in

Buscar unha profesión, buscar un oficio

Imaxe de Lora Moore-Kakaletris
Imaxe de Lora Moore-Kakaletris

De pequeno gustábame xogar. Como todos os nenos da miña xeración, desenvolvín os meus recursos imaxinativos a base de camiños de terra, xeonllos ensanguentados e clases de matemáticas. Cada tarde era unha aventura no sentido literal.

Tiven a sorte de medrar, primeiro nunha casa e logo nunha vila pequena, antes de chegar á gran metrópole viguesa. Polo que a miña infancia non estivo eclipsada polos partidos do Celta e as avenidas cheas de coches.

Fun medrando despreocupadamente polas tardes, porque na miña imaxinación as mañás de colexio non servían para medrar. Naquelas aventuras fun experto mundial en todo tipo de profesións. Fun astronauta, Indiana Jones, axente secreto, Dalí e incluso escritor de libros interesantes. En todos gozaba de éxito, amigos e recoñecemento. E tamén era boa persoa.

Logo, cando foron pasando os anos, os xogos mudaron, e xa na gran cidade non xogaba, simplemente estaba aquí ou alí, mercaba algunhas chuches e decidía non facer os deberes.

Co tempo, todos estes xogos funos entendendo como unha sorte de busca persoal por unha profesión. E entre o divertidos ou non que fosen os xogos sobre ese tema e as notas e determinadas materias, o camiño foise debuxando.

Aínda que agora as cousas parecen claras, e máis ou menos a miña vida comeza a situarse a piques de chegar á trintena, non todo estivo sempre claro e foron moitos os tombos, as voltas e as dúbidas.

Foi duro ver como xente que era amiga deixou de selo e tamén foi duro romper certos lazos porque ás veces na vida soamente se comparte un pouco de tempo e logo nada.


Publicidade

De entre todo o caos da adolescencia o teatro foi un lugar de calma. Non diría de salvación porque a miña situación nunca foi máis dramática que o que poden ser algúns suspensos, pero si que creo que o teatro me calmaba. Tiven a sorte de ser ben acollido por xente que me ensinou a observar e que co paso do tempo me acabou dando as miñas primeiras experiencias.

Agora, cando o penso cun pouco de pausa, doume conta que, o que quería dende o principio era unha profesión na que estivese sempre contando con outras persoas. Que me obrigase a ir aos sitios e a non facer cousas a distancia. Eu quería viaxar aos teatros e ás cidades, coñecer a xente doutros lugares e namorarme.

Tampouco quería medrar demasiado e, a poder ser, prefería seguir xogando todo o tempo posible. Nunha vida finita, non ten sentido deixar de buscar o xogo das cousas.

Agora teño un oficio, que por oficio é 24/7. E está ben así. Viaxo, estou en contacto coa xente e incluso cheguei a namorarme. Claro que con seis anos, eu que sabía que buscaba isto! Pero así era. E así foi. E aquí estamos e aquí somos.

De pequeno gustábame xogar… e de maior tamén.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ana Vallés de Matarile

Matarile volve ao gran formato con INLOCA en coprodución co CDN

Rocío González Premio Maruxa Villanueva

Rocío González recolle moi emocionada o Premio Maruxa Villanueva en Padrón