in

No sin mis huesos

Huesos | Iron Skulls

Os ósos da memoria

| Iván Fernández |
| Foto: Vicente Romero |

 

No sin mis huesos é un espectáculo de danza e de creación colectiva de Iron Skulls Co., compañía con sede en Barcelona e gran proxección internacional, que foi presentado en Vigo na fin de semana do 20 de novembro.

A peza xorde da celebración do 400 aniversario da morte de Miguel de Cervantes e, polo tanto, foi estreada no ano 2016. A mente obsesiva, o espazo onírico, os debuxos da vida do autor e as referencias ao Século de Ouro son as bases dende onde xerar unha proposta que mestura o clásico coa xénese da compañía, o B-boying.

Dende o primeiro momento en que a intensidade das luces baixa, sei que estou a mirar un espectáculo que, dalgún xeito, ha traballar co concepto de transcendencia. O xogo lumínico, a música e a súa repetición, a posta en escena, todo marca o transcendente da proposta de Iron Skulls Co.

Un xeito específico no que isto se remarca é a composición de imaxes que acaban semellando cadros, representacións pictóricas e barrocas que nacen do movemento, da éxtase persoal e das estatuas grupais que conforman os corpos dos actores. Outro, os pasos recorrentes, as trazas dos derviches e os bailes místicos, que mesmo lembran aos movementos e danzas sagradas transmitidos por Gurdjieff a comezos do século pasado.

É moi destacable a forma en que se relacionan estes artistas: dun xeito moi pautado e que amosa as diferenzas e variados niveis na composición desta peza, apreciándose claramente no momento en que os performers se collen dos brazos, formando lazos e cordas que remiten ás mesmas sogas coa que comeza o espectáculo, suxerindo ligazóns de apoio e unión máis que de ataduras obrigadas.


Publicidade

Obviamente, todo isto depende na mestría técnica e expresiva do corpo de danza, os seis bailaríns que dan movemento á coreografía e habitan o espazo de soños que propón No sin mis huesos. Mestría que demostran durante a hora que dura o espectáculo, e que nos regalan a modo de bis na rolda de aplausos, o que fai atordar a máis dun coa capacidade acrobática do corpo humano.

No sin mis huesos regresará a Galicia o vindeiro 12 de febreiro, en Pontevedra.

 

No sin mis huesos, Iron Skulls Co.

Dirección e coreografía: Iron Skulls Co.
Performers: Adrián Vega, Facu Martín, Luis Muñoz, Diego Garrido, Moisés ‘Moe’ & Héctor Plaza ‘Buba’.
Dance Cover: Ugo Boulard.
Música: Willy Barleycorn.
Iluminación: Óscar Gonzalez.
Vestiario: María Zaguirre – ZAGV.

Auditorio Municipal de Vigo. 20 de novembro de 2020.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premio Laudamuco

Convócase o III Premio ‘Laudamuco’ para Textos Teatrais

Jacobo Sutil e Fran Núñez | Culturgal

Artes escénicas no Culturgal