in

Armazenados

Armazenados | Jimmy Núñez

A fábula da formiga

| Iván Fernández |
| Foto: Teatro Art’Imagem |

 

Un rapaz chega ao seu novo traballo como mozo de almacén. Un almacén no que o encargado se vai prexubilar nuns días. Días que ten o encargado para ensinarlle ao mozo as normas do seu lugar. Un lugar, o almacén, no que habitamos todos.

Ata aquí, o argumento da coñecida obra de David Desola que a compañía portuense Teatro Art’Imagen vén de presentar en Vigo neste mes de novembro. Mais o argumento é tan só unha plataforma, un lugar dende onde ofrecer unha visión do mundo e da súa deshumanización (Desumanização é unha das pezas que a compañía ten agora en repertorio).

Poderiamos falar da literariedade da imaxe da quenlla que papa ao peixe pequeno, pero, se cadra, o máis interesante sexa falar de como o peixe pequeno fai para deixarse devorar, fagocitar, deshumanizar, atendendo a tarefas propias de formigas.

O almacén, pois, é unha metáfora estupenda do espazo illado, inútil, creación humana onde gardar cousas. E logo, os gardas do gardado. Supostamente, o gardado no almacén ten unha importancia, e por iso precisa ser gardado. Mais o feito é que o que se garda neste almacén é a persoas. Persoas que non saben que facer se non teñen unha tarefa ou un lugar ao que ir. Persoas que menten e se menten a si mesmas para poder soster a realidade.

Armazenados fala, entón, tamén da mentira. Da falacia feita espectáculo e envolta en plástico transparente. Se un nexo de unión entre os personaxes que aquí aparecen é a mentira que ámbolos dous utilizan como estratexia de supervivencia, esta contrasta con todas as  dualidades que se amosan en cada un: o mozo/o vello encargado, o rapaz que fala galego/o vello que fala portugués, o que fai da norma unha broma/o que non sabe vivir sen normas, o que ten toda a vida por diante/o que non sabe que facer coa súa vida, o que decide quedar encerrado nun almacén/o que sae do almacén a afrontar a realidade… E así poderiamos seguir.


Publicidade

Alén do texto, a proposta escénica está sostida por un estupendo traballo actoral por parte do Jimmy Núñez e do Pedro Carvalho, cun interesante matiz nas palabras e no traballo corporal, así como na relación de forzas entre eles, manifestada de moi diversos xeitos. Do mesmo xeito, a escenografía axuda moito a coller ese ton opresivo, de lugar onde parece que non pasa nada, cando o que pasa é xustamente a vida.

 

Armazenados, de David Desola (tradución de Afonso Becerra e Diana Vasconcelos).

Dirección: Flávio Hamilton.
Elenco: Pedro Carvalho, Jimmy Núñez e Flávio Hamilton.
Axudante de dirección: Samuel Gomes.
Participación en vídeo: Daniela Pêgo.
Espazo escénico: Eduardo Abdala e Flávio Hamilton.
Construción escenografía: José Lopes.
Iluminación: Eduardo Abdala.
Fotografía, Deseño gráfico, Vídeo e Sonoplastia: André Rabaça.
Dirección artística do Teatro Art’Imagem: José Leitão.
Produción: Sofia Leal e Daniela Pêgo.

Auditorio do Concello de Vigo. 7 de novembro de 2020.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Monicreques de Kukas

Os monicreques de Kukas, Premio da Crítica de Galicia

CircoRed

IV Congreso CircoRed en Santiago de Compostela