A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) solicita á Xunta de Galicia que, ante o recente peche dos teatros e das actividades consideradas como non esenciais, “poña en marcha de inmediato un plan de rescate para o sector cultural e axudas directas para os seus traballadores”.
Nun comunicado, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, asociación sindical que reúne a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, mostra a súa preocupación polo que entenden que é “un punto no que se fai inviable a actividade escénica” e que “imposibilita as opcións dos profesionais dos espectáculos ao vivo de gañar o seu sustento”. Demandan ao Goberno autonómico un plan que contemple a protección aos traballadores do sector xa que consideran que este “centrou a súa intervención, desde que comezou a pandemia, nun Plan de Reactivación dirixido unicamente as empresas” que priorizaba a “exhibición e distribución, ignorando a posibilidade dos adiamentos e suspensións que se foron sucedendo”, sinalan.
Recordan a “gran vulnerabilidade laboral, por mor da estacionalidade, da intermitencia e da singularidade na contratación por días de funcións e gravacións” dos traballadores do sector. “Factores que dificultan o acceso ás prestacións habituais”, engaden desde a AAAG.
Ante esta situación, a AAAG reclama que a Consellería de Cultura, Educación e Universidades e a Consellería de Emprego e Igualdade que traballen conxuntamente nun plan específico para as profesionais do sector, seguindo modelos coma o levado a cabo en Cataluña no mes de novembro no que se recollían prestacións directas a traballadores, seguros de suspensión de funcións e partidas económicas destinadas ao mantemento de estruturas empresarias.
Comunicado completo da Asociación de Actores e Actrices de Galicia