Desde o pasado mes de febreiro e ata o 30 de abril, a compañía Os Monicreques de Kukas está a celebrar os corenta e tres anos desde a súa creación cunha serie de representacións e exposicións dentro da Rede de Centros Socioculturais e na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Os espectáculos que poderá ver a veciñanza compostelá son De trebellos, perellos e fedellos; Xan Perillán, compra queixo, compra pan e Xan Perillán e a maleta máxica. No que respecta ás exposicións, estas ensinarán unha boa parte do patrimonio teatral da compañía por medio de instalacións (sobre todo de escenografías, elementos de attrezzo e monicreques de construción propia), carteis e deseños orixinais dalgunhas das súas obras ligadas a esta cidade.
Os Monicreques de Kukas é unha compañía fundada no ano 1979 por Isabel Rey e mais por Marcelino de Santiago, Kukas, e considérase a primeira compañía contemporánea de teatro con marionetas de Galicia. Entre os recoñecementos á súa traxectoria figuran o Premio Galicreques 21, ou o Premio da Crítica de Galicia na sección Artes Escénicas no ano 2020, ou Premio da Cultura Galega de Artes Escénicas do ano 2019 e o Premio Xiria ao Labor Teatral tamén en 2019.

- Sete persoas e entidades foron distinguidas nos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas - 07/07/2026
- Moaña acolle a primeira edición do Festival Internacional das Culturas Mar da Illa de Samertolameu - 03/07/2026
- O Convento de Santa Clara acolle a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra - 03/07/2026



