in ,

Gustavo del Río: “Para min é moi importante traballar sobre a diferenza. A necesidade de contar cousas que non son visíbeis”

Gustavo del Río

Quedamos con Gustavo del Río (A Coruña, 1979) xusto despois da estrea na Casa da Cultura de Neda de Hugo, a nova peza d’Os Náufragos Teatro coa que continúan a explorar o universo da diversidade. Falamos con este actor, director e dramaturgo da importancia de amosar o diferente como algo “normal”, da necesidade dun teatro que fale dunha sociedade máis aberta e, en concreto, do seu compromiso persoal e profesional co colectivo LGTBIQ+.

Como foi a estrea de Hugo?

Ben, estou moi contento. Todo o que ten que ver co tema do autismo chámame moito a atención, sendo para min o máis interesante poñerme na pel dun neno con TEA (Trastorno do Espectro Autista, n.d.e.) e escribir dende o seu punto de vista. Poder contar, ademais, co equipo de Onde viven os monstros, María Roja e Jimmy Núñez, foi toda unha sorte e unha experiencia moi bonita. Un tanto condensada, porque houbo que axustar moito os tempos de produción, pero coa que estou moi satisfeito.

Que foi o que che interesou tanto deste trastorno para decidir levalo ao teatro?

A verdade é que na compañía adoitamos traballar con temas que non son visibilizados de xeito habitual nas artes. Eu, en particular, teño traballado con nenas e nenos de espectro autista, e sempre me interesaron moito. Ademais, este tema en particular non é algo do que se fagan moitos espectáculos, especialmente para a infancia, como é o noso caso. Para min é moi importante traballar sobre a diferenza. É algo que sempre teño moi presente. Normalmente ten que ver co tema LGTBIQ+ ou coa diversidade afectivo-sexual, pero neste caso quixemos traballar con outro tipo de diferenza. Ou de non-diferenza, xa que Hugo comeza falando de que todos somos diferentes e que aí está a nosa diversidade.

E así é que nos espectáculos d’Os Náufragos Teatro aparece a diferenza como un lugar dende onde falar.

Si, está sempre esa necesidade de contar cousas que non son visíbeis. As nosas montaxes teñen, se cadra, o factor común de que o heroe é en realidade un antiheroe, alguén que non adoita ser o protagonista das historias. Para min o teatro significa mollarse, estar incómodo, que o que mostres transforme a recepción dalgún xeito e que o público vaia para a súa casa pensando no que viron e no que lles pasou na representación. E para nós, como creadores, significa saír da zona de confort, estar sempre nun lugar un pouco máis vivo. É algo que tamén traballo na escola ( Escola de Artes Escénicas ON, n.d.e.) ou no Corufest: a visibilidade do que adoita estar silenciado.

Algo que precisamente acontece con Silenciados, a túa obra para Sudhum Teatro.

Silenciados é un réquiem que fala de cinco persoas asasinadas por discriminación sexual, de crimes de odio que suceden ao longo do espazo e do tempo. Son persoas que nunca tiveron unha visibilidade máis alá desta función.

E foi todo un éxito, mesmo a nivel internacional.


Publicidade

Nós comezamos en Madrid, onde eu xa levaba un tempo traballando. Este espectáculo foi unha encarga da sala DT Espacio Escénico para o seu festival Versión Original. Que aconteceu? Que aos tres días de función tivemos que comezar a duplicar representacións, chegando ata as dez temporadas en Madrid e dúas en Barcelona. Foi entón que tivemos a oportunidade de ir a México, con Pedro Zerolo –que ía falar do matrimonio igualitario en España-, facendo unha función na universidade de DF, dentro do festival Visible. Estivemos en México, Perú, Irlanda (onde acadaron o premio do Festival de Dublín; algo inédito no país para un espectáculo de temática LGTBIQ+, n.d.e.), Italia, Francia, Portugal e Colombia. De feito, a Colombia chegamos grazas a que despois dunha función, un rapaz colombiano refuxiado en España por estar ameazado no seu país pola súa condición sexual, contounos do caso de Álvaro Miguel Rivera, amigo seu e asasinado en Calipor ser homosexual pouco tempo antes. Foi así que transformamos un dos personaxes no de Álvaro Miguel, e actuamos no Festival de Bogotá. Agora mesmo, Silenciados segue a estar nos carteis, pero con equipos propios dos países nos que se representa.

E foi así que a peza se converteu nun referente da cultura LGTBIQ+. Que significado ten isto para ti?

Creo que con Silenciados chegamos a converternos s en activistas culturais. Para min é algo moi importante xa que, como dixen antes, co teatro imos a lugares moi especiais. Así, o espectador, a espectadora, poden ver en directo unha historia de amor, un bico entre dous homes, as historias de cinco persoas que van ser asasinadas. Insisto en que é algo moi importante para min pola necesidade de visibilizar. Silenciados ten doce anos e todo o que conta é absolutamente actual. E co asasinato de Samuel Luiz aínda moito máis.

O asasinato de Samuel Luiz na Coruña foi un acontecemento terríbel. O texto de Hugo está decidado á súa memoria. Entendo que che afectou de xeito especial.

Foi algo que me cambiou a cabeza, no sentido de renovar o meu compromiso co camiño artístico que quero seguir. Eu coñecín a Samuel, falei con el de Silenciados. Un crime brutal que aconteceu a catrocentos metros da miña casa e, aínda por riba, con toda a intención de tapar e invisibilizar o asunto e mesmo a memoria de Samuel, a quen a día de hoxe un concello como o da Coruña segue sen asumir a súa memoria. Cando acabei o texto de Hugo, que remata dun xeito moi tenro e falando da necesidade de abrazarnos, dediqueillo igual que lle dedicamos cada unha das nosas funcións dende que foi asasinado.

O activismo cultural do que falas é algo de moita importancia, se cadra máis aínda nos tempos que estamos a vivir, e que se traduce dun xeito moi concreto na iniciativa do Corufest.

O Corufest naceu do Colón Queer, un ciclo de catro eventos relacionados coa visibilidade LGTBIQ+ que organizou Fito Ferreiro, concelleiro do PSOE na Coruña. Chamounos a Xosé Leis e a min, e dende aí fomos medrando a máis días, concentrados xa nun mesmo mes; e, grazas a que cada ano imos tendo máis orzamento, pasamos a un festival de case quince días, incorporando tamén moito traballo social, diverso nas disciplinas artísticas que amosa, mais sempre con contidos LGTBIQ+. Aínda que o Corufest está nun moi bo momento e a resposta do público é fantástica, estamos vivindo un momento moi delicado e as administracións públicas teñen que asumir certos riscos. Por exemplo, o Concello da Coruña ten que decatarse de que os apoios non son só a través de cartos, senón tamén de actitudes. Por iso, como ten que ser, o Corufest do 2022 estará dedicado á memoria de Samuel.

Hugo Naufragos fotografiaJuveMultimedia JUV0081 1 |
Un momento de Hugo, espectáculo d’Os Náufragos Teatro. Imaxe de JuveMultimedia.

[ Hugo poderase ver o vindeiro 17 de outubro en Viveiro ]

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Bones

Any attempt will end in crushed bodies and shattered bones

Concha

A verdade da tía Concha