in

Luis Manuel Soriano Ochando gaña o XLVI Premi Born de Teatre 2021

O dramaturgo Luis Manuel Soriano Ochando recibindo o Premi Born 2021. Foto Afonso Becerra
O dramaturgo Luis Manuel Soriano Ochando recibindo o Premi Born 2021. Foto Afonso Becerra

O prestixioso Premi Born de Teatre, organizado polo Cercle Artístic de Ciutadella de Menorca, recaeu no dramaturgo de Murcia Luis Manuel Soriano Ochando (1979), pola súa obra El desmoronamiento de la ternura.

O xurado da presente edición estivo formado por Denise Duncan (actriz, produtora e directora de escena), Laurent Gallardo (profesor de estudos hispánicos e cataláns na Universidade de Grenoble Alpes), Juan Vicente Martínez (profesor de estudos ingleses na Universidade de Valencia e director de “Sagunt a Escena”), Laura Pons (actriz de teatro, cine e televisión) e Francisco Sáez Raposo (doutor en filoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e investigador do teatro do Século de Ouro).

O xurado acordou outorgar, por maioría, entre as case cincocentas pezas que se presentaron este ano, o premio a El desmoronamiento de la ternura, pola formulación complexa que o autor fai dun tema como o dó, retratado desde o caos e o exceso como forma de fuxida ante a realidade da morte. Tamén valorou o enfoque cara a unha xeración máis nova de público, cun tipo de escrita fresca e novidosa. Asemade, o xurado fixo especial fincapé na capacidade da peza para apelar ao sentimento de tenrura, á vez que consegue darlle unha dimensión irónica, cun impresionante inicio e final.

El desmoronamiento de la ternura está escrita desde un prisma moi rompedor e contemporáneo, representando un momento de dor que se espera máis transcendente, pero que choca coa vulgaridade da realidade. E faino cun desenvolvemento moi rítmico, que consegue mediante a musicalidade da palabra.


Publicidade

Luis Manuel Soriano Ochando é titulado en Dirección escénica e dramaturxia pola Escola Superior de Arte Dramática de Murcia e cursou os mestrados de Artes Escénicas da Universidade de Murcia e o de Danza e Arte do movemento da Universidade Católica de San Antonio. Impartiu diversos curso de dramaturxia, dirección escénica, iluminación e deseño de espazo escénico en Sicilia, Atenas e Murcia. Como director realizou diversas montaxes teatrais, entre as que destacan Hamlet/homeless de Sebastián Ruíz, en coprodución con Arena Teatro e presentado no Festival das Autonomías no Teatro Belas Artes de Madrid en 2004; Mi vida gira alrededor de 500 metros, de Inmaculada Alvear, espectáculo producido por Arena Teatro, estreado no Festival Internacional de Nápoles en 2009; ou Lo que sé de Shakespeare, un texto propio con produción de Ribalta Teatro e estreado no Teatro Circo de Murcia en 2015.

A peza, escrita en castelán, será traducida e publicada en catalán, éuscaro e galego. En Galiza poderá lerse dentro da nova colección editorial de libros que vai publicar a erregueté | Revista Galega de Teatro, que mantén, desde hai máis dunha década un convenio co Cercle Artístic de Ciutadella, Menorca.

O sábado 23 de outubro dábase a coñecer o gañador do XLVI Premi Born de Teatre 2021 nunha gala especial no Teatre d’es Born de Ciutadella e o venres, sexta-feira, 22 de outubro, presentábanse as edicións do texto galardoado en 2020, O corpo máis bonito que se atopará nunca neste sitio de Josep Maria Miró, publicado en catalán por Arola Editors, en éuscaro e castelán por Artez e en galego pola erregueté | Revista Galega de Teatro. O autor catalán estivo acompañado pola secretaria do Cercle Artístic, Itziar Lecea, por Carlos Gil, de Artez, e por Afonso Becerra, director da erregueté | Revista Galega de Teatro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cartografía en movemento

O Festival Cartografía en Movemento inicia hoxe en Lugo a súa décima edición

Born

Volver ao Born de Teatre