in

Camiño Escena Norte regresa con oito funcións en Galicia

Quitamiedos | Kulunka
Do 13 de setembro ao 11 de outubro o proxecto Camiño Escena Norte regresa cunha segunda edición co obxectivo de fomentar o intercambio cultural e escénico entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.  Oito funcións e seis espectáculos chegados das autonomías implicadas visitarán diferentes localidades galegas ao tempo que as compañías galegas La Macana e La Quintana Teatro percorrerán oito localidades de Asturias, Cantabria e Euskadi. Ademais dos espectáculos, Lugo acollerá do 15 ao 17 de setembro un encontro de profesionais dos catro territorios participantes.

 

O proxecto bota a andar neste 2020 o 13 de setembro en Compostela co espectáculo Quitamiedos da compañía vasca Kulunka Teatro para rematar na Praza da Quintana desta mesma cidade o 11 de outubro con Basoa, da tamén vasca Dantzaz. De igual modo, a caravana Escena Norte pasará por Mondoñedo (19 de setembro) e Lugo (20 de setembro)  con Tal vez soñar, da compañía cántabra Hilo Producciones; Ribadeo (25 de setembro) e Vilalba (4 de outubro) con La loka historia de Frankenstein, da asturiana ACAR Teatro del Mundo; Sobrado dos Monxes con Amarillo caído del cielo, da compañía cántabra Ruído interno (27 de setembro); e Arzúa con Celeste, da compañía asturiana Luz, Micro y Punto (10 de outubro).

De igual modo, desde Galicia, a compañía La Macana presentará Pink Unicorns en Xixón, Villaviciosa, Torrelavega e Mutriku; e La Quintana ofrecerá Desde lo invisible en Navia, Oviedo, Laredo e Castro Urdiales. 

Encontro profesional  e Camiño Expandido

Outro dos eixos fundamentais desta edición será o encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo do 15 ao 17 de setembro (e cuxo prazo de inscrición remata este luns 7 de setembro). Esta actividade, dirixida a compañías de artes escénicas e axentes profesionais do sector de calquera das catro comunidades implicadas na iniciativa, comparte o obxectivo xeral de crear un novo corredor cultural articulado por medio deste novo territorio compartido, neste caso aplicado aos profesionais, pretendendo fomentar a interrelación e as sinerxias entre compañías deste sector.

Habitación Peregrina PRO pretende ser un espazo de convivencia profesional onde o cento de compañías que abarcan as asociacións promotoras (Escena Galega, EscenAsturias, Acepae e Eskena), máis todas aquelas do sector que queiran unirse á actividade, poidan entrar en contacto, coñecer as súas liñas de traballo e propostas estéticas, coñecer a realidade dos distintos circuítos de programación, explorar vías de coprodución e traballo conxunto e acceder a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.


Publicidade

Ademais dos espectáculos e do encontro profesional, Escena Norte achega actividades paralelas co nome de O Camiño Expandido, que inclúe unha exposición titulada Ultreia, Que foi o Camiño Escena Norte 2019? do 14 ao 30 de setembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, e tamén encontros online coas compañías participantes, para profesionais e abertos ao público, ademais de actividades de mediación arredor dos espectáculos que se programan.

Camiño Escena Norte, o proxecto

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.

Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor as comunidades veciñas dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían.

O proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo, ademais do INAEM e o Ministerio de Cultura e Deporte.

Na imaxe: Quitamiedos, de Kulunka Teatro

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Helliot Danza

Danza Mobile abre o outono do TRC Danza 2020

Kopinxas

A asociación AlbergAR-TE celebra o VI Dos Modos Nascem Coisas