in

Matarile volve ao gran formato con INLOCA en coprodución co CDN

Ana Vallés de Matarile
A directora Ana Vallés

Con nove intérpretes en escena, a nova montaxe de Matarile contará cun equipo de produción formado por 25 persoas de varias procedencias: Canarias, Madrid, Galicia, Zaragoza e Alemaña.

INLOCA supón o retorno da compañía ao gran formato, despois do dúo El diablo en la playa. A primeira etapa do proceso de ensaios ten lugar no plató da Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago, durante o mes de novembro. A segunda etapa de ensaios, en decembro, levarase a cabo en Madrid, onde se estreará o 14 de xaneiro, permanecendo en cartel ata o 6 de febreiro, cun total de 21 representacións.

En INLOCA, Ana Vallés contará cun elenco formado en parte por artistas habituais da compañía (Claudia Faci, Celeste González, Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Ana Cotoré, Antón Coucheiro), e tres novas incorporacións (Alfredo Rodríguez, Alfredo Pérez e Vicente Colomar), dúas delas froito dunha audición realizada no CDN en abril, que levou por nome Just for men e na que se presentaron máis de 150 candidatos.

 

Trilogía de la Fragilidad

INLOCA supón a segunda parte do que Ana Vallés ideou como Trilogía de la Fragilidad. Di Vallés: “Esta triloxía pretende ser unha homenaxe á fraxilidade, un dos temas que sempre reflectín nos meus espectáculos e que foi impregnando aos poucos todos os demais nestes últimos anos. A consciencia da fraxilidade do ser humano, pero tamén: a transformación constante, a  impermanencia, as ideas e conceptos, a beleza, todo o que vive, todo o que foxe”.

A primeira parte da triloxía, El diablo en la playa, foi estreada en 2020. A terceira entrega está prevista para 2023 baixo o título provisional de Europa después de la lluvia.


Publicidade

 

Espazo e iluminación

Habitual no selo de calidade da compañía, volve ser primordial a iluminación deseñada por Baltasar Patiño, que nesta ocasión comparte con Miguel Muñoz. Unha iluminación concibida como atmosfera, xeradora dun ‘espazo elocuente’ e que foi motivo de numerosos premios ao longo da súa carreira.

35 anos de historia

A compañía Matarile, dirixida por Ana Vallés e Baltasar Patiño, conta cunha traxectoria de 35 anos dedicados á creación dun teatro caracterizado pola innovación enmarcado nas artes escénicas contemporáneas. No seu traballo de creación combinan distintas linguaxes en colaboración con artistas de distintas procedencias e traxectorias artísticas, buscando sempre a excelencia na calidade artística e técnica da súa posta en escena.

Ademais da súa creación como Compañía, Matarile xerou espazos para a creación e encontro desde 1993: Teatro Galán, En Pé de Pedra Festival Internacional de Danza e Sala Montiel Espazo In-Permanente, todos en Compostela.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Diário de uma República

O Teatro Municipal Sá de Miranda acolle a quinta edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo

Imaxe de Lora Moore-Kakaletris

Buscar unha profesión, buscar un oficio