in

O I Congreso Internacional do Teatro Galego celebrarase do 7 ao 10 de outubro en Compostela

PresentacionCongreso |
A Academia Galega de Teatro, organizadora do Congreso, tomará todas as medidas sanitarias e de distanciamento necesarias para garantir a seguridade de todos os asistentes.

 

O I Congreso Galego do Teatro celebrarase os día 7, 8, 9 e 10 de outubro, na Cidade da Cultura e, con lixeiros cambios, co mesmo programa que estaba previsto. Baixo o lema co lema “Co 2030 no horizonte”, o Congreso pretende, entre outros obxectivos, crear un plan estratéxico e unha lei do teatro na próxima década.

O Congreso, que ía celebrarse en marzo e que tivo que ser adiado por causa da pandemia da Covid-19, ten un duplo obxectivo: por unha banda, analizar o pasado e o presente do teatro galego a través de comunicacións, mesas redondas e sesións plenarias dende unha perspectiva académica que contribúa a un mellor coñecemento do sistema teatral de Galicia. Por outra, deseñar, a través do debate, os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e dunha lexislación que ampare a creación e distribución escénica para a vindeira década. Equilibraranse así dúas perspectivas –académica e política– para deseñar o futuro do teatro galego.

Desde a Academia Galega de Teatro, organizadora do Congreso, estase traballando para desenvolver todas as actividades no contexto actual da crise sanitaria, e tomaranse todas as medidas sanitarias e de distanciamento necesarias para garantir a seguridade de todos os asistentes fronte á Covid-19, compatibilizando a asistencia presencial e virtual dos participantes.

En caso de que as circunstancias así o requiran, o desenvolvemento do Congreso será exclusivamente virtual, de xeito que se poida garantir a súa celebración aínda no caso de que haxa que tomar medidas extremas de precaución. De feito, algúns dos relatores de terceiros países con problemas para desprazarse ata Santiago de Compostela, presentarán os seus relatorios por vía dixital.

 

Tres grandes ámbitos temáticos

O Congreso Internacional do Teatro Galego artellarase arredor de tres grandes ámbitos temáticos: “Experiencia acumulada”, que inclúe a análise do proceso de profesionalización, a evolución das programacións teatrais nos últimos 20 anos, e a análise da evolución dos espazos escénicos; ”Retos actuais2, que desenvolverá os epígrafes ‘A crise da profesión teatral e os seus oficios; conflitos laborais e sociais’, ‘As programacións teatrais en Galicia’, e ‘Por un teatro inclusivo’; e “Modelos externos”, que analizará o modelo portugués, outros modelos europeos e modelos americanos.

Unha ducia de Mesas de Traballo debullarán temas como “A creación e o público”; “Distribución”; “Difusión e formación”; “Teatro Afeccionado; “Teatro de Monicreques”; “Produción e xestión”; ou “Creación, xestión e público”. Unha vintena de comunicacións particulares, por outra banda, analizarán cuestións como a deontoloxía na profesión teatral, o emprendemento, as aulas universitarias de teatro, a tradución de textos teatrais, os procesos colaborativos ou a dramaturxia actual, entre outros.

Nestas mesas de traballo participarán coñecidos profesionais do teatro como Eduardo Alonso, María Armesto, Xesús Ron, Tito Asorey, Vanesa Sotelo, Santi Prego, Laura Míguez, Xulio Lago, Luma Gómez, Rosa Puga ou Isabel Rey; persoas estudiosas do fetito teatral como Dolores Vilavedra, Manuel Vieites, Inma López Silva, Carlos Caetano Biscainho, Fabrice Corrons, Laura Tato, Carlota Guivernau, Alexandra Moreira da Silva ou Xosé Ramón Freixeiro Mato; e xestores culturais como Pilar López Pérez (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural), Marta Núñez ou Gonçalo Amorim, entre moitos outros.


Publicidade

Xa se poden descargar no web do Congreso (www.congresodoteatro.gal) o “Libro de conferencias” e o “Libro de Comunicacións”, nos que se poden ler traballos de Cristina Domínguez, Francisco Oti Ríos, Xavier Estévez, Marta Núñez, Laura Míguez, Rui Madeira, Guillem-Jordi Graells, Guiller Heras, Santi Prego, Carlos Caetano Biscainho Fernandes, Artur Trillo, María Armesto, Carlota Guivernau, Fabrice Corrons, Manuel Dasilva, Isabel Rey, Toni Rumbau, Idoya Otegui , Alexandra Moreira da Silva, Xosé Manuel Fernández Castro, Pablo Iglesias Simón, Cecilia Carballido, Xesús Ron, Carlos Lorenzo Pérez ou Agustín Iglesias, entre outros.

 

Outras actividades

Paralelamente, presentaranse proxectos como a Colección de Teatro da Editorial Galaxia, a Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado, a colección de textos bilingües Premios de Teatro Rafael Dieste –editada pola Asociación Española de Directores de Escena–, a colección de textos teatrais DiTeatro de Edicións Positivas, o Fondo Teatral María Casares xestionado pola erregueté | Revista Galega de Teatro na Biblioteca Pública de Cangas ou o circuíto de distribución Camiño Escena Norte, promovido por Escena Galega (a a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) xunto cos seus equivalentes en Asturias, Cantabria e Euskadi.

 

Homenaxes e medallas

Coa intención de “render homenaxe a toda unha xeración que traballou para que a escena galega existise”, serán nomeados membros de honra Manuel Lourenzo, Luís Álvarez Pousa e María Xosé Queizán. Ademais, entregarase a Medalla da Academia, a título póstumo, a tres fundadores do teatro galego desaparecidos nos últimos tempos: Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada.

 

Foto Arquivo: Presentación do Congreso en marzo de 2019, no Consello da Cultura Galega.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xornadas profesionais Escena Galega

Escena Galega manifesta a súa preocupación polas medidas restritivas que afectan ás artes escénicas

Clausura7 1 1170x600 |

Cámara Negra estrea ‘Clausura do amor’ no Salón Teatro