenas bailando mentres elas danzan tamén na escena, xerando unha fermosa e tenra duplicidade… E cando parece que xa rematou a peza, prodúcese ese importante xiro dramatúrxico final que parece facer cambalear todo o que vimos de sentir, aínda que no fondo non, e que abre o debate entre os límites do real e do verdadeiro.

Teatro En Vilo, dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, é unha compañía que está a destacar dentro da creación contemporánea e que está a colleitar numerosos premios e recoñecementos co seu traballo. De feito, Hoy puede ser mi gran noche resultou ser tamén, xunto con Leira, de Nova Galega de Danza (con quen empatou en número de votos), a gañadora do premio do público nesta 36ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, MIT. Podía ser a súa gran noite e, definitivamente, foina.


Publicidade

 

Hoy puede ser mi gran noche, de Teatro En Vilo

Dirección e dramaturxia: Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez.
Elenco: Noemi Rodríguez e Darlene Rodríguez.
Coreografía: Amaya Galeote.
Vídeo: Ro Gotelé.
Vestiario: Paola de Diego, Sigrid Blanco e Candela Ibáñez.
Escenografía: Mónica Borromello.
Iluminación: Miguel Ruz.
Axudante de dirección: Macarena Sanz.
Fotografía: Danilo Moroni.
Asesoría dramatúrxica: Eva Redondo Llorente.

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, MIT. Auditorio Rubén García do Castelo, Ribadavia. 20 de xullo de 2020.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CariñoEscena |

Xa se coñece o programa da XLII Mostra de Cariño

TeatroRuinas |

As artes escénicas, as máis afectadas pola crise derivada da pandemia da Covid-19