in ,

Os homes que contan a nosa historia

1024px Waterhouse Hylas and the Nymphs Manchester Art Gallery 1896.15 n2 |

Non lembro un mundo sen feminismo. Lembro, na escola primaria, a activistas asistir ás nosas clases para explicarnos como os nosos órganos sexuais non determinaban o noso comportamento, e como no instituto nos explicaban que a depilación era unha decisión baseada completamente na estética e non na hixiene, como pensabamos todas dende os once anos. No seu momento, integrar estas perspectivas na educación era case revolucionario. Xente non máis maior ca eu non tivo unha educación sexual máis aló do condón, mentres que na nosa clase había activistas falando de consentimento e prostitución.

Agora mesmo, pode que algún discurso defendido nestas conversas quede incluso obsoleto na vangarda feminista, pero deron o seu froito. A día de hoxe é raro o colexio público (salientemos o de público) que non entenda o seu labor dentro do feminismo e que intente, dalgún xeito, introducir a perspectiva de xénero, con éxito ou sen el.

Queda con isto demostrada a importancia do movemento na sociedade actual e, cómo non, o teatro vese impregnado del. Cada vez hai máis historias sobre mulleres e para mulleres, cun carácter feminista moi marcado, porque hai demanda. A pesar do positiva que resulta esta mudanza, podemos atopar certas cuestións menos beneficiosas: a capitalización do feminismo, a súa banalización ou instrumentalización.

Publicidade

Dun tempo a esta parte hai un fenómeno interesante a estudar vencellado a esta cuestión: os espectáculos de mulleres feitos por homes. Non estamos ante unha cuestión necesariamente prexudicial. Penso así na peza Cariño, dirixida por Diego Chamizo, o cal é, efectivamente, un home. O espectáculo resulta interesante, xa que o director deixa a súa propia perspectiva nun segundo plano, para que sexa a de Grial Montes, a intérprete, a que destaque. Tendo en conta a equipa, maioritariamente formada por mulleres, o papel de Chamizo parece ser máis o dunha persoa que organiza un material, para que este sexa comprendido dun xeito óptimo. Podemos asumir que o director non dá a súa opinión, en favor de contar as vivencias de Montes.

CARLOTA MOSQUERA 17 |
Cariño, imaxe de Carlota Mosquera

Cariño non é o único espectáculo que fala de mulleres cun home na cabeza, podemos pensar tamén en Feminísismas, dirixida por Xavier Castiñeira, que conta coa dramaturxia de Esther Carrodeguas. A obra explora a relación que hai entre os tres feminismos máis destacables a día de hoxe, un liberal de carácter capitalista, o radical e o queer, mediante o reencontro de tres amigas de instituto. A posición da dramaturga e do director é clara, pero non deixan nunca de ser xustos có resto de feminismos reflectidos, de xeito que o seu discurso estea ben defendido, ademais de que os personaxes, a pesar de que se xogue coa caricatura, teñen a profundidade precisa para que a audiencia comprenda o porque do seu pensar.

Tamén podemos destacar outros espectáculos, como Pioneiras, de Xián Martínez, ou Cigarreras, de Cándido Pazó. O obxectivo deste texto non é criticar o traballo destes creativos nin xulgar se a súa formación feminista é a suficiente, pero si analizar o papel que teñen os homes no noso movemento, cando este está vencellado á cultura.

Cando penso neste fenómeno sempre sucede unha pregunta, ata que punto falamos de feminismo se son homes os que contan as nosas historias? Así, atopo unha contradición. No audiovisual fálase de que sempre é máis complexo atopar mulleres detrás das cámaras. Este feito pode ser extrapolado ao teatro, fóra das táboas non hai tantas mulleres, ou había. Cada vez hai máis nomes femininos a destacar na dirección, dramaturxia ou plástica escénica. Pero a cuestión está en que non sei se, ata certo punto, os espectáculos sobre mulleres feitos por homes caen nesta dinámica.

Esther F. Carrodeguas
Feminíssimas, imaxe de Serxo González

Por outra banda, tamén considero que excluír aos homes é, sobre todo, contraproducente. Se o debate feminista é só entre nós, a única solución que teriamos para abolir o patriarcado sería o lesbianismo político, que a pesar de ser tentador, pode caer no individualismo. Consecuencia de que os homes non participen (por non ter capacidade ou apetencia) nos debates vencellados ao feminismo dá pé a fenómenos como o heterofatalismo, no cal as mulleres heterosexuais amósanse profundamente pesimistas ante a busca dunha relación igualitaria cun home.

Deste xeito sigo sen unha resolución. Os homes que contan as nosas historias usurpan os nosos espazos ou forman parte do debate? A resposta non é sinxela.

Dende o feminismo fálase da necesidade dos espectáculos de mulleres e para mulleres, os cales non só é que sexan necesarios para difundir a nosa axenda. Agora son demandadas, as mulleres comezamos a ver as nosas experiencias reflectidas e non queremos que sexan modas que pasen en dous anos. Que a nosa perspectiva estea cada vez máis presente na arte e cultura é unha evidencia de que o movemento feminista é máis forte que nunca.

Entón, con isto, as historias que analizan a feminidade e a experiencia das mulleres dende o feminismo son cada vez máis comúns, pero, cantos son os produtos culturais que buscan deconstruír a masculinidade dende esta mesma perspectiva? Ao final, que unha historia sexa sobre mulleres ou para mulleres non a fai feminista. Os filmes de princesas clásicos de Disney pasan o test de Bechdel, pero dicir que a Cincenta difunde unha axenda feminista pode ser, canto menos, discutible.

Non estou a dicir nada orixinal. No movemento leva falándose desta necesidade moito tempo. Cada vez atopamos máis grupos de novas masculinidades, moitos deles rematan servindo como ferramentas de branqueamento de misóxinos. Pode que isto se dea porque non hai produtos culturais suficientes que busquen esta análise feminista sobre que é ser un home e sobre como os homes se ven afectados ou beneficiados polo patriarcado. A única peza que se me ocorre é a escrita polo meu querido (que se note o meu nesgo) Iván Caloto, H O m e, na cal fai o traballo pendente de analizar a identidade e as relacións propias da masculinidade dende un punto de vista disidente.

Publicidade

O motivo polo cal non temos estes produtos pode ser variado. Pode ser porque as artistas feministas e estudosas falan da necesidade de personaxes femininos ben feitos, coas súas historias expostas dende unha perspectiva feminista, como debe ser, pero non tanto da deconstrución da masculinidade. Por isto ou pola necesidade dalgúns homes de dar a súa opinión en absolutamente todo.

En todo caso, agora que o feminismo avanza, as necesidades avanzan con el. Aínda precisamos a perspectiva feminina e as experiencias desta reflectidas, para que as nosas fillas e netas sexan conscientes do seu poder, mais, tamén necesitamos referentes para os nosos descendentes masculinos, para que non se vexan obrigados a reflectir a masculinidade hexemónica, para ser críticos coa sociedade na que viven e o seu rol nesta. Só así conseguiremos unha sociedade xusta e igualitaria.

Publicidade
Publicidade
Diana Longa

Diana Longa

(Vigo, 2001) estudante de Dirección Escénica e Dramaturxia na ESAD de Galicia. Formada en música, sobre todo canto. Cofundadora do podcast Isolda, Diana e Martín viven nun mocasín.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Butacas |

A Agadic convoca as axudas á creación para compañías profesionais e as subvencións ás salas de titularidade privada

Kukas |

Os Monicreques de Kukas celebran o seu 43º aniversario cun programa que inclúe diversas representacións e exposicións