in

Teatro do Noroeste-CDV estrea ‘Palhaço Verde’ por Internet

Palhaço Verde
Imaxe de Rui Carvalho

Mañá arrancan as funcións escolares e os sábados 6 e 13 de marzo ás 17.00 horas galegas hai pases para o público xeral, que se poden seguir dende a web do Teatro Municipal Sá de Miranda.

 

Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana, a compañía residente no Teatro Municipal Sá de Miranda, en Viana do Castelo, estrea mañá 2 de marzo Palhaço Verde, de Matilde Rosa Araújo e dirixida por Graeme Pulleyn, con retransmisión directa e interactiva vía streaming dende o escenario do teatro ás 15.00 horas portuguesas.

A peza conta con escenografía de Ricardo Sá, figurinos de Cláudia Ribeiro, iluminación de Nuno Almeida, música de Chico Pires, creación e realización de vídeo  de Luís Lagadouro e interpretación de Alexandre Martins, Chico Pires, Elisabete Pinto, Mariana Pombal e Tiago Fernandes. Esta montaxe, que xa é a número 145 de Teatro do Noroeste, terá representacións en directo gratuítas entre o 2 e o 13 de marzo os martes e os xoves, ás 15.00 horas portuguesas, e os mércores e os venres, ás 10 horas, para o público escolar da educación preescolar e o primeiro ciclo do ensino básico. Esta iniciativa xurdiu do Serviço Educativo do Teatro do Noroeste, co apoio da Câmara Municipal de Viana do Castelo, debido á imposibilidade de acoller fisicamente a visita das escolas no teatro debido á pandemia, e xa hai máis de corenta escolas e 3.000 alumnos e alumnas inscritos.


Publicidade

Os sábados haberá unha sesión en directo emitida en streaming para o público xeral ás 16.00 horas portuguesas (17.00 horas galegas), que se poden seguir dende a web do teatro, onde se poden mercar directamente tamén os billetes, cun prezo único de tres euros, que reverte integramente en beneficio da União Audiovisual, asociación de apoio aos e ás profesionais das artes afectados pola pandemia.

Palhaço Verde, que ten unha duración de 50 minutos e vai dirixida ao público familiar, a partir de tres anos, fala dun rapaz que, ao verse ao espello, descubriu en si mesmo pequenos trazos de riso, de graza, e, como foi capaz de rir de si mesmo, achou que era quen de facer rir tamén os outros. Non é un pallaso calquera, é un pallaso que “… tiña os ollos que brillaban como estrelas e no peito un corazón de ouro…” e o soño de facer rir a todos os rapaces e rapazas. Entón, arranxou unha roupa graciosa e, conxuntado co riso, transformouse nun pallaso.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Estoxo con obras de Xohana Torres de Engaiolarte

Engaiolarte recupera o teatro de Xohana Torres

Me Gustas Pixelad_

Matías Daporta comisaría o Festival Me Gustas Pixelad_2021