in

Any attempt will end in crushed bodies and shattered bones

Bones
Fotografía de Phile Deprez

Dança de alta intensidade

«Who still dances, anyway?»

Jan Martens

Atención, a partir de agora, calquera tentativa rematará cos corpos esmagados e os ósos crebados. Mais, calquera tentativa de que? Calquera tentativa de falar, de protestar, de manifestarse.

Publicidade

Estamos en tempos nos que impera a violencia e nos que o poder, perdón, o Poder, actúa de xeito absolutamente aberto e impúdico fronte a calquera voz que se manifeste na súa contra. Unha actuación que é directamente violenta e que esmaga os corpos e creba os ósos dos que deberían estar a sustentar ese mesmo poder. Perdón, Poder.

Mais, que é iso de “manifestarse na contra do poder” (perdón, “Poder”)? Xa non serven os discursos antigos nos que acreditabamos, que na contra do stablishment estaba o anti-stablishment. Dúas faccións enfrontadas, unha ben diferenciada da outra, recoñecidas coma inimigas. Non son estes os tempos nos que o “Poder” esmaga as voces que berran na súa contra. Ao contrario, o “Poder” agora aprendeu a fagocitar esas voces críticas e convertelas en mercadoría, en grupo de Facebook, en foto de Instagram, en faladoiro televisivo.

O perigo para quen pretende manter o seu escano é outro: a voz individual e diferenciada. Convertida a especie humana nunha masa de uso e consumo, o inimigo é o que fala dende a súa unicidade, o que se separa da masa e sinala, así, un lugar posíbel que o “Poder” non quere que vexamos: o pensamento propio. O risco agora está no rol de corifeo, pois o coro podería comezar a escoitalo. Así, manifestarse hoxe en día é sinónimo de separarse do rabaño uni-pensante e sinalarse como individuo. E iso é algo que o “Poder” non pode admitir, non vaia ser que non merques a nova camiseta de Zara, que non te apuntes á cola do INEM, que non vexas “Sálvame”.

Esta podería ser unha das posíbeis sínteses da proposta que a GRIP & Dance On Ensemble presentou a pasada fin de semana no Teatro Rivoli de Porto, Any attempt will end In crushed bodies and shattered bones, un espectáculo de danza coreografado por Jan Martens (Bélxica, 1984) e que tivo a súa premiere mundial no Festival de Avignon deste ano.

Asistimos a unha sucesión de tentativas, de movementos que apenas se inician convértense xa en remuíños de reiteración constante, dos que xs bailarínxs xa non poden fuxir e que se acumulan na retina dx espectador/x grazas ás incesantes repeticións que dos mesmos movementos fan outrxs bailarínxs. Os remuíños van ademais acompasados polo bucle sonoro do Concerto para Clave e Corda Op. 40 de Henryk Gorécki, música que de tanto volver unha e outra vez acaba por entrar nos miolos do público e ficar aí por longo tempo, tamén repetida en bucle.

Un efecto sonoro que acompaña esta sucesión de tentativas infrutuosas, xa que cada unha delas bate contra o muro dunha realidade que non acolle ao individuo como obxecto de valor, que non respecta a unicidade senón a masa indiferenciada. Fronte a tal frustración, o individuo entra en crise, rebélase, loita e finalmente, cae.

Se cadra é por iso que Afonso Becerra afirma que este espectáculo é un de “danza de alta intensidade”, xa que xs bailarínxs comezan a peza nun altísimo nivel de enerxía e este nivel vai aínda medrando en intensidade ata o paroxismo final, tinxido de vermello e sangue.

A esa intensidade do movemento contribúe tamén o espazo escénico, completamente baleiro de escenografía, agás por unha sucesión de liñas xeométricas sinaladas no chan e que marcan as direccións que xs bailarínxs seguen por inercia. Tamén o uso da luz, con refachos cegadores e intermitentes que excitan a sensibilidade do ollo que mira.

Publicidade

Con todo, hai intres onde o ritmo se modula e a intensidade do movemento fica condensada en movementos pequenos e mesmo silencios. Do mesmo xeito, rómpese ese crescendo enerxético cunha longa pausa onde o corpo de baile amosa o poder da masa, cun camiñar acompasado que diverxe logo en figuras móbeis e altamente sincronizadas, mais sempre amosando o poder (agora si, “poder”) do bucle, a forte atracción da repetición, que nos leva á abstracción de nós mesmxs, convertidxs agora nun enorme ente único composto de moitos outros máis pequenos, que xa non pensan por si mesmos.

Poderiamos dicir, entón, que o problema non é a masa per se, senón a perda de conciencia da mesma. Dentro dese corpo de baile, Martens propón unha enorme diversidade: diferenciadxs en sexo, idade, altura, forma física, estilo e mesmo roupa des-xenerizada, xs bailarínxs compoñen un enorme e variado grupo humano, o que fai, se cadra, aínda máis dramático o seu inevitábel fracaso como individuos.

Pregúntase Jan Martens na benvida á páxina web da súa compañía, “Quen baila a día de hoxe, de tódolos xeitos?” e é esta unha pregunta que convida a liberarse de calquera ligadura que á danza lle puidese quedar, a día de hoxe. Do mesmo xeito, é unha pregunta que convida ax espectador/x a liberarse do peso da importancia das cousas e, se cadra, mesmo a bailar.

Nesta metáfora danzada, á que se cadra lle sobran os intres de reflexión a través da palabra, amósase a nova traxedia dunha Humanidade que se ten por importante de máis. Se cadra, precisamente, o que precisamos é iso: quitarnos importancia.

Publicidade
Publicidade

Any attempt will end in crushed bodies and shattered bones

Coreografía: Jan Martens
Baliarinxs: Ty Boomershine, Truus Bronkhorst, Jim Buskens, Baptitste Cazaux, Zoë Chungong, Piet Defrancq, Naomi Gibson, Kimmy Ligtvoet, Cherish Menzo, Steven Michel, Gesine Moog, Dan Mussett, Wolf Overmeire, Tim Persent, Courtney May Robertson, Laura Vanborm, Loeka Willems
Bailarinxs substitutxs: Pierre Bastin, Georgia Boddez, Zora Westbroek, Lia Witjes-Poole, Abigail Aleksander, Maisie Woodford, Simon Lelievre, Solal Mariotte
Asistencia artística: Anne-Lise Brevers
Deseño de iluminación: Jan Fedinger
Figurinos: Cédric Charlier
Texto: Spring, de Ali Smith
Técnicos: Michel Spang, Valentijn Weyn, Bennert Vancottem
Directora de produción: Sylvie Svanberg

Teatro Municipal do Porto (Rivoli). 18 de setembro de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Estrea ECO 1 |

O CDG e AveLina Pérez estrean ‘ECO’, unha peza inspirada nas mensaxes que deixaron os presos da Guerra Civil no Mosteiro de Oia

Gustavo del Río

Gustavo del Río: “Para min é moi importante traballar sobre a diferenza. A necesidade de contar cousas que non son visíbeis”