A 32ª edición do FESTIVAL DO TEATRO GALEGO “Celso Parada”, que se celebrará no Carballiño do domingo 5 ao martes 7 de setembro presentou a súa programación con diferentes actividades como obradoiros, mesas redondas, monólogos e teatro de sala.
O Festival contará coa estrea da tan esperada montaxe do CDG, Serva me Servabo te, dirixida por Belén Bouzas e os irmáns Diego M. Buceta e Fran Martínez. Unha peza que dialoga coa danza e o traballo físico e que fala dos afectos e do colectivo. Do agarrarse forte das mans ante o adverso. Do soster o corpo que permanece a carón como se fose o teu. Todas reflexións urxentes para estes tempos. Poderá verse o domingo 5 de setembro no auditorio.
O luns 6 será o momento de Bailar agora, a aplaudida proposta de Marta Alonso Tejada, primeira montaxe de danza nomeada nos María Casares deste ano. Segundo a sinopse, é “un impulso por situarnos no tempo actual, no afecto e na emoción do que estamos a compartir aquí e agora bailando”.
O Premio de La Quintana Teatro chegará o martes 7 ao Auditorio. Unha comedia con texto de Santiago Cortegoso e dirección de Marián Bañobre, que conta a situación que viviremos nun futuro próximo, un momento no que o progreso tecnolóxico e a loita polo éxito económico, sentimental e social foron tal que se viron obrigados a caer en «O Premio» como única fórmula para acadar a felicidade.
Monólogos, moito humor e mesas redondas
Todo o que xa creías saber sobre o sexo seguro e o amor, redescuberto con moito humor, moito rigor e un pouquiño de mala leite é a proposta de Malala Ricoy no seu monólogo Sexo seguro seguro? seguro! Un relato en primeira persoa sobre os retos para querer e quererse a unha mesma sendo muller, nesta sociedade que se poderá ver a tarde do domingo 5 na Casa da Cultura.
Un vikingo no Fetega é o monólogo de O Chuso de Catoira que se poderá ver o luns 6 na Casa da Cultura, onde tamén estará Marta Doviro o martes 7 con Memorias dunha rapasa da costa.
O FETEGA tamén programa obradorios da man de Fernando Tato e Antón Coucheiro, así como mesas redondas cunha visión feminista.
Prezos populares
Moitas das actividades serán de balde, agás as representacións nocturnas, no auditorio municipal, a prezo reducido de 8 euros cada función. Ademais, haberá un pack especial para as 3 funcións a un prezo reducido de 21 euros. Os monólogos cómicos custarán 5 euros, e o pack para os tresespectáculos, 12 euros. O bono FETEGA, as tres funcións do Auditorio municipal, incluída a gala de premios, e os tres monólogos da Casa da cultura, pode adquirirse tanto na web como na billeteira, por 30 euros.
A gala do martes 7 que pecha o festival cos premios “Dorotea Bárcena”, estará conducida por Arantxa Treus, gañadora na edición anterior do premio á mellor monologuista. O xurado 2021 que avaliará as obras a concurso está composto por Luma Gómez, Eduardo Alonso e Miquel Insua. As mesas redondas arredor da muller serán de balde.