Unha viaxe sensorial
Ás veces hai que ir máis alá para poder atoparnos no mesmo lugar que estabamos, distintas nós e distinto el, despois da viaxe, ou despois do noso novo xeito de ollar. Texturas e densidades, calidades e velocidades, veladuras, superposicións…; a última produción do Centro Dramático Galego, Serva me, servabo te, é unha peza que se encadra dentro das artes do movemento e que aposta pola forza sensorial da escena para atrapar a atención da persoa espectadora. Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta asinan a dirección e a dramaturxia dunha montaxe que mantén a poética de Pálido Domingo na construción dun espazo simbólico que busca rachar cos límites do espazo e do tempo. Os tres forman parte tamén do elenco, que completan Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas e Cris Vilariño.
Serva me, servabo te é unha peza intensa e, ao tempo, unha peza demorada. Unha peza de tensións que se van desenvolvendo paseniño, paseniño, ata que baten, como dous trens, nesa viaxe que nos leva a outro plano, outra dimensión, dende esa fenda aberta pola que sae fume coa que comeza a peza, e pola que podemos coarnos, se decidimos reducir a actividade acelerada da mente e entrar no xogo que se nos propón. Serva me, servabo te, ao igual que Non hai que ser unha casa para ter pantasmas, convida a unha atención case meditativa. Non hai unha historia; non hai estímulos fáciles: hai movementos e accións que van provocando unha miríade de imaxes e sensacións.
Corpos espectrais que se moven a cámara lenta, velados; nos que se pousan ecos doutros corpos que con eles se cruzaron algunha vez, noutro lugar, noutro tempo. Figuras que pasan dunha dimensión á outra e que, pouco a pouco, van tomando consciencia de onde están e con quen están e se van relacionando; como poden, como saben, como lles deixan. Ás veces queren quererse e acaban por baterse, e outras queren baterse e rematan abrazándose; en ocasións queren afastarse e fuxir uns dos outros e, noutras, buscan, de xeito desesperado, entrar nos outros corpos, indo máis aló dos límites físicos.
Serva me, servabo te é unha peza sobre os afectos e sobre a violencia; pero non queda só nunha loita de opostos, senón que sabe moi ben xogar cos matices de todas as gamas intermedias. É un conxunto de corpos que viaxan por diferentes estados para encontrárense a eles mesmos e para encontrárense entre eles, cargados de verdade grazas á entrega e dedicación do elenco; levándonos por ese espazo desolado que se vai cargando ata que descarga na treboada e unha chuvia mol lava todo.
Ademais, na montaxe destaca o xeito en que o resto de elementos do dispositivo escénico (vestiario, iluminación, escenografía, proxeccións, música…) fan tamén esa viaxe, nunha conxunción que conecta directamente co título (axúdame, axudareite).