in

Paseos polo escenario

Imaxe artigo 2 Pablo Carrera scaled |

Unha cousa que me gusta moito facer antes de actuar é dar un paseo polo escenario, mirar as táboas e imaxinar que clase de cousas puideron ocorrer alí. Supoño que a historia dos sitios queda reflectida en lugares así.

Esas táboas están cheas de marcas, de defectos (que palabra esta!). O teatro vive nas cicatrices, nos golpes, nas deformidades. O interesante está en todo o que altera a realidade. A realidade é plana, lisa, inalterable, diáfana. Menos mal que existen os accidentes, os erros e as aventuras. Os do teatro estamos atentos a todo iso para sacalo das marxes da mirada e poñelo no centro, debaixo do foco e facer con todo iso unha nova fenda na madeira dalgún teatro.

As rabuñadas da madeira do teatro son mensaxes que viaxan no tempo. Son historias que se resisten a ir, que non queren desaparecer. O teatro ten iso, esa fugacidade, esa efemeridade. Sucede eventualmente e logo volve a irse para sempre… ou non. Esas marcas son a proba de que ningunha historia marcha de todo. De que algo queda. Esas marcas son un aviso, unha advertencia a quen as pisa: o que vai  pasar nestas táboas importa.

Publicidade

E aí é onde nace a responsabilidade. A responsabilidade ten unha relación moi directa co que facemos, coas accións que colocamos no tempo. Porque o tempo non é unha parvada, é o ben máis valioso que se pode entregar. E o feito teatral implica compartir iso. O tempo require un respecto, por iso vale todo pero non calquera cousa.

As marcas dos escenarios son as vixilantes silenciosas das nosas decisións. Cando as vexo penso que non quero fallarlles, que non quero pisalas sen merecelo. Son un cúmulo de sensacións que aparecen antes de que se levante o pano, ou se quenten os focos ou o que corresponda.

A maxia ten que ver co pasado. Un lugar é máxico en canto ao pasado que arrastra entre os seus muros. E se levantas a vista do chan, acto que recomendo facer con certa frecuencia, aparece a impoñente figura dun teatro atenta ao que vai suceder.

Entón alí, o artista, vixiado polo pasado, debe, con todo o respecto ao que xa foi, avanzar. O avance é o único que fai posible aprender. O teatro é a punta de lanza da saúde dunha sociedade por iso é sumamente importante un teatro en perfecto estado de saúde. Isto non é algo que se poida acordar nunha reunión, nun escrito, ou incluso nun manifesto. A saúde da nosa cultura é, exclusivamente, un acto de responsabilidade individual. E así, un pouco entre todos, iremos sumando.

Total, que o tempo pasa e parece que a hora de que comece o espectáculo está ao caer. Comeza entón a coreografía da última hora e a xente corre e apura por riba de todas esas marcas, rabuñadas, fendas.

Entón xa solo queda a tranquilidade de que se fixeron as cousas ben.

Facede as cousas ben, e con cariño e seguro que irá ben. Ou polo menos merecerá a pena o tempo utilizado.

Estes paseos polo escenario dan para moito. E non podo deixar de preguntarme por que resultan tan tristes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Colectivo Glovo

‘Atopémonos Bailando’ leva a Lugo varias propostas de danza contemporánea galega

Auditorio de Ourense

Trece asociacións das artes escénicas e da música rexeitan a privatización do Auditorio de Ourense