A XXXVIII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo, a MITCF, abriu o 1 de xullo co acto de homenaxe a Xosé Manuel Pazos Varela. Foi no Auditorio Municipal que, segundo confirmou a Concelleira de Cultura, Aurora Prieto, nun emocionado discurso de louvanza á figura de Pazos, vai levar o nome do dramaturgo que impulsou a súa construción.
Esta é unha das noticias relevantes desa xornada. Tamén a concesión, a título póstumo, do Premio de Honra da Asociación Academia Galega de Teatro, que entregou a súa presidenta, Inma António Souto e que recolleu María Xosé González Domínguez, viúva de Pazos.
Moitas das iniciativas culturais fundamentais da capital do Morrazo, con repercusión alén do ámbito local, debéronse ao impulso de Xosé Manuel, como é a propia Mostra de Teatro, que cumpre 38 anos, organizada pola Asociación Xiria, da que el foi un dos fundadores e principais valedores, tamén a erregueté I Revista Galega de Teatro e moitas outras actividades nas que o teatro era central.
No Ensino, no que exerceu a profesión de mestre, igual que na política activa, na que desenvolveu unha intensa e moi produtiva actividade, como concelleiro de cultura e, despois como alcalde en Cangas ou como deputado no Parlamento Autonómico, sempre reivindicou a importancia do teatro. Como lembrou Manuel F. Vieites, no seu discurso, Pazos, cando era deputado no Parlamento Galego, foi o primeiro en pedir que se abrise a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
A gala de homenaxe estivo organizada e dirixida por Casilda Alfaro e convocou sobre o escenario do Auditorio a amizades e persoas da profesión da xeración de Pazos ou de xeracións moi próximas.
A acto principiou, de xeito solemne e festivo, coa banda de gaitas Tromentelo, que entraron desfilando polo corredor central da platea até o escenario. A música estivo moi presente tamén co trío formado por Paco Alfaro, Anxo Graña e Héctor Pazos, tres persoas moi vinculadas ao homenaxeado. Paco Alfaro, ademais de músico, é técnico no Auditorio, Anxo Graña compuxo a música de moitas das producións de Teatro de Ningures, formando parte do equipo artístico no que Pazos tamén estaba, e Héctor Pazos é o fillo de Xosé Manuel. Eles foron quen puxeron música aos interludios da gala. Neste mesmo apartado musical, tamén ofreceron actuacións Xico de Cariño, á harmónica, que botou un blues con Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, como cantor, facendo participar ao público cun retrouso rítmico. E, logo, a este dúo uniuse Blanca Francés, para cantar outro tema cheo de humor. Uxía, nunha gravación audiovisual, acompañándose da guitarra, cantou María Soliña. Carme Penim, acompañada ao piano, ofreceunos unha composición con letra de Paz Andrade, nun poema sobre o mar.
No apartado relacionado co teatro, as tres actrices fetiche de Xosé Manuel Pazos, Casilda Alfaro, Pepa Barreiro e Sonia Rúa, integrantes de Teatro de Ningures, a compañía da que el foi un dos principais artífices, acompañadas do bailarín Manolo Covas, fixeron a primeira intervención teatral. Covas, o bailarín, entrou danzando desde a platea, cun monllo de papeis nunha man, a lectura deses papeis traducíase nos seus pasos de danza, converténdose nunha alegoría do dramaturgo Pazos Varela. Un teatreiro que nunca puxo o texto por diante da arte teatral, senón que escribía a pé de palco e sempre dando prioridade ao xogo, como moi ben nos lembrou no discurso final a tamén dramaturga María Armesto, directora da MITCF. Casilda, Pepa e Sonia interpretaron fragmentos de María Soliña, a peza que se representa cada ano na vila de Cangas e que recentemente se converteu nunha ópera, e tamén a letra dun poema de Pazos. Despois, Pepa e Sonia foron as encargadas de conducir toda a gala.
O alumnado da Escola Municipal de Teatro, dirixido por Casilda Alfaro, fixo a lectura dramatizada de fragmentos de algunhas das traducións teatrais que realizou Xosé Manuel, outro dos ámbitos, o da tradución teatral, no que sobresaíu.
María Barcala subiu ao escenario para recitar un poema, tamén sobre o mar e o amor, coa súa voz resplandecente e musical.
Cándido Pazó, en clave de humor, entrou comentando que el era máis agudo que Pazos, ao levar o acento no “o” final, Pazó, pero que Pazos ganáballe ao ser máis plural. E desde aí fiou un conto sobre os animais que buscaban rei, despois da morte do león, até que, despois de moitas voltas, chegaron a declarar a república e aí acabou o conto e entrou a “internacional” (o himno). Unha chiscadela simpática ao ideario republicano e de esquerdas do homenaxeado.
Entre o teatral, o musical e o baile, estiveron as actuacións das Asociacións Culturais Lembranzas da Ría, de baile tradicional, e Peis d’hos, que recrearon as romarías de antano.
Os discursos de lembranza e louvanza ocuparon un lugar destacado, comezando polo das propias presentadoras da gala, Pepa Barreiro e Sonia Rúa, polo da directora e organizadora, Casilda Alfaro, e continuando polos de Aurora Prieto, concelleira de cultura; Henrique Arguindei, mestre, tradutor e compañeiro, en diferentes aventuras, de Xosé Manuel; Etelvino Vázquez, director de Teatro del Norte, que dirixiu unha ducia de espectáculos en Teatro de Ningures, acompañado, no equipo artístico por Xosé Manuel, que fora actor na primeira montaxe, a do Ubu Roi de Alfred Jarry; Felipe, o alcalde de Lubián, que foi colega de Xosé Manuel, no primeiro destino que Pazos tivo, na escola de Lubián, cando este tiña 24 anos e Felipe 29; Xulio Lago, director de Teatro do Atlántico, quen escenificou varias traducións teatrais realizadas por Pazos, algunhas finalistas nos premios María Casares e unha delas, a de A charca inútil de David Desola, coa que acadou o María Casares á Mellor Tradución Adaptación en 2014; Manuel F. Vieites, principal promotor e director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que foi, tamén, o primeiro director escénico nos inicios de Teatro de Ningures, fixo un discurso reivindicativo na esteira activista de Pazos, sobre a necesidade de termos teatros habitados polas compañías e os profesionais e lembrou o compromiso e a bonhomía do homenaxeado; Inma António Souto, presidenta da Asociación Academia Galega de Teatro, como xa sinalamos, fixo entrega do premio de honra, a título póstumo, a Xosé Manuel Pazos e María Xosé González Domínguez recolleuno, agradecéndoo no seu nome e no do seu compañeiro de vida e lembrando o forte optimismo de Pazos e a súa inesgotable enerxía en pro da cultura, do teatro e da xente. María Armesto, a directora da MITCF pechou as quendas de discursos poñendo de relevo o bo humor e o bo trato de Pazos, así como esa concepción de dramaturgo a pé de palco, no que a literatura non está antes ca o xogo escénico, senón ao par e tamén resaltou a súa afinada sensibilidade na tradución, poñendo como exemplo Amor de don Perlimplín con Belisa no xardín de Lorca, cuxa musicalidade pon de manifesto que, detrás, había un poeta.
Alén diso, tamén puidemos desfrutar dun moi significativo apartado documental audiovisual, coa proxección de imaxes de diferentes momentos da vida persoal e profesional de Pazos. Complementado coa exposición “Teatreiro de seu”, que se pode visitar no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela.
Un gran acto de homenaxe para unha gran persoa, admirada e querida, como ficou demostrado, e cuxo exemplo vai seguir alimentando o futuro.