in

Susana Crespo: “É incomprensible que o teatro non teña o seu sitio na ensinanza pública”

Directora en El Ruiseñor

Susana Crespo de El Ruiseñor
Foto de Sandra Pereira

Susana Crespo leva quince anos facendo que moitos rapaces amen o teatro. Decidiu pechar a súa tenda de roupa e confección e construír un proxecto que vai más alá da formación teatral e dunha morea de nenos xogando a ser actores e actrices. 

En 2006, xunto con Fernando Moares, funda o grupo El Ruiseñor en Culleredo e por el teñen pasado profesionais como Paula Pier, Raquel Crespo ou Judith Fernández. Na actualidade conta con perto de 500 alumnos/as e 7 docentes.

Falamos cunha muller que comezou a amar as artes escénicas cando ía á escola en Londres, onde o teatro era parte da súa educación. Reivindica a importancia de formar ás novas xeracións e democratizar a cultura.

Miles de rapaces e rapazas pasaron polas túas aulas, moitos traballan a día de hoxe no audiovisual e no teatro, pero aínda son moitos os que non coñecen a Susana Crespo…

Crecín en Londres, son filla de emigrantes galega/asturiana, e coma en todos os colexios ingleses o teatro formaba parte da nosa educación e ensinanza básica. Nunca fun unha estudante exemplar e tiña a tendencia a perder o interese e a paciencia con moita facilidade. Tiven a gran sorte de contar cuns docentes apaixonados polo seu traballo que souberon transmitir e espertar en min o amor pola arte e a literatura. Como nena-adolescente, o teatro foi coma un amencer de algo novo, ensinoume a reflexionar, analizar as cousas, a ser paciente, disciplinada e compartir e traballar en equipo. O  meu profesor de teatro no instituto tiña un grupo de teatro xuvenil e levoume con el. Converteuse no meu mentor, con el aprendín a valorar todo o traballo de construción dunha peza e foi así cando naceu a miña segunda vocación, o deseño e a confección de vestiario. Xa en A Coruña, cando meus pais deciden voltar ao seu país de orixe, comezo e especialízome en deseño de moda, patronaxe e confección industrial.

Antes tiñas unha tenda de roupa e deixaches todo para fundar El Ruiseñor. Pagou a pena enfocarse no teatro?

No ano 2002 abrín unha tenda e un taller de confección, chamábase  ‘Athicus’, por Atticus Finch, a miña personaxe fetiche de Matar un Ruiseñor. De nena encantábame esa película narrada dende a perspectiva doutra nena, o seu pai lembrábame ao meu, e de aí que lle puxera o seu nome ao meu negocio. No ano 2006 fundamos a compañía, e como non podía ser doutra forma, púxenlle o nome de “El Ruiseñor”.

[perfectpullquote align=”left” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]”O teatro foi coma un amencer de algo novo, ensinoume a reflexionar, analizar as cousas, a ser paciente, disciplinada e compartir e traballar en equipo”[/perfectpullquote]

A tenda, o meu negocio foi coma un soño feito realidade, que máis adiante compartín con outro, o teatro; nunca pensei en ter que escoller entre os dous.  No ano 2012, no décimo aniversario do meu negocio téxtil, por vez primeira, sentín que a miña cabeza non quería repartir, só podía pensar no teatro, nos meus alumnos, en ter máis tempo. Non o dubidei e nun mes, para sorpresa de todos, a decisión xa estaba tomada. Pasaron 9 anos dende que caeu o “pano” do meu negocio e non tiven un día de arrepentimento.


Publicidade

 

Non buscades crear actores profesionais pero El Ruiseñor converteuse nunha verdadeira canteira de actores e actrices e xentes que aman o teatro. Como naceu o proxecto?

Comecei facendo pasarelas infantís e xuvenís para o meu negocio e vinme, de forma espontánea, dramatizando e teatralizando cada pase, contando historias, cruzándose así na miña cabeza as dúas paixóns.

[perfectpullquote align=”right” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]”O talento non entende de estatus social e que as artes escénicas, como calqueira forma de arte, deberían ser máis accesibles para todos”[/perfectpullquote]

Nun principio foi todo máis coma un reto persoal. Tiña a materia prima, rapaces e rapazas adolescentes con moito talento e ganas de amosalo e xente moi válida e currante ao meu lado disposta a lanzarse ao baleiro comigo. Volvín atrás no tempo e afrontei as miñas dúbidas, e se tivese escollido este camiño? Podo dicir que realmente naceu dunha reflexión interna sen maior ambición. Así pois no ano 2005 xunto con Fernando Moares, co-fundador da compañía e man dereita, montamos un espectáculo xuvenil; o impacto que tivo en todos os que participaron, ver a ilusión e o sentimento que ti mesma tiveras de nena proxectado nos ollos dos máis xóvenes, ter a posibilidade de ensinar, compartir, transmitir todo aquilo que alguén che dera a ti antes, foi indescritible.

A partir dese instante recordei o que realmente significara para min o teatro e cambiou así a miña escala de valores, primeiro a escola e logo a escena.

Semella que hai moito talento oculto entre a rapazada e moitas veces non se lles dá a oportunidade. Que deben facer as institucións?

Se algo me ensinaron estes 15 anos é que o talento non entende de estatus social e que as artes escénicas, como calquera forma de arte, deberían ser máis accesibles para todos. Tivemos alumnos e alumnas, auténticos artistas, que se chegan a ter que pagar, xamais poderían ter acudido a ningún sitio para formarse. É incomprensible que a cultura non teña o seu sitio na ensinanza pública. Os beneficios pedagóxicos do teatro na formación son innumerables, a nivel socioemocional, creatividade, comunicación, concentración, memorización, compromiso e desenvolvemento persoal. Non se pode consentir que o teatro sexa ninguneado coma un pasatempo, un hobby do cal se pode prescindir.

O alumnado vai dos 4 anos á terceira idade… Que poden atopar nas aulas?

A escola está situada dentro do Xardín Botánico Ría do Burgo, rodeado de natureza. É un lugar privilexiado cedido polo Concello de Culleredo, o noso maior apoio. No 2006 fundouse con 70 alumnos/as, hoxe xa son 480 os que acuden aos talleres de teatro, danza, canto, improvisación, teatro en inglés, teatro musical e teatro grecolatino. Os talleres están divididos primeiro por idade e a maiores por nivel dentro de cada disciplina. A escola conta agora mesmo con sete profesores/as. O alumnado é implicado directamente na parte de construción das pezas: perruquería, maquillaxe, escenografía, vestiario e iluminación; de feito unha gran parte do noso alumnado atopou a súa vocación en traballos fóra da escena, detrás da escena. A maiores temos a modalidade chamada PILODRAMA, que son obras breves cun carácter de microteatro, para fomentar a creatividade do alumnado, sendo estas pezas creadas por eles mesmos, dramaturxia, dirección, elección libre de reparto, posta en escena e todo o que trae consigo a montaxe. A obra é revisada e levada ao palco na propia escola.

 

Adaptación de clásicos, musicais, obras propias… Como elixides que levar a escena en cada momento?

Sempre me gustou a variedade, é unha forma de pór a proba a capacidade do actor ou actriz e por suposto a miña. Recoñezo que as diferentes pezas que teño escritas sempre estiveron moi motivadas por circunstancias emocionais e persoais, de aí que escribira todo tipo de xéneros.

[perfectpullquote align=”left” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]”Procuro non contaminarme do convencional, o que se espera das cousas, e así darlle liberdade á creatividade”[/perfectpullquote]

O traballo no taller tamén é esencial á hora de escoller unha obra, dependendo das técnicas nas que se está a traballar, busco pezas que poidan poñer en práctica o que están a aprender nas aulas. Confeso que as obras clásicas son a miña debilidade, cada vez que fago unha adaptación intento facelo co maior dos respectos, para min é unha enorme responsabilidade manter vivo este marabilloso legado de dramaturxia entre as novas xeracións.

A plástica é unha parte moi importante da compañía e moitas veces supera a montaxes profesionais…

 Sempre intentamos coidar cada detalle, a plástica é o primeiro que entra polo ollo do público, un subtexto visual. No momento no que escribo ou teño un texto na man, vexo cada escena como unha pintura, dende a iluminación, a textura, a cor, os obxectos, a colocación dos corpos na escena. Procuro non contaminarme do convencional, o que se espera das cousas, e así darlle liberdade á creatividade, usando a poética e o simbolismo.

En  ‘Electra’ de Eurípides construímos unha gran tea de araña, feita con redes de pesca, como fondo do seu fogar. O vestiario de Electra inspirouse nunha araña negra.

“[…] e foi así como durante anos teceu a súa rede de odio e vinganza para atraer á súa nai Clitemnestra a casa, atrapala e acabar coa súa vida”.

Hai textos que che regalan as ideas.

Realizas a maior parte do deseño e realización do vestiario. Antes confeccionabas vestiario para a túa tenda de roupa e agora para o teatro. De onde vén esa inspiración?

O vestiario é o terreo que máis coñezo polos anos que fun deseñando e confeccionando, quizais por iso é onde máis me estou a xulgar. Os tecidos son a miña debilidade e adoro toda a parte creativa do deseño e construción de vestiario, aprender novas técnicas e experimentar. O vestiario escénico ou teatral, a diferenza da costura habitual, permíteme navegar polo tempo, o pasado e o futuro; pero ao igual que no deseño das escenografías, non me gusta sentirme “encorsetada”, limitada a un estilo ou a unha época. O texto sempre me dá as respostas, as formas, as cores, a inspiración.

[perfectpullquote align=”left” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]”Tiven que aprender a delegar e compartir o traballo, a confiar na validez das persoas que teño ao meu carón”[/perfectpullquote]
Na obra de Eurípides Ifixenia en Áulide, o conflito xerouse pola morte dun cervo sagrado do bosque de Artemisa, deusa da caza. Os traxes inspiráronse nas cores dun bosque de outono, con tecidos pesados ​​acabados a man con lá rústica, afastados do grego convencional e máis próximos aos celtas e aos druidas.

Dirección, deseño e realización de vestiario e escenografía, iluminación, maquillaxe… Díxome un paxariño que ás veces che custa delegar… Tes tempo para todo!?

Cando tes o teu primeiro fillo, non llo deixas a ninguén porque pensas que ninguén o vai coidar coma ti. Ese paxariño non te enganou, durante anos quixen abarcalo todo, era un problema de confianza, a necesidade de ter todo baixo control. Todo na vida é unha aprendizaxe e tiven que aprender a delegar e compartir o traballo, a confiar na validez das persoas que teño ao meu carón. El Ruiseñor non foi construído por unha soa persoa, pensar iso sería de tolos.

 

Cal é o futuro próximo do grupo? Veremos a El Ruiseñor como compañía profesional estable?

Normalmente estamos a traballar en varios proxectos ao mesmo tempo debido ao número de alumnos/as, aínda que é certo que sempre hai dous ou tres proxectos en curso con pezas máis “elaboradas”, por así dicilo. O elenco selecciónase cun casting interno, investimos máis traballo na posta en escena e está pensado para un público máis amplo.

El Ruiseñor ten que seguir sendo un lugar de aprendizaxe, un trampolín para aqueles que desexen exercer neste sector, pero tamén un lugar onde simplemente queres formarte como individuo para o escenario da vida. Profesionalizar El Ruiseñor rompería coa filosofía da accesibilidade, o fundamento dos seus alicerces.

Persoalmente, estiven varios anos pensando en formar unha compañía profesional para levar a cabo varios proxectos de pezas propias. Na miña cabeza está todo planeado, quen sabe, calquera día empezo niso.

Javier Lojo

Director de escena, xornalista e marketing dixital. Membro da erregueté e das compañías Señora Supina e Feira do Leste. Na actualidade, coordina o proxecto editorial Á Feira de textos teatrais e novas dramaturxias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Tito Asorey, Marta Pazos, Laura Iturralde

Marta Pazos, Laura Iturralde e Tito Asorey finalistas nos Premios ADE 2021

Auditorio de Ourense

Reabren os teatros en Galicia (menos o Auditorio de Ourense)