Desenvolverase do 20 ao 21 de novembro de 2020 en formato online. Organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, o patrocinio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña, baixo o título ‘As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias’.
A xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG desenvolverase na súa quinta edición de xeito online. A pandemia da COVID-19 non frea esta cita anual coa dramaturxia nin desvía á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega da súa vontade á hora de pór en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Un dos elos fundamentais desta xuntanza, apuntados pola organización, é a de server como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores. Facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro, compartir o traballo artístico e atopar unha complicidade e un diálogo que potencie eses procesos de creación a través do III Festival Pezas dun Teatro do Porvir (Galiza + Portugal), que este ano ampliou a 7 os proxectos participantes (4 galegos e 3 portugueses).
Os relatorios e as mesas de debate terán como eixo fundamental ‘As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias’, coa fin de xerar conciencia sobre a importancia da cultura para a saúde e o benestar común, e a idea de afortalar o sistema público da nosa cultura e das nosas artes.
PROGRAMA COMPLETO
[ Venres 20 de novembro (emisión en directo desde a canle da AELG) ]
– 16:30 Apertura da V Xornada.
– 16:45 Mesa redonda As literaturas para teatro e danza fronte ás crises.
Presentación e moderación: Afonso Becerra.
Interveñen: Branca Novoneyra e AveLina Pérez.
– 17:50 Mesa redonda A cultura é un ben necesario en tempos de crise?
Presentación e moderación: Cilha Lourenço Módia.
Interveñen: Mercedes Queixas e Mercedes Rosón.
– 19:15 Aula maxistral a cargo de Mickael de Oliveira. Dramaturgo e Director artístico do END, Festival Encontros de Novas Dramaturgias de Portugal. Presentación a cargo de Afonso Becerra.
[ Sábado 21 de novembro ]
III Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática.
Entre as 9:55 e as 13:30 h. (Galiza). Entre as 8:55 e as 12:30 h. (Portugal)
- Mudras familiares. Borja Fernández. (Galiza)
- Mulleres que bailan na néboa. Ana Abad de Larriva. (Galiza)
- Museo-viveiro. Helena Salgueiro. (Galiza)
- Vendo Opel Corsa. Pornós Teatro. (Galiza)
- Anti-Benjamin. Ricardo Cabaça. (Portugal)
- Declaração de Amor. Isabel Milhanas Machado. (Portugal)
- DIY. Coletivo Casa: Cátia Faísco. (Portugal)
O funcionamento deste festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto.
As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipa de dramaturxia considere máis axeitado á peza ou fragmento da peza que vai mostrar.
Máis información na web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega