in

Volver ao Born de Teatre

Born
'Impression, soleil levant', de Claude Monet (1873)

A vinculación a lugares e a persoas fainos o que somos. E hai lugares e persoas benéficos para o ser. Ese é o caso do Cercle Artístic de Ciutadella (Menorca). Neste caso un grupo de xente filántropa e voluntarista que mantén, con esmero, o premio para textos teatrais máis valorado do Estado.

En 2019 e en 2020 non acudín aos actos do Premi Born de Teatre e botábao moito de menos. Pero non o botaba de menos polo que poida implicar simplemente acudir a uns actos, onde se celebra a creación literaria para o teatro. Botábao de menos polas persoas que alí coñecín e incluso polas persoas descoñecidas que se incorporaron hai pouco á Xunta Directiva do Cercle, polo perfil humano que adoita ter a xente que pon a cultura e o comunitario no centro. Persoas que defenden a causa da cultura e que poñen algo da súa parte en obxectivos alén das comenencias individuais, desde un fondo que ten algo de utópico. Que gris me parece a vida sen algunha utopía alentando tralo brillo dos ollos!

Levaba unha década facendo as traducións ao galego das pezas que gañaban este galardón. Traducións realizadas de xeito altruísta, para que o diñeiro percibido, mediante o convenio co Cercle Artístic de Ciutadella, ficase na revista, que boa falta lle fai toda axuda que haxa para seguir adiante. A nosa revista, que tenta recoller a testemuña das artes escénicas de natureza efémera, tamén ten algo de utópico e nela tamén hai mans xenerosas.

Publicidade

Ao Premi Born pódense presentar pezas en catalán e castelán. Desde o ano 2006, grazas a unha proposta realizada por Pepe Henríquez, cando era o Xefe de Redacción de Primer Acto, que se encargaba da edición en castelán, comezou a traducirse e publicarse tamén en éuscaro e galego. En éuscaro por Artez, de Carlos Gil, que desde hai uns anos tamén o edita en castelán, e en galego pola nosa revista.

Desde entón até hoxe, a viaxe a Ciutadella, cara ao final do outono, sempre foi unha aprendizaxe a moitos niveis. A inmersión nun texto teatral, xeralmente desafiante a moitos niveis, para traelo ao galego e o feito de compartir un par de días coa xente do Cercle e coas convidadas e convidados do Xurado. Conversas amenas sobre teatro, literatura, lingua…

Un lugar para encontrarme con colegas das artes escénicas de Cataluña, onde eu me formei e vivín moitos anos, que adoitan ter moita relación co Premi Born. As conferencias da véspera da gala do premio, na Sala Jeroni Marqués, cando se presentan as edicións da peza gañadora do ano anterior. Lembro verdadeiras clases maxistrais de Xavier Albertí, Enric Gallén, Fabrice Corrons, Maria Josep Ragué, Ladrón de Guevara ou a última de Josep Maria Miró. Sería estupendo se a Josefina Salord se animase a editar un libro que recollese todos eses relatorios.

Este ano foi un reencontro co amigo Josep Maria Miró, de quen traducín as tres pezas coas que acadou o palmarés do Born. A última, O corpo máis bonito que se atopará nunca neste sitio (erregueté | Revista Galega de Teatro nº 101. Ano 2021) foi, para min, unha especie de experiencia moi perturbadora, a través desas cinco voces que orbitan arredor dunha vítima sacrificial que encarna a alegoría da liberdade, da beleza e da sensualidade, aniquilada polo pobo. Unha peza que eu necesitei dicila en voz alta para poder comprendela mellor, porque coa lectura mental non acababa de situarme nela. Unha necesidade de dicila que o propio texto che fai experimentar cando a comezas a ler mentalmente e, de súpeto, te encontras falando en voz alta ti só. Unha peza que cada vez que me metía a traducila se me agarraba e non me soltaba, aínda que rematara e quixera facer outra cousa.

Este ano foi o reencontro con moitas persoas estimadas de Ciutadella, co amigo Carlos Gil, e o pracer de coñecer ao dramaturgo de Murcia Luisma Soriano e a Mariló, a súa compañeira, que é coreógrafa, bailarina e docente. Luisma vén dunha Comunidade Autónoma na que tampouco é fácil facer algo novo nas artes escénicas, baixo a condena de ser provincia e de que os recursos se centren no turismo extractivo, na hostalaría, nas praias… Diso en Galiza tamén sabemos algo. O XLVI Premi Born 2021 foi para o seu texto El desmoronamiento de la ternura, que aínda non puiden ler, pero polo que se falou estes días todo apunta a unha peza desas nas que a catarse e a redención nos van alcanzar.

Encantoume o discurso que deu Luisma cando recolleu, no Teatre d’es Born, o premio. Unhas palabras que ficaban fóra de fórmulas e grandilocuencias, para falarnos desde a proximidade e a verdade dunha persoa que, a través da literatura dramática, ten algo importante e necesario para compartir con nós. Escoitándoo e véndoo pódese deducir que a creación dramática pode ser tamén un camiño de mellora e coñecemento. E a min, particularmente, interésame aquel teatro que, sen pedagoxía nin demagoxia, nos fai mellores persoas. Esa coincidencia entre unha boa obra e unha boa persoa. E pido desculpas polo matiz moral que isto poida suscitar. Explicalo non é doado, pero a min non me acaban de convencer eses espectáculos e esas pezas que fican no exercicio des estilo e non son capaces de transcender o entretemento, nin contaxiar valores ou de sensibilizarnos.

Volver ao Born, para min, ten algo de todo isto.

Volver ao Born tamén é encontrarme neste lugar e con esta xente. Encontrarnos nas outras e nos outros, así como noutros lugares. Isto tamén me fai, porque eu estoume facendo.

E nos teatros, cando o espectáculo funciona, acontece algo moi semellante.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O dramaturgo Luis Manuel Soriano Ochando recibindo o Premi Born 2021. Foto Afonso Becerra

Luis Manuel Soriano Ochando gaña o XLVI Premi Born de Teatre 2021

Los Remedios

Los Remedios