in

La excepción y la regla

La excepción y la regla, La Extraña Compañía
Foto de Mario Martín/ Rafaela Gnecco

Viaxe a ningunha parte

 

Unha expedición polo deserto nun país estraño e exótico: Mongolia. Unha carreira: ser xs primeirxs en atopar os pozos de petróleo que o deserto agocha dentro de si. Un dilema: canto estou dispostx a pagar para chegar en primeiro lugar? Un xuízo: a fin xustifica os medios?

Atopámonos ante unha proposta arriscada, como tódalas propostas que teñan a Bertolt Brecht como fonte de inspiración. O risco é pensar, espertar a conciencia de cada quen. Que a proposta guste ou non, non é tan importante como chamar á súa reflexión. E todo en esta proposta está indicado para este fin, de xeito implícito ou explícito.

Publicidade

É algo que La Extraña Compañía lembra ao público en todo momento, a través do propio discurso ou das cancións que acompañan a presentación. Todo está, efectivamente, posto en cuestión: o comportamento dos personaxes, a historia, a presentación, os silencios.

Catalina Lladó dirixe unha peza que chama explicitamente a cuestionarnos a ambición do ser humano. Mais, como sempre acontece nas pezas de Brecht, aparecen outros temas que camiñan xuntos: a mesquindade, que fai imaxinar maldades nxs outrxs cando están en realidade na nosa mente; a inxustiza, que fai que o mundo sega a ser sempre o mesmo; a lealdade, que fai aparecer a nobreza humana malia o risco de perder o emprego ou a vida…

Estamos ante unha das Lehrstücke que Brecht e a súa equipa construíron e deseñaron para favorecer o labor didáctico do teatro. Pezas artelladas para espertar a reflexión sobre a nosa sociedade e como esta funciona, ideais para institutos e/ou sindicatos -especialmente pola parte de coloquio que a compañía ofrece xenerosamente ao final da peza-, facilitando así esa reflexión á que nos chaman todo o tempo.

A proposta é sobria e espida de ornamentos, cun deseño escénico sinxelo mais coreografiado, reflectindo nos movementos as diferentes alturas na estratificación social do noso mundo e os prexuízos nos que vivimos. O acompañamento musical, necesario e intelixente. A actuación, sólida e ben executada, con notable esforzo na linguaxe corporal das actrices, que compoñen unha das novidades máis interesantes da peza, xa que cambian o xénero dos personaxes (masculinas na peza orixinal) a unha equipa de mulleres, cunha comerciante desapiadada e ferida de medo, ríxida nos seus valores capitais e capitalistas, e, polo tanto, cega a todo comportamento verdadeiramente humano; que vai acompañada por sendas guía e portadora, vítimas propicias da ambición desmedida.

Se cadra, esta é unha das grandes eivas desta presentación, xa que non ofrecen dobreces nos personaxes: os malos son malos e os bos son bos. Mentres miraba a función, non podía deixar de preguntarme que pasaría se a expedicionaria estivese incorporada por unha Deborah Kerr (experta en remilgos inocentes de selvas africanas), coa firmeza dos seus valores morais vitorianos e occidentais e a inocencia dunha monxa e o bo corazón dunha misioneira, que non se decata da súa mirada prexuizosa. Ao personaxe da muller comerciante non se lle dá espazo para a humanidade, para o remorso ou a dúbida: ataca coma un escorpión. Do mesmo xeito, os personaxes das mulleres locais son vítimas dende o principio á fin, non ofrecen dobreces que as humanicen. Así, a presentación perde profundidade e nós, como público, a oportunidade de cuestionarnos que fariamos na mesma circunstancia: o veredicto vennos dado pola proposta.

Tamén, o que a peza ten de vistosidade colorista pérdeo en ritmo cando chega a segunda metade e aparece a escena do xuízo, inmóbil e monótona, o cal non axuda a afondar na traxedia do seu resultado: que a cativeza humana pode máis cá súa nobreza e, como así é, non podemos aceptar que unha persoa explotada sexa capaz de facerlle o ben ao seu explotador.

Á fin, queda o amargo sabor de boca de ver como o ser humano é capaz de chegar até os confíns do mundo para, en realidade, viaxar a ningunha parte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

La excepción y la reglaLa Extraña Compañía (sobre a peza de Bertolt Brecht)

Dirección: Catalina Lladó
Elenco: Santiago Blanco, Berda de la Dehesa, Alba Flores, Nüll García, Belén López-Valcárcel, Ana Migallón
Escenografía: Aylin Vera (Sawu Etudio)
Deseño de iluminación: Pablo R. Seoane
Vestiario: Ernesto Artillo
Composición musical e espazo sonoro: Clara Brea

Sala Ártika, Vigo. 24 de xaneiro de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mesa de Luces do Teatro

A AAAG demanda á Xunta un plan de rescate para traballadoras das artes escénicas

Viaje a la Luna

Marta Pazos dirixe ‘Viaje a la luna’