in ,

Nace CDGLab, espazo de formación para o alumnado de arte dramática

CDG e ESAD de Galicia CDGlab
Foto: ESAD de Galicia

O Centro Dramático Galego (CDG) e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) únense na creación dun espazo de encontro entre a formación e a profesión, coa posta en marcha de CDGLab. O obxectivo é facilitarlles aos futuros profesionais da escena a adquisición de competencias máis aló das impartidas no ámbito académico, a prol da súa incorporación ao mercado laboral.

A iniciativa, segundo perfilaron nunha reunión entre o director do CDG, Fran Núñez, e a vicedirectora da ESAD e antiga directora do teatro público, Cristina Domínguez, comeza a desenvolverse mañá xoves 29 de abril, cunha primeira fase de encontros en liña do alumnado con persoal técnico do Salón Teatro e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en diferentes áreas relacionadas coa montaxe e promoción dos espectáculos. Así, a primeira das sesións xirará ao redor da planificación, xestión e comunicación. O segundo encontro, o 13 de maio, tratará sobre a produción, o acompañamento técnico e a construción, e o terceiro e último encontro, previsto para o 27 de maio, sobre a creación artística.

Unha vez rematado o curso, porase en marcha a segunda fase, centrada no acompañamento por parte do CDG de proxectos promovidos polas persoas que se gradúan na ESAD, como poden ser os Traballos de Fin de Grao. Trátase así de apoiar a transición destes proxectos ao mundo laboral, mediante o asesoramento con titorías e encontros con profesionais do sector.


Publicidade

CDGLab poderase completar cunha terceira fase, cando a situación sanitaria o permita, para realizar prácticas extracurriculares coa participación do alumnado nos procesos de creación e residencias que se desenvolvan no Salón Teatro.

Con esta nova iniciativa, o CDG quere converterse nun punto de referencia para facilitar o tránsito do alumnado egresado de Arte Dramática ao mercado de traballo, achegándolle diferentes mecanismos de integración na profesión. CDGLab enmárcase ademais no obxectivo de potenciar o coñecemento da realidade escénica tanto entre os colectivos vinculados ao sector como no conxunto da sociedade.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Demente de Fran Sieira

Fran Sieira estrea ‘DeMente’ en Cangas polo Día Internacional da Danza

Bailas e faisme libre, caligrama de Uxío Novoneyra

Bailas e faisme libre