in

Elisa e Marcela toman as rúas da Coruña

ElisaeMarcelaGEP |

Elisa e Marcela toman as rúas da Coruña entre o 27 e o 29 de novembro, tres días nos que o Concello da Coruña e a compañía de teatro A Panadaría programan actividades de visibilización da diversidade sexual e afectiva en diferentes puntos da cidade a través da historia destas dúas mulleres, que casaron na Coruña en 1901. As actividades, dirixidas a un público de diferentes idades, conclúen coa premiada representación da peza Elisa e Marcela, da Panadaría, o día 29 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Colón.

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, incidiu na relevancia da historia de Marcela e Elisa como “referente local da visibilidade das persoas LGTBQI e a necesaria reivindicación da súa figura”, na que abundan estas xornadas.

“Temos unha alegría tremenda porque Elisa e Marcela volven ás rúas e a Coruña recíbeas cos brazos abertos. Na representación era moi imporante poñer en diálogo a historia co presente, saber que nos está contando, e nestas xornadas imos poñer tamén a historia en diálogo coa cidade, coas rúas, coa memoria”, manifestou a actriz Areta Bolado. Pola súa banda, o edil de Culturas quixo resaltar que a obra, “exitosa, premiada nos María Casares”, xorde dunha “coprodución, entre o Concello da Coruña e A Panadaría, e dun traballo transversal que recolle unha historia recóndita ou oculta da cidade necesariamente reivindicable, porque na política ficción que é o espectáculo vemos como se sublima a figuras esperpénticas e como contraposición temos a figuras de excelencia como a Elisa e Marcela”.

 

Programación


Publicidade

O programa comeza o día 27 con Mulleradas, un faladoiro de pracer dirixido especialmente a mulleres de máis de 50 anos que aborda o autocoñecemento e o intercambio da memoria afectiva e de pracer dende un punto de vista feminista. Esta actividade comezará cun breve paseo polas rúas da cidade que percorreron Elisa e Marcela antes e despois do seu casamento e que partirá ás 17.00 horas dende os soportais do teatro Rosalía de Castro.

Ao día seguinte, terá lugar Tortigrafías, un obradoiro indicado para mozas e mozos a partir de 16 anos, no que se realizará “un mapa colectivo, colaborativo e queer da cidade onde se misturan crítica, arte e xeografía e no que se poñerá a atención na visibilidade do colectivo LGTBQI co obxectivo de para xerar dinámicas de reflexión sobre a habitabilidade do territorio”. Comeza ás 17.00 horas do día 28 e terá lugar no centro cívico da Cidade Vella.

Por último, o 29, o día da función, realizarase un roteiro teatralizado “que percorrerá os recunchos da cidade que marcaron a historia das protagonistas da peza, tratando de crear un mapa sensorial do que aconteceu en 1901”. O paseo Trotadas comeza ás 18.30 horas nos soportais do teatro Rosalía de Castro. A continuación, ás 20.30 horas, terá lugar a representación de Elisa e Marcela no Teatro Colón. A entrada ten un prezo de 5 euros e a función conta con intérprete de lingua de signos.

As actividades requiren de inscrición previa a través da web do CMIX, o seu teléfono ou no teléfono 010.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

xornadas teatro cangas2 |

IV Xornada de Teatro é Saúde Mental en Cangas

solodos32 |

Comeza o III SóLODOS en Danza en Ourense