in ,

‘Atopémonos Bailando’ leva a Lugo varias propostas de danza contemporánea galega

Colectivo Glovo
'Mapa', do Colectivo Glovo

As xornadas, organizadas polo Colectivo Glovo, terán lugar os días 13, 16 e 17 de abril en distintos espazos da cidade.

Atopémonos Bailando é o nome das xornadas que traerán a Lugo nos vindeiros 13, 16 e 17 de abril varias propostas de danza contemporánea de compañías galegas. Un nome co que o Colectivo Glovo, organizador da proposta co apoio do Concello de Lugo, quixo volver prender os espazos de encontro á volta das artes do movemento tanto na súa dimensión escénica como formativa.

No eido escénico, o público poderá ver pezas curtas de artistas como Alejandra Balboa, Cía Exire e Cía Elahood, o venres 16; ou de Cris Vilariño, Colectivo Glovo e Alba Fernández, o sábado 17. Todas elas terán lugar no Auditorio Gustavo Freire ás 20.00 horas, e o público recibirá coa entrada o libro O público está aquí, de Sabela Mendoza, como parte da colaboración entre a autora, a editorial Estraperlo e o Colectivo Glovo. A entrega deste ensaio sobre o significado de ser público hoxe en día é significativa da vontade de mediación que impulsa aos organizadores, Esther Latorre e Hugo Pereira, que conciben estas xornadas como unha maneira de tecer redes coa cidade na que no 2019 decidiron asentar a súa compañía.

Neste ámbito de mediación, Atopémonos Bailando tamén propón varias actividades formativas impartidas polas mesmas artistas participantes. A primeira será o día 13, cun obradoiro de Cris Vilariño na Escola Palimoco, para nenas e nenos de 9 a 12 anos, de 17.30 a 19.30.


Publicidade

As actividades neste eido continuarán o día 17 pola mañá, con obradoiros a cargo de Alejandra Balboa, cunha proposta de danza para todos os públicos, e da Cía. Elahood, que iniciará ao alumnado de danza na técnica waacking. Pola tarde, Cía. Exire facilitará ao alumnado de danza ferramentas para danzas urbanas. Esta xornada formativa desenvolverase nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). As persoas interesadas en inscribirse poderán enviar nome, apelidos, enderezo de correo electrónico, teléfono de contacto, idade e número de DNI a [email protected] indicando o obradoiros no que queren participar.

As xornadas estarán acompañadas pola xornalista e escritora Nieves Neira Roca, que compartirá na erregueté | Revista Galega de Teatro as súas achegas sobre as actuacións e obradoiros nos vindeiros días.

Atopémonos Bailando é o proxecto de reactivación de espectáculos de danza impulsado pola compañía Colectivo Glovo (Esther Latorre e Hugo Pereira) apoiado polo Concello de Lugo e subvencionado pola Agadic a través das axudas ao Impulso do Sector Escénico da Xunta de Galicia no 2020. O proxecto tivo xa unha primeira fase en 2020, cunha residencia de reactivación do espectáculo Mapa de Colectivo Glovo, tras a parada provocada polo COVID, para unha posta a punto de cara á xira do 2021 do espectáculo, seleccionado no circuíto nacional Danza A Escena 2021.

Novo cartel de Atopemonos bailando |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Francisco A. Vidal CastroBal 2013 01 |

Francisco A. Vidal gaña o III Premio Laudamuco

Imaxe artigo 2 Pablo Carrera |

Paseos polo escenario