Por sexto ano consecutivo, a Associação Cultural AlbergAR-TE prepara unha nova edición do Festival de Fazedores de Artes ‘Dos Modos Nascem Coisas’ os días 11, 12 e 13 de setembro en Albergaría-a-Velha. Música, cine, exposicións, teatro, circo e danza conforman este evento de espírito multidicisciplinar dedicado á creación artística e ao debate cultural para todos os públicos.
Co obxecto de ofrecer propostas artísticas a un público que normalmente non está aberto nin habituado a este tipo de expresións, o VI Dos Modos Nascem Coisas é un espazo dedicado á creación artística en xeral e un punto de encontro das xentes da cultura. Ano tras ano, o festival ve aumentar e diversificar o seu público, atraendo un número significativo de visitantes de fóra desta cidade portuguesa.
Ao igual que en anos anteriores, a edición deste 2020 pretende abarcar diversas áreas das artes performativas: do teatro á música, do circo á danza. Así, o evento reunirá compañías e artistas de Portugal, espectáculos de teatro, música, danza e circo contemporáneo, unha pre-estrea de cinema, unha performance/workshop, exposicións e conversas. Entre as propostas destacadas atópase Trans(H)umância, da Cia. Kopinxas e o espectáculo A mais longa SINOPSE, recente creación da Companhia do Jogo.
Ademais da parte de exhibición, este Festival de Facedores de Artes 2020 inclúe un obradoiro titulado Tecer a Paisagem, orientado pola artista Guida Fonseca e que culminará cunha performance/instalación.
O programa dará comezo o venres 11 de setembro arrincará ao aire libre co obradoiro Tecer a Paisagem ás 17.00 horas. De igual modo, a partir das 18.00 horas terár lugar a inauguración das exposicions 5+2 dedicada á historia de Dos Modos Nascem Coisas e Sonhos, unha mostra de figurinos, deseños e fotografía do filme homónimo de Joaquim Pavão. A continuación, terá lugar un encontro con Sonhos para seguir a partir das 21.30 horas coa peza A mais longa sinopse e ás 22.30 a música e a poesía de Rui Oliveira con As palavras.
O sábado 12 de setembro será tempo para unha nova sesión de Tecer a Paisagem da man de Guida Fonseca. De igual modo, ás 15.00 horas terá lugar a conversa con Mário Moutinho e Bruno Martins baixo o tema “A situación das artes performativas e audiovisuais antes, durante e após a pandemia” para continuar coa estrea de Trans(H)umância ás 17.00 horas. A partir das 18.00 horas, o jazz será o protagonista da xornada con Zíngaro, Parrinha e Mitzlaff 3io para continuar ás 21.30 horas coa proposta de danza contemporánea de Romulus Neagu e o seu Stretto e co espectáculo de circo OTUS Extracts, de Cia. Oliveira & Bachtler, xa a partir das 22.30 horas.
O domingo 13 de setembro a xornada comezará cunha nova sesión do obradoiro Tecer a Paisagem mentres que ás 15.30 horas Bruna Herculano ofrecerá Histórias pequenas para bichos pequenos. A seguir, a música tomará a Alameda con Mimo’s Dixie Band antes de clausurar o día coa pre-estrea do filme Sonhos.
Neste ano, coa intención de garantir a seguridade de público, artistas e persoal técnico, toda a programación será realizada en espazos “fechados”. Así, a asistencia a todos os espectáculos (que terán aforo limitado) implica a reserva anticipada de lugares.