in

Escena Galega manifesta a súa preocupación polas medidas restritivas que afectan ás artes escénicas

Xornadas profesionais Escena Galega
Escena Galega, a principal asociación galega de empresas de Artes Escénicas, vén de facer público un comunicado no que amosa “a súa fonda preocupación e estrañeza” polas medidas, “absolutamente restritivas”, que se están a implementar para o sector das artes escénicas na actual situación socio-sanitaria derivada da Covid-19.

 

A asociación cre que, nas circunstancias actuais, os obxectivos fundamentais son a saúde pública e a seguridade de público, artistas e resto de profesionais das artes escénicas, “entendendo que as circunstancias excepcionais desta pandemia requiren un esforzo colectivo de coidados mutuos e responsabilidade social, ao mesmo tempo que un reforzamento indispensable do noso sistema público de saúde”. Mais con este obxectivo, cre “difícil de entender” en base a que criterios se establecen medidas como a restrición de capacidade dos espazos escénicos ou mesmo o peche doutros espazos de actividade cultural como medida preventiva, sobre todo cando está demostrado que nestes espazos se cumpren, de maneira escrupulosa, as indicacións e medidas hixiénico-sanitarias marcadas polas autoridades, tanto a nivel de responsabilidade individual do público como a nivel dos plans de continxencia e medidas adoptadas por espazos e compañías.

Segundo Escena Galega,

  • o público mantén en todo momento durante o desenvolvemento dos espectáculos a distancia interpersoal requirida (en certos espazos e funcións mesmo entre persoas convivintes);
  • emprégase a máscara en todo o momento durante o desenvolvemento dos espectáculos;
  • os espazos promotores (teatros, salas, auditorios ou outros espazos que na situación actual están a acoller actividade cultural) operan co seu plan de continxencia adaptado á crise da Covid-19, tanto a nivel de relación con artistas e profesionais como co público, o que significa un control escrupuloso da capacidade dos espazos que garante a distancia interpersoal;
  • póñense ao dispor do público asistente xel hidroalcólico e, en moitos espazos, outras medidas de desinfección a maiores como a do calzado;
  • regúlanse os accesos de entrada e control de saída do público, de maneira escalonada e organizada;
  • tómanse datos das persoas asistentes, nos termos que marcan as autoridades sanitarias, e que posibilitan, no caso da aparición dun gromo, o rastrexo e seguimento das persoas; d
  • lévanse a cabo a desinfección e hixienización dos espazos de maneira escrupulosa.

A asociación pregúntase, xa que logo, “sen entrar a valorar as medidas indicadas para outros sectores de actividade”, por que non se continúan a implementar medidas que atendan de maneira específica á porcentaxe de capacidade nos espazos, que blinden (aínda máis) a seguridade do público e das persoas traballadoras da cultura.


Publicidade

Escena Galega non entende situacións, “que non se observan noutros sectores”, como que teatros e outros espazos escénicos de 1.000 localidades deban operar en certas vilas e cidades a unha capacidade máxima de 60 espectadores (6% da capacidade total do espazo).

O coomunicado remata lembrando que, “nos meses que levamos de reactivación da actividade cultural, non se ten detectado nin un só gromo relacionado coa actividade do espectáculo ao vivo, o que demostra de maneira palpable o rigor na implementación das medidas, a responsabilidade social e a capacidade de adaptación de todos os axentes profesionais que operan no noso sector, dende artistas ata persoal técnico, pasando por suposto polos espazos promotores de espectáculos”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Rottweiler

O Teatro do Noroeste – CDV continúa coas presentacións de ‘Rottweiler’

PresentacionCongreso |

O I Congreso Internacional do Teatro Galego celebrarase do 7 ao 10 de outubro en Compostela