in

Engaiolarte recupera o teatro de Xohana Torres

Estoxo con obras de Xohana Torres de Engaiolarte

A reedición d’A outra banda do Íberr e Un hotel de primeira sobre o río está dispoñible tanto nun estoxo conxunto como por separado.

 

Que a única edición dos únicos dous textos dramáticos escritos pola autora ferrolá fose a primeira, datada nos anos 60 e cun moi restrinxido acceso (practicamente limitado a certas bibliotecas públicas e privadas), era un luxo que o teatro galego non se podía permitir. Con esta nova edición, Engaiolarte continúa co seu labor de publicar a obra completa da autora de Penélope (poema que contén o emblemático verso feminista “eu tamén navegar”) e salda unha conta que o teatro galego tiña cunha escritora tan comprometida como ninguneada polo teatro.

Fora a Asociación Cultural O Galo a que convocara o I Concurso Castelao de Teatro Galego en 1964, certame famoso pola “Campaña do peso” que as asociadas realizaron polas rúas de Santiago para financiaren a edición. A pesar de que A outra banda do Íberr ficara finalista, O Galo recomendara a súa publicación, que se fixo efectiva grazas a Galaxia un ano despois. Deste xeito, a cronoloxía e a historiografía literaria sitúan a Torres como membro da denominada Promoción de Enlace, xunto a Álvaro Cunqueiro, Marinhas del Valle ou o mestre ferrolán da propia autora, Ricardo Carballo Calero. Con todo, o seu teatro non correu a mesma sorte que o dos seus compañeiros, que en maior ou menor medida acabou subindo ás táboas. Non foi o caso nin d’A outra banda do Íberr nin de Un hotel de primeira sobre o río, pezas ambas cun claro protagonismo feminino que aínda hoxe esperan tomar corpo escénico.

Na primeira das pezas mencionadas, Xohana Torres inventa un territorio imaxinario (Galandia) dividido en dúas marxes (a esquerda e a dereita) polo río que aparece no título, mais tamén por unha contenda bélica cuxas consecuencias non deixan escapatoria á dialéctica da opresión. Entre o dramatis personae salienta a personaxe de Malen de Escó, unha muller con todos os ingredientes para se converter nun dos grandes personaxes femininos do teatro en lingua galega.


Publicidade

A segunda das “alfaias que permanecían inéditas desde hai máis de 50 anos”, segundo sinopse da propia Engaiolarte, é Un hotel de primeira sobre o río, (publicado por Galaxia no 1968). Unha peza coral, menos solemne e máis satírica, sostida por unha galería de personaxes femininas e unha trama “na que están presentes a especulación urbanística, o caciquismo, a colonización turística, a emigración e o desarraigo”.

O teatro de Torres estableceu paralelismos co da súa época. A súa estética decantouse cara a un culturalismo arrimado a unha fonda compoñente política. E nesa fusión entre a linguaxe elevada e o contido crítico reside grande parte da súa forza.

Xohana Torres (Ferrol, 1931 – Vigo, 2017) Poeta, dramaturga e novelista. A escritora que no seu discurso de entrada na Academia Galega afirmou “as mulleres sostemos a metade do ceo” é un punto de referencia polo seu compromiso desde moza co sostemento e a difusión da lingua e a cultura do país, nun tempo en que as dificultades políticas e de difusión eran máximas. Entre as súas obras destacan, alén das dramáticas, textos como Tempo de ría (1992, Espiral Maior) en poesía e Adiós, María (1971, Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires) na narrativa. Aínda que sempre mantivo un perfil público baixo, a importancia da súa obra é unanimemente recoñecida por toda a crítica.

Xa só queda, agora, que algunha compañía aposte por fin polos seus textos para facer aquilo para o que foron escritos hai cincuenta anos: teatro.

Roi Vidal Ponte

Roi Vidal Ponte

(Santiago de Compostela, 1982). Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e egresado en Dirección de Escena pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Docente, investigador, director de escena e escritor. Como dramaturgo gañou o XII Premio Abrente con 'Poesía. Instrucións para montar unha escena de cama' (2017) e o XII Premio Barriga Verde con 'Marcha fúnebre para un monicreque' (2017); foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales co texto 'O asasinato de Zinaida Reich' (2016) e participou no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG con 'Boisaca ou a divina desgraza', que foi unha das obras elixidas para formar parte do espectáculo 'Neorretranca e posmorriña' (2019). Exerceu a crítica teatral no Faro de Vigo e na erregueté. É membro co-fundador de DramaturGa (Asociación de Dramaturxia de Galicia) e da sección teatral O Galiñeiro, do xornal Praza Pública. Na actualidade
forma parte do Consello de Redacción da erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aibo

Compañía Eléctrica estrea ‘Aibō’ en Cangas

Palhaço Verde

Teatro do Noroeste-CDV estrea ‘Palhaço Verde’ por Internet