A actriz Rocío González recolleu o XX Premio de Interpretación teatral Maruxa Villanueva, que lle foi entregado esta fin de semana pola concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso. Un acto de entrega que tivo lugar tras a posta en escena de Liberto, pola compañía Rebordelos, coa que se abre a programación do Outono Cultural 2021 de Padrón.

Rocío González amosouse “moi emocionada” durante a súa intervención, que comezou agradecendo ao Concello de Padrón “por terme concedido este premio pero, sobre todo, por seguir apostando polo teatro e axudar dalgunha maneira á nosa profesión, que é ás veces algo precaria. Por iso é de agradecer que continúen programando teatro”. Así mesmo agradeceu e compartiu o premio con todo equipo de Liberto porque “foi un proceso moi duro pero creo que é un espectáculo moi necesario. É duro falar destas cousas pero é moi catártico velo no teatro”.

Finalmente, a galardoa tivo palabras de lembranza para a súa familia: “para as miñas irmás, todas mulleres, aos meus pais, sobriñas e sobriños… estou moi contenta e moi orgullosa deles e delas”. Rocío González finalizou asegurando que “nestes vinte anos que levo traballando coñecín a xente marabillosa, coas que aprendín un montón e grazas a eles son a persoa que son, non so profesionalmente, senón persoalmente”.

Rocío González recibiu unha estatua conmemorativa do certame, así como un premio de 1.200 euros. O xurado estivo presidido por Lorena Couso e composta por Inma López Silva, escritora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia; Carlos Caetano Biscainho Fernández, actor e profesor da Universidade da Coruña; Alfonso Becerra Arrojo, dramaturgo, profesor da ESAD de Galicia, membro do consello asesor do centro dramático galego e director da erregueté | Revista Galega de Teatro; Roberto Pascual Rodríguez, profesor da ESAD de Galicia e director da MIT de Ribadavia; Comba Campoi García, actriz, doutora universitaria e especialista en teatro de obxectos; e como secretaria María Cruz Taboada Álvarez, animadora social do Concello de Padrón.

Prestixioso certame

Pola súa banda, Lorena Couso destacou que este ano se cumpre a vinte edición dun certame que “se ten convertido por méritos propios nun dos máis prestixiosos do panorama teatral galego”. Así mesmo, puxo en valor que Rocío González súmase a moitas outras actrices que foron merecedoras de este galardón nesta última década como Iria Pinheiro, Nuria Sotelo, María Barcala, Marta Pérez, Mónica Camaño ou Patricia Lorenzo. “Porque, as mulleres son maioría no audiovisual, pero non adoitan ser as protagonistas. Por iso son importantes historias coma Liberto, con mulleres en escena contando historias de mulleres”, apuntou Couso.

A concelleira lembrou que na súa acta de resolución, o Xurado valoraba especialmente “a capacidade de Rocío González de crear un personaxe complexo, desde a contención no nivel expresión, do personaxe de Ada en Liberto”. “Unha obra que acabamos de desfrutar neste mesmo escenario. Porque isto é algo que fai tamén único e especial este premio: que os veciños e veciñas de Padrón teñen a ocasión de comprobar por si mesmos se o Xurado do certame acertou na súa decisión. Como creo que así foi”, concluíu a concelleira.

Outono Cultural

A posta en escena de “Liberto” abriu este sábado o Outono Cultural 2021 de Padrón. Un programa que inclúe un total de 16 espectáculos gratuítos, que terán lugar no auditorio municipal de Padrón durante os dous próximos meses. Todas as actuacións serán de acceso gratuíto, sendo preciso a recollida de entradas a partir do luns anterior ao día do espectáculo no centro social de Padrón, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O “Outono Cultural” encherá de actividades o auditorio municipal de Padrón todos os venres e sábados, sempre ás 19:00 horas. Así, esta semana actuarán Talía Teatro con “A parábola do angazo” (venres 12) e Teatro Malasombra con “SOS” (sábado 13). A música protagonizará a seguinte semana co baile e música tradicional galega de Cantigas e Agarimos (venres 19) e o concerto de Nananá Quartet (sábado 20).

Malasombra Teatro e Deste Xeito Produccións porán en escena as obras “Bernarda” (venres 26) e “Feminísimas” (sábado 27). A maiores, e como celebración do día de Santa Icía, patroa dos músicos, o domingo 28 de novembro a Asociación Cultural O Pedrón ofrecerá un concerto de música e baile na Praza de Macías (se chove, trasladaríase ao auditorio).

Decembro abrirase con dúas novas actuacións teatrais: Ibuprofeno Teatro con “O mel non caduca” (venres 3) e Teatro Airiños con “Cataturxia” (sábado 4).  O venres 10 de decembro será a quenda de Redrum Teatro con “#2Pilgrims” mentres que o sábado 11 Teatro Badius porá en escena “A peregrinaxe”.

A derradeira semana do “Outono Cultural” deixará tres actividades: “Mocos”, un divertido monólogo de Cándido Pazó (venres 17) e dous concertos de Nadal. A Coral Polifónica Padronesa ofrecerá o seu concerto de Nadal o sábado 18, mentres que a Banda Municipal de Padrón fará o propio o domingo 19 de decembro.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos