Este sábado, 17 de xullo, a sala ubicada en Mos (Pontevedra) acollerá o novo espectáculo da compañía Kirenia Danza.
Despois de E_migrantas, a compañía Kirenia Danza presenta hoxe sábado 17 de xullo na Sala Rebullón de Mos unha nova entrega da súa triloxía sobre os vulnerables: Primeiro a vida! A peza, interpretada por Esther Latorre e Xoel Álvarez, e dirixida por Kirenia Martínez, estreouse o 23 de abril no Auditorio ‘Gabriel García Márquez’ de Oleiros. A cita en Mos será ás 20.00 horas, previa reserva de entrada.
O equipo de Primeiro a vida! complétase con Branca Novoneyra na escrita, o vestiarista Jandro Vila, os compositores LLXANTO e Bruno Baw, o deseñador gráfico Niko Alvarellos e Uxío Novo en labores de produción.
O prezo único das entradas é de 8€ e as reservas faranse mediante o correo r[email protected]
Primeiro a vida!
Os coidados están hoxe no centro, agora son visibles, mais sempre foron imprescindibles para manter a vida. Somos vulnerables, estamos sempre expostos e precisamos doutros corpos que nos apoien durante a nosa vida. O corpo fala da vulnerabilidade, escríbea con xestos e desprazamentos, en toda manifestación que sostén. Precisamos dos coidados dos outros para manternos con vida xuntos en comunidade. Esta peza é un eloxio dos coidados, é dicir, tecemos o coidado en movemento e os corpos danzan unha antiga reivindicación que demanda ‘Primeiro a Vida’ ou ‘Antes a Vida’ ou ‘Elixir a Vida’; tres posibles traducións do verso de André Bretón, transformado nun lema nos antigos muros durante o Maio de 1968 en Francia.
Fronte a explotación, a precariedade e a morte que trouxo a pandemia, nós eliximos coidarnos e proclamamos: Primeiro a vida!