O sitio do meu recreo
“No elegante barrio de Los Remedios, as boutiques de moda e tendas exclusivas de decoración flanquean a franxa peonil da rúa Asunción. O gran parque dos Príncipes inclúe sinuosos sendeiros, áreas infantís e un estanque con patos. No río Guadalquivir é posible a práctica do remo e do piragüismo. Nesta zona atópase tamén o Real de la Feria de Abril, que se celebra cada ano con música e corridas de touros.”
Con tal descrición, sacada literalmente de San Google, quen teña a sorte ou desgraza de nacer no barrio sevillano de Los Remedios pouco pode facer para escapar ao peso da tradición. Creado como “ensanche” para a cidade logo da Guerra Civil, lindando co senlleiro barrio de Triana, foi en primeiro termo habitado polas familias dos militares vencedores da sublevación fascista. Este non é un dato calquera, xa que axudou a construír o carácter deste barrio, un “barrio ben”, cunha poboación pertencente na súa maior parte á clase media-alta e cun abano de valores ideolóxicos conservadores, na súa xeneralidade.
Los Remedios é unha confrontación co pasado e unha revisión do mesmo. Sometidos a unha crianza clásica, os dous protagonistas da peza pasan de novo por episodios importantes da súa biografía, cuestionándose o pertinente dos valores e tradicións adquiridos, máis tragados que dixeridos. Impostos polo que “ten que ser” ou o “é así porque si”, porque “foi así toda a vida”, convertéronse en sentencias que afastan da reflexión e do discernimento, do que podemos entender que nos convén ou non. Sentencias que impoñen un modo de vida que se cadra, non queremos xa para nós.
A compañía madrileña Exlímite preséntase en Vigo, dentro da programación do Vigocultura do Auditorio do Concello de Vigo, cunha peza dentro do marco da autoficción, onde os personaxes da mesma se moven polos pregues da memoria, que sempre é subxectiva e, polo tanto, se cadra non tan real como pretendemos. O importante non é a veracidade dos feitos, senón a mirada que nós lles botamos.
Con isto é que se xera a autoficción, que non é talmente unha autobiografía, senón un material autobiográfico ficcionado. Acontece así en pezas como a saga de Los Gondra (Borja Ortiz de Gondra, 2019) ou Tebas Land (Sergio Blanco, 2012) ou a más próxima Hoy puede ser mi gran noche (Teatro en Vilo, 2020), que falan da importancia da ficción da propia historia no marco do teatro actual.
Así, o autor de Los Remedios, Fernando Delgado-Hierro (gañador do XXIV Premio Max de las Artes Escénicas a la Mejor Autoría Revelación con este texto e protagonista da peza),utiliza a memoria da súa infancia e adolescencia neste barrio sevillano para facer unha proposta de viaxe catártica. Recolle, ademais, o material biográfico do seu compañeiro na escena, o actor Pablo Chaves, para acompañalo na súa viaxe. Moitas veces esta viaxe será paralela e outras, diverxente.
O periplo é paralelo en canto atendemos á historia de dous rapaces que nacen dentro dunha tradición semellante, chea de clixés que podemos tomar a broma (algo doado, ao seren ademais presentados en xeito de parodia), pero que son se cadra máis reais e actuais do que pensamos: o concepto clásico de familia, o enorme peso da relixión católica e das súas tradicións asociadas –como poden ser as procesións da Semana Santa de Sevilla–, o clasismo dunha sociedade fortemente xerarquizada, a importancia do “que han dicir”, o señorito andaluz, a Feria de Abril, o colexio (de curas), o xersei aos ombreiros e os zapatos “castellanos”… son cousas que podemos pensar afastadas xa da nosa realidade pero que, sen embargo, existen e marcan a día de hoxe a vida de moita xente, especialmente no sur de España.
Rebelarse contra o imposto é o fito destes dous homes, compañeiros de colexio (de curas) e dueto cómico/teatral dende mozos. Desbotar de si todo o que xa non lles serve e quedarse co que si. Por unha banda, a expectativa, o destino pre-escrito por unha familia tradicional (carreira, matrimonio, familia). Pola outra, a importancia dos vínculos, do cariño, do soporte afectivo pese ao que pese.
A resolución do conflito dáse a base de confrontacións sucesivas: escenas que expoñen eses fitos biográficos dun xeito paródico, mais non exento de dramatismo, onde os dous actores percorren polos diversos personaxes que compoñen o seu universo. Alternan escenas onde cada un dos actores é o protagonista da súa propia vida, e o outro incorpora a un(s) outro(s) personaxe do seu drama (pais, avoas, irmá/n(s), primeiros amores, mestres…). Pasan así por un amplo abano de rexistros, nun xogo dramático moi ben marcado de ritmo, chegando mesmo a un ritmo frenético de cambios nos intres máis climáticos da peza.
Como marco, un escenario en forma de retablo pero que semella un espazo familiar, de casa de toda a vida, onde van aparecendo os obxectos do cotiá, que usarán entrámbolos actores para as súas caracterizacións. Se cadra a escenificación, a cargo do director Juan Ceacero, abuse un tanto dos textos inseridos nunha pantalla pola que tamén desfilarán escenas da vida dos personaxes. É un feito que ralentiza un tanto a nosa percepción da peza, dende a butaca. Falamos de personaxes, si, pois neste intre non nos interesa xa que a historia sexa verdade ou non, xa que o xogo é dramático e o material, unha escusa para a escena.
A viaxe desta biografía revisada remata de xeito inevitábel: o pasado forma parte de nós, iso non se pode cambiar, e loitar contra iso só nos pode levar á loucura (como lle acontece ao personaxe de Delgado-Hierro, oposto así á transición asumida polo de Chaves –grazas sen dúbida á integración da súa sexualidade–). A cuestión non é xa desbotar o pasado, senón asumilo como parte de nós, sen que este prediga o noso futuro.