in

‘Manoliño Nguema’ e ‘Eroski Paraíso’ premiados no Festival Primavera de Cine de Vigo

ManoliñoNguema |
Eroski Paraíso faise co Premio do Xurado á Mellor Longametraxe Galega e Manoliño Nguema obtén o Premio CREA á Mellor Dirección Galega e o Premio do Público á Mellor Longametraxe Galega.

 

Eroski Paraíso, o filme de Jorge Coira que adapta a obra de Chévere, recibiu o Premio á Mellor Longametraxe Galega no Festival Primavera de Cine de Vigo. Segundo os membros do xurado, “Eroski Paraíso parte dun carácter aparentemente intimista para facer unha radiografía da sociedade actual comezando desde o particular para abrirse a un debate que non só recolle problemáticas do contexto galego, que tamén, senón que consegue traspasar as fronteiras xeográficas perfilando unha memoria colectiva directamente vencellada á transformación socio-económica que foi soportando España nas últimas décadas”.

O filme, unha produción de Chévere e Ollo Vivo, é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski. Un feito que, cambiando os nomes, se repetiu en infinidade de lugares de España onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización se volveron espazos de consumo.


Publicidade

Pola súa parte, Manoliño Nguema, de Filmika Galaica, dirixida por Antonio Grunfeld, recibiu o Premio CREA á Mellor Dirección Galega. O xurado salienta “a súa aproximación híbrida, complexa e delicada á vida dun artista a medio camiño entre dous mundos, Galicia e Guinea, tendendo lazos entre eles e amosando o poder da cultura e a creación. O traballo de dirección articula unha narración que percorre a transformación social acontecida durante medio século da nosa historia recente. Un filme capaz de afondar na esencia do artista retratado integrando a teatralidade nun luminoso traballo cinematográfico”. O filme recibiu, ademais, o Premio do Público á mellor longametraxe galega.

Manoliño Nguema relata a vida de Marcelo Ndong, o artista que viaxou a Galicia en 1968 grazas a unha bolsa de estudos que lle permitiu formarse no Circo dos Muchachos de Bemposta e que acabou creando a primeira escola de circo de Guinea Ecuatorial e converténdose no “pai do teatro de Guinea Ecuatorial”

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FiotEnPausa |

O FIOT fai unha pausa no 2020 pero mantén a súa aposta pola creación escénica galega

baños |

José Luís Baños De Cos gaña o Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020