in

Trece asociacións das artes escénicas e da música rexeitan a privatización do Auditorio de Ourense

Auditorio de Ourense
Imaxe de Turismo de Ourense

Asinan un manifesto amosando o rexeitamento á vontade manifestada polo goberno local de Ourense de externalizar a actividade do Auditorio Municipal. Sinalan que esta decisión foi adiantada polo rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, tanto nun comunicado como nas súas redes sociais, “sen achegar claridade ao respecto do modelo de xestión que pretende o Concello nin que prazos están previstos”. 

Consideran o anuncio como “a manifestación dunha errática política cultural que parece afanarse en obviar os dereitos tanto da cidadanía coma do tecido produtivo cultural da terceira cidade galega”; e móstranse, así, contrarios a intención de privatizar a programación do Auditorio Municipal de Ourense, que se sumaría a “outras lesivas decisións políticas tomadas dende o Concello nos últimos anos, como a retirada de apoio a festivais de longa tradición ou o peche continuado neste 2021 do propio Auditorio”.

Esta decisión supón para as asociacións unha clara mostra do interese de Pérez Jácome de “desprenderse das responsabilidades de todo consistorio á hora de promover a cultura”. Afirman ver con estupor as xustificacións esgrimidas polo alcalde ourensán e consideran que os argumentos empregados “xorden da imprudencia e manifestan un nesgo impropio para alguén que ostenta o seu cargo”. Expresan tamén que cuestións como “obviar a rendibilidade social da actividade cultural, o solapamento da cultura como ben público baixo o termo show bussiness ou o desprestixio do equipo de programación do Auditorio parecen formar parte dunha estratexia para desviar a atención dunha errática xestión política e para desfacerse de deberes do Concello”.

Publicidade

As trece entidades esíxenlle ao Goberno local de Ourense que todo anuncio que se realice sobre a política cultural municipal veña acompañado pola planificación, polo consenso co sector cultural local, pola máxima claridade e transparencia e que recúe na intención de privatizar a actividade do Auditorio. Mostran, ademais, o seu apoio “tanto ao equipo técnico coma aos profesionais da programación que desenvolveron ao longo destes anos un traballo exemplar que, lonxe de atender a gustos particulares, responderon a criterios de calidade e de promoción da cultura”.

Firman estas peticións a AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), Músicas ao Vivo, AGPXC (Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural), Academia Galega de Teatro, PAM (Plataforma Artes do Movemento), Asociación Compañías de Danza Emprendo Danza, UNIMA Galicia (Unión Internacional da Marioneta), Espazo Coop_Sectorial de Cultura, DramaturGA (Asociación Galega de Dramaturxia), TESGAL (Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo), AFEARTE (Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia) e APCG (Asociación de Profesionais de Circo de Galicia).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe artigo 2 Pablo Carrera |

Paseos polo escenario

Terceiro acto |

O Centro Dramático Galego estrea ‘Terceiro Acto’