in ,

Elisa e Marcela

Elisa e Marcela
Imaxe de Pilar Abades

A construción dun clásico moderno

Por fin! Teño que dicilo: levaba tanto tempo querendo ver este espectáculo! Das outras veces que tiven ocasión, por ofrecerse Elisa e Marcela en Vigo ou na súa contorna, nunca fun quen de atopar entrada. E é que o éxito desta peza é tan tremendo que cómpre facer unha reserva ben anticipada se queres gozala, tanto en Galicia como no cada vez maior número de cidades que acollen á Panadaría fóra do noso país.

Falar de Elisa e Marcela pode ser como que chova sobre mollado, pois dende a súa estrea en 2017, moito se ten escrito sobre ela e non son poucas as gabanzas e premios que a mesma ten acadado (sen ir máis lonxe, o Premio ao Mellor Espectáculo nos María Casares de 2018). Na mesma erregueté | Revista Galega de Teatro falamos delas en máis dunha ocasión: 1, 2, 3, 4. Mais, por azares do destino, teño o privilexio de poder falar agora deste espectáculo, que segue en cartel logo de catro anos (e vai para cinco). Isto é un acontecemento que non adoita acontecer de cotío, e por algo será.

Coido que o seu éxito débese a un conxunto de factores, entre os que destacan o enorme cariño que se nota que o equipo tenlle á peza, a complicidade entre as intérpretes, a importancia política e social do tema que se está a tratar, e o coidado agarimoso no desempeño; mais, tamén, no contacto co público. Elisa, Marcela e A Panadaría están feitas as unhas para as outras.

O feito de que a peza mantéñase a día de hoxe en cartel ten que ver, sen dúbida, coa íntima relación que A Panadaría teñen coas mesmas Elisa e Marcela, a través das cales Areta, Noelia e Ailén mostran moitas das súas inquedanzas co mundo actual, facendo propia a historia destas dúas mulleres. Mais, tamén, Elisa e Marcela falan connosco a través da Panadaría, usando os corpos e voces das actrices para contar o que non puideron no seu momento. Elisa e Marcela convértese así nunha peza reivindicativa, que lle dá voz ás acaladas da historia.

Non é algo casual. A Panadaría levaba xa uns anos amosando un camiño singular de entender o teatro, que neste caso atopou o tema ideal. Espectáculos previos coma Pan! Pan! (2015) ou Panamericana (2016), falaban xa de que algo grande se cociñaba neste forno teatral. Elisa e Marcela segue as liñas mestras trazadas pola compañía, cun espazo baleiro onde son as actrices as que enchen o escenario e constrúen a escenografía imaxinaria, con continuos cambios de roles e moita musicalidade, ou clásicos propios como o que se esconde por baixo da camisa. Con todo, Elisa e Marcela é algo inesperado. Quero dicir que, con moita probabilidade, este sexa un espectáculo que desfai todas as expectativas que sobre o mesmo podemos ter antes de entrar á sala (especialmente unha vez que o mito de Elisa e Marcela acada certa sona e escríbense libros ou fanse filmes).

Máis que estar ante unha reconstrución dos feitos que desembocaron nese primeiro matrimonio entre mulleres na historia de España, acontecido na Coruña no ano 1901, estamos ante unha deconstrución dos mesmos. Unha deconstrución que A Panadaría pon ao servizo dunha nova construción: o amor, por riba de todo. Así, imos esfiañando a historia de amor destas mulleres para construír un discurso universal que amosa sen prexuízos o universo das relacións lésbicas, para chegar á conclusión de que o amor é de moitos xeitos: elas con elas, eles con eles, elxs con elxs, elas con eles, eles con elxs, elxs con…


Publicidade

Xa o anuncian as mesmas intérpretes no comezo da peza: Elisa e Marcela é unha obra de acción e intriga, con disfraces e fuxidas, amor e cárcere. O que non anuncian é que faremos un percorrido tan divertido, cheo de música. O espectáculo é sinxelo na súa concepción, e moi limpo na súa exposición, algo que hai que agradecer tanto á Panadaría como á directora da peza, Gena Baamonde, quen participa tamén do discurso des-xenerado dende hai tempo.

Un escenario completamente espido, no que unha guía turística nos achega ata a igrexa coruñesa de San Xurxo, onde casaron Elisa e Marcela, e construída polos xestos e o corpo de Ailén Kendelman, mentres as súas compañeiras Areta Bolado e Noelia Castro van armando un pano que servirá de material transformable para situar a nosa historia en calquera decorado que imaxinemos: unha cama, un barco, un deserto… A partir de aí, o escenario énchese de espazos construídos a través do corpo e da imaxinación, empregando por veces materiais tan simples como unha bombilla para situarnos no alén, ou o xogo de sombras para falarnos da intimidade. A fisicidade das actrices é fundamental á hora de contar esta historia, así como o constante cambio de papeis nos que todas elas pasan por todos os personaxes posíbeis (incluíndo seres inanimados que semellan máis humanos que os mesmos humanos e amosan perspectivas emocionais dunha tenrura e inocencia conmovedoras). Como xa mencionei, tamén é fundamental a relación entre elas, que intuímos máis alá do mero compañeirismo. A Panadaría é unha compañía onde se respira amor.

Elisa e Marcela é unha obra profundamente musical, onde aparecen números cantados e bailados en calquera momento, afondando tanto no discurso da peza como na fundamental comunicación actrices-público. Neste caso, teño que dicir que, se ben tódolos números musicais me pareceron interesantes e acaídos, ese momento de palmeo flamenco levoume case á éxtase. É o pracer do inesperado.

Elisa e Marcela é xa historia do teatro galego, e de certo debería selo tamén do teatro nacional. É unha peza que hai que ver polo menos unha vez na túa vida, porque non importa a historia, non importa o interese que un poida ter no mito de Elisa e Marcela, senón como se nos conta esa historia. Estou ben seguro que se hoxe as mesmas Elisa e Marcela puideran ver o que A Panadaría fixo coa súa aventura vital, estarían máis que orgullosas e darían cada palabra por ben falada.

Elisa e Marcela, A Panadaría

Creación e interpretación: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman
Dirección: Gena Baamonde
Texto: A Panadaría e Gena Baamonde
Música: Ailén Kendelman
Iluminación: Montserrat Piñeiro e Laura Iturralde
Vestiario: Fanibeli
Deseño soporte: Beatriz de Vega
Construción soporte e tea: CDG
Imaxe gráfica: Noelia Castro
Fotografía: Pilar Abades
Vídeo: Alex Penabade
Asesoría en Canto: Marión Sarmiento
Produción: Ailén Kendelman
Axudantía Produción: Liza G. Suárez

En coprodución co Centro Dramático Galego, Concello da Coruña, Concello de Vimianzo, Concello de Rianxo

Sala Ártika de Vigo. 28 de marzo de 2021.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Certame Coreográfico Compostela

Aberta a convocatoria para o Certame Coreográfico Compostela

Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela

Presentada unha iniciativa para nomear ao Auditorio Municipal de Cangas como ‘Xosé Manuel Pazos Varela’